Pestanas principais

O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N

Luns, 25 de novembro de 2024

Os representantes das formacións políticas amesás, e os membros do goberno municipal, achegáronse ata a praza do Concello este luns, 25 de novembro ás 11.00 horas, para participar nos actos do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.  A Plataforma Feminista Galega en Ames convocou unha manifestación esta tarde ás 19 horas na praza da Maía, finalizando así ca súa programación de actos por este 25N.

O acto comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista neste 2024. Posteriormente, procedeuse á lectura do manifesto polos representantes de cada un dos grupos políticos municipais, que avogaron de forma unánime pola erradicación da violencia machista na nosa sociedade. O alcalde de Ames, Blas García; a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra; a voceira do Bloque Nacionalista Galego, Escarlata Pampín; a voceira de Espazo Común Ames, Luísa Feijoo e, por último a concelleira socialista Uxía García, responsable das áreas de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado.

Así mesmo, o alcalde de Ames, Blas García, foi o primeiro en intervir neste acto e lembrou a orixe da escolla deste día como Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller polo asasinato das irmáns Minerva, María Teresa e Patria Mirabal un 25 de novembro de 1960 en República Dominicana. “Case 40 anos despois deste brutal asasinato convertéronse nun símbolo de loita contra a violencia machista”, subliñou.

Pola súa banda, a voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, continou o acto enumerando as cifras de mulleres asasinadas pola violencia machista este ano e dende que hai cifras, insistindo que “a única cifra aceptable é 0”.

A seguinte en intervir no manifesto foi a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, que destacou a importancia dos concellos na eliminación desta lacra social, “os concellos somos as administracións máis próximas á cidadanía e, como tales, debemos ser a primeira liña de defensa das mulleres contra a lacra do machismo e da desigualdade”.

Así mesmo, a voceira da formación municipal Espazo Común, Luísa Feijóo, lembrou que a violencia machista “maniféstase de moitas maneiras, non só de forma física, como poden ser o maltrato psicolóxico, a violencia económica ou a violencia vicaria”.

O último grupo político en intervir no manifesto foi o PSdeG. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, rematou o acto insistindo no compromiso do Goberno local de “tolerancia cero da violencia contra a muller” e que “Esta Corporación comprométese a manter unha loita activa e adicar medios para loitar contra unha das maiores lacras do noso tempo”.

No que levamos de 2024, segundo datos da Delegación do Goberno, as vítimas mortais por violencia de xénero en España son inferiores ás do pasado ano, pasando de 58 en 2023 a 41 neste 2024.

Programación desta edición 2024
A programación do Concello de Ames con motivo do 25N comezou este pasado venres 22 de novembro coa celebración da XIV edición das Xornadas “Achégate á igualdade”, unha actividade que este ano tivo o seu eixo central na prevención e concienciación da violencia de xénero desde a educación entre a mocidade.

Por outro lado, a Plataforma Feminista Galega en Ames convocou unha manifestación esta tarde ás 19 horas na praza da Maía, finalizando así ca súa programación de actos por este 25N que xa comezou este pasado 16 de novembro coas Xornadas de Formación sobre violencia e continuou o 20 de novembro co clube de lecturas feministas “Voces de Muller” centrado nos feminicidios.  

Finalmente, a concellería de Xuventude, en colaboración con Igualdade, organiza  un obradoiro de balde chamado “Falarnos Bonito” que terá lugar o vindeiro 30 de novembro, entre as 11.00 as 13.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta e asinada a xuventude@concellodeames.gal entre o 20 e o 27 novembro. As prazas son limitadas ata completar aforo. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 722 349 483 ou enviar un correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

Manifesto íntegro do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller do ano 2024 do Concello de Ames

“Un 25 de novembro do ano 1960 as irmáns Minerva, María Teresa e Patria Mirabal foron asasinadas a golpes e abandonadas no fondo dun barranco na República Dominicana a mans da ditadura de Rafael Trujillo. Non foi ata o ano 1999 cando a Asamblea Xeral das Nacións Unidas recoñeceu o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller en honra das tres irmáns. Case 40 anos despois deste brutal asasinato convertéronse nun símbolo de loita contra a violencia machista

40 feminicidios no que levamos de 2024. 56 en 2023. 1.284 dende que se empezaron a contabilizar datos no ano 2003 en España. A pouco máis dun mes de empezar o ano 2025 seguimos reivindicando que a única cifra aceptable é 0 e que é nosa esta loita contra a violencia machista e non se vai deter ata acadala e que isto non deixe de ser unha utopía.

Hoxe estamos aquí falando por aquelas que xa non poden, por todas aquelas que foron silenciadas por sempre, coma Estela Blach Silva, quen con 36 anos era asasinada a golpes pola súa ex parella a comezos deste mes de novembro. Os concellos somos as administracións máis próximas á cidadanía e, como tales, debemos ser a primeira liña de defensa das mulleres contra a lacra do machismo e da desigualdade, activando mecanismos de prevención, defensa, vixilancia, reinserción e reparación dos danos das vítimas.

A violencia maniféstase de moitas maneiras, non só de forma física. Existen formas de ferir como poden ser o maltrato psicolóxico, a violencia económica que ata as vítimas ao seu agresor, a violencia vicaria que ataca ao máis prezado que posúe unha persoa, os seus fillos e fillas, ou a cousificación da muller á que todas e todos estamos expostos a diario.

Dende o Concello de Ames, toda a Corporación unida reivindica o seu compromiso de tolerancia cero da violencia contra a muller. Non máis silencios cómplices, non máis xustificacións absurdas. Hoxe, coma todos os anos, lanzamos unha mensaxe de unidade e de tolerancia cero contra todo tipo de violencia cara a muller. Esta Corporación comprométese a manter unha loita activa e adicar medios para loitar contra unha das maiores lacras do noso tempo.

Nin unha máis, nin unha menos.”

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Rexeitamento unánime da violencia de xénero en prazas, rúas e escolas da Área"

 

O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N

Multimedia

  • O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N
  • O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N
  • O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N
  • O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N
  • O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N
  • O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N