Pestanas principais

O Concello de Ames invita aos locais hostaleiros a adherirse á iniciativa “Caldo de Gloria” con motivo da celebración do Día de Rosalía

Luns, 10 de febreiro de 2020

Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2020, unha efeméride que terá lugar o vindeiro 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión, Padrón e Santiago, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, organiza a actividade denominada “Caldo de Gloria”. Deste xeito, convídase aos establecementos do sector hostaleiro de Ames a que durante os días 22, 23 e 24 de febreiro sirvan cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro martes 18 de febreiro. Asemade, dentro desta iniciativa, o venres 21 servirase caldo galego na Rede municipal de comedores escolares.

A proposta que se lle fai, por terceiro ano consecutivo, ao sector hostaleiro de Ames é celebrar esta data tan sinalada, o Día de Rosalía, servindo nos diferentes establecementos o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.
 
Trátase dunha receita, tipicamente galega, que será ofrecida como tapa á hora da comida e da cea nos locais que se adhiran a esta iniciativa. Dende a Concellaría de Turismo, promotora da campaña, proponse que o caldo sexa servido durante a fin de semana (sábado 22 e domingo 23), así como o propio Día de Rosalía (o luns 24 de febreiro). Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas.

O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explica que “dende o Concello de Ames animamos a todo o sector hostaleiro a que se sume a esta orixinal proposta co desexo de homenaxear a unhas das máis destacadas figuras das nosas letras, e vinculada ao noso concello tanto na súa vida como a través da súa maxistral obra. Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar durante esas datas. Este é o terceiro ano que se desenvolve dita campaña, polo que agardamos poder superar o número de establecemos que se adheriron o pasado ano”.

Cuarta edición de Caldo de Gloria
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. En 2019 sumouse tamén o Concello de Santiago de Compostela e este ano 2020 uniuse o Concello de Dodro. Deste xeito, nesta iniciativa participan os cinco Concellos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía. Para potenciar a participación activa nesta campaña crearase o pertinente hashtag ou cancelo e na páxina web http://rosalia.gal/ poderanse descargar tódolos materiais e textos relacionados co evento.

Para participar nesta campaña, ou ampliar información, tan só hai que comunicalo a través dos correos electrónicos manuel.lens@concellodeames.gal ou atencioncidada@concellodeames.gal. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro martes 18 de febreiro.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Caldo na honra de Rosalía nos bares amesáns do 22 ao 24"

Cartel da iniciativa "Caldo de Gloria"

Multimedia

  • Cartel da iniciativa "Caldo de Gloria"