Pestanas principais

O Concello de Ames lanza unha nova campaña de “Zocos e Trasnos”

Sábado, 30 de novembro de 2024

Por noveno ano consecutivo, a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado presenta de novo a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, unha iniciativa que ten como obxectivo que ningún neno nin nena de Ames quede nestas festas sen o seu correspondente agasallo de Nadal. A veciñanza amesá que desexe participar nesta solidaria campaña serán “paxes dos Reis Magos” e encargaranse de achegar eses agasallos aos dous puntos Tranos, situados unha vez máis nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A campaña, un ano máis, está organizada polo departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames.

O persoal da Oficina de Voluntariado de Ames serán os encargados de recoller as cartas de todos os/as zocos/as aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno e trasna, a través dun código de identificación que axuda a preservar o anonimato de todas as nenas e nenos.

As bases desta iniciativa son dúas; por unha parte, son os chamados zocos/as. Son menores de entre 0 e 12 anos que pertencen a familias amesás que non están atravesando un bo momento a nivel económico (derivados dos Servizos sociais municipais). Por outra banda temos aos trasnos/as, os axudantes dos Reis Magos de Oriente e motor fundamental deste proxecto, que farán todo o posible para que ningún cativo de Ames quede sen agasallo neste Nadal.

Os trasnos/as serán os encargados de conseguir os regalos desexados polos zocos/as e, unha vez feito,  deberán de poñerlle o código que identifica a cada zoco e zoca depositalos posteriormente nos chamados Puntos Trasnos. Os únicos requisitos que han de cumprir os agasallos son dous: non ter carácter sexista nin carácter bélico. O último paso será entregarlle ás familias os agasallos dos cativos para que poidan gozar deles no día de Reis.

Como converterse en trasno/a?
Calquera persoa pode converterse en trasno/a. A única condición para participar é comprometerse co proxecto. Para rexistrarse como trasno/a pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 (da Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (do departamento de Educación familiar), enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A iniciativa de Zocos e Trasnos axudou a que máis de 150 nenos e nenas de Ames tiveran o seus agasallos no pasado ano 2023. Desde a súa implantación hai xa nove anos, esta campaña tivo moi boa acollida entre a veciñanza do concello, amosando nestas datas festivas a faciana máis solidaria dos amesáns e amesás.

O Concello de Ames lanza unha nova campaña de “Zocos e Trasnos”

Multimedia

  • O Concello de Ames lanza unha nova campaña de “Zocos e Trasnos”
  • Imaxe da campaña Zocos e Trasnos 2023