Pestanas principais

O concello de Ames mantén as medidas de restrición de nivel básico que entraron en vigor o pasado 4 de decembro

Xoves, 17 de decembro de 2020

O Concello de Ames lémbralle a veciñanza amesá que se manteñen vixentes as medidas de restrición de nivel básico, establecidas pola Xunta de Galicia o pasado 3 de decembro, e que entraron en vigor ás 00.00 horas do 4 de decembro. Ademais, é importante recordar que a veciñanza de Ames non se poderá desprazarse a aqueles concellos que teñen establecido o peche perimetral, como é o caso dos concellos veciños de Santiago de Compostela, Negreira, Santa Comba, Mazaricos entre outros, aos que só se poderá acudir con causa xustificada, que estea contemplada na normativa reguladora das restricións. Prégase seguir respectando todas as normas e non baixar a garda durante as festas de Nadal, polo ben da saúde de todas e todos.  Preme nesta ligazón para consultar as medidas que seguen vixentes en Ames.

Segundo o establecido pola Xunta de Galicia o pasado 3 de decembro, no concello de Ames, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre e en espazos de uso privado, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de 6 persoas, agás que se trate de persoas conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de 6 persoas.

A limitación prevista neste número non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Parques infantís, biosaudables e pistas polideportivas ao aire libre
Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

Hostalería e restauración
Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o 50% da súa capacidade para consumo no interior do local. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra.

As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao 75% das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez. A ocupación máxima será de 6 persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada, e a día de hoxe os clientes deberán deberán abandonar o establecemento antes das 23.00 horas, tendo en conta que hai vixente unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno.

Actividades e instalacións deportivas
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Restrición na mobilidade nocturna
Mantense a restrición na mobilidade nocturna que impide desprazamentos, salvo con xustificación, entre as 23.00 horas e as 06.00 horas. Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Ademais, incídese que nesta nova etapa de restricións é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Para máis información pode facer consulta no seguinte teléfono: 662 099 944.

Cartel coas medidas vixentes no concello de Ames

Multimedia

  • Prégase seguir respectando todas as normas e non baixar a garda durante as festas de Nadal, polo ben da saúde de todas e todos.