Pestanas principais

O Concello de Ames loita por unhas festas libres de violencia machista

Xoves, 10 de agosto de 2023

O Concello de Ames reiterou nestas festas o seu compromiso contra a violencia de xénero instalando unha caravana morada que prestou servizo a medio centenar de persoas, destacando a presenza de xente de idades comprendidas entre os 14 e 20 anos, durante os días grandes das festas de Milladoiro e Bertamiráns.

Ames conta cun Centro de Información á Muller (CIM) xestionado polo Concello que proporciona asistencia psicolóxica e asesoría xurídica a vítimas de violencia de xénero, así como un teléfono de auxilio dispoñible de 9.00 horas a 14.00 horas en horario de verán e de 9.00 horas 15.00 horas o resto do ano que sería 662 371 392. Tamén dispón dunha Casa de Transición na que se poden refuxiar as vítimas en casos de violencia de xénero nos que sexa necesaria unha intervención inmediata.

Este espazo seguro, que estivo dispoñible durante a actuación de “Heredeiros da Crus” e da orquestra “Panorama”, contou cunha psicóloga e unha traballadora social e axente en igualdade, que cumpriron a dobre función de informar e axudar ás vítimas de agresións e tamén sensibilizar e darlle visibilidade ante a sociedade ás agresións sexuais nas festas.

O balance destes dous días resúmese en medio centenar de persoas atendidas por distintos motivos que van dende realizar asistencia coa carga dos teléfonos móbiles a rapazas e rapaces ata proporcionar información sobre a forma de proceder á hora de denunciar un caso de violencia de xénero. Este punto de encontro seguro serviu tamén de refuxio para que adolescentes esperasen a seus pais cando decidían poñer o punto e final a noite de festa. Detectouse tamén unha gran preocupación entre as rapazas por un tipo de violencia específica como é a submisión química, lacra sobre a que tamén se proporcionou información sobre como detectar os síntomas e poder actuar en consecuencia.

Imaxe da caravana morada nas festas de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe da caravana morada no Milladoiro