[04-11-2013] A urbanización de Aldea Nova e os lugares amienses de Barouta e Pedrouzos contan xa cun alumeado público que cumpre cos criterios de eficiencia enerxética e que permite un aforro no gasto de case un 70%. Os traballos de substitución deste alumeado, que comezaron a principios do mes de outubro, veñen de rematar e supuxeron un orzamento total de 58.715,52 euros. A maior parte deste investimento correu a cargo dunha subvención concedida polo INEGA mentres que a achega municipal foi de 8.807,53 euros.
Esta actuación en Ames forma parte dun proxecto compartido cos municipios de Brión e Lousame, que se desenvolveu no marco do convenio subscrito entre o IDAE e o INEGA, e que contou con financiamento de fondos comunitarios derivados do programa operativo FEDER-Galicia 2007-2013. Durante a fase de execución das obras, que se iniciaron no mes de outubro, o concelleiro de Urbanismo de Ames, Alfredo Taboada, supervisou o desenvolvemento dos traballos.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Santiago Amor, lembrou que Ames xa acometeu outras melloras que redundaron na eficiencia enerxética e destacou o aforro enerxético de case un 70% que supuxo este novo proxecto, xa que, por exemplo, en Aldea Nova a potencia das lámpadas do alumeado público reduciuse de 250 a 70 W. O rexedor amiense destacou que nos vindeiros meses, o Concello seguirá traballando na adopción de medidas de eficiencia enerxética, subliñando que proximamente se actuará no alumeado do polígono do Milladoiro nunha primeira fase.
As actuacións tiveron como finalidade conseguir un aforro enerxético e incrementar a eficiencia enerxética, actuando sobre as lámpadas (tanto en tecnoloxía como en potencia), nas luminarias, nos cadros de mando e nos equipos e sistemas de acendido. Así, instaláronse reloxos astronómicos en todos os lugares, coa excepción de Aldea Nova nos que xa existía. Estes reloxos astronómicos permiten o acendido e apagado das luminarias segundo a hora exacta do amencer e do solpor da zona onde se instalan, conseguindo un importante aforro e eficiencia enerxética ao evitar os acendidos e apagados accidentais que provocan as fotocélulas que estaban instaladas ata o momento.
Así mesmo, as actuais lámpadas con tecnoloxía de vapor de mercurio foron substituídas por outras equivalentes de vapor de sodio a alta presión, obtendo así unha mellor eficiencia enerxética e eliminando o risco de contaminación ambiental das antigas lámpadas. Ademais, en todos os casos substituíronse os equipos electromagnéticos convencionais por reactancias electrónicas de dobre nivel.
Deste xeito, mantivéronse as mesmas luminarias pero reduciuse a súa potencia, de xeito que se garante a perfecta iluminación da zona e, ao mesmo tempo, supón un importante aforro enerxético para as arcas municipais. A potencia das lámpadas das luminarias instaladas na actualidade oscilan entre os 70 e os 125 W, chegando en casos puntuais ata os 250 W.
Revisións de cadros eléctricos
O Concello de Ames está levando a cabo revisións nos cadros eléctricos de diferentes puntos do municipio como Agrón, Ortoño, Travesía do Porto, Avenida da Maía ou A Telleira, xa que nas últimas semanas estivéronse producindo problemas de subministro no alumeado público que están sendo solventados. Por todo isto, desde o Concello pídense desculpas polas posibles molestias que poidan ocasionar estes traballos.