Pestanas principais

O Concello de Ames mellora cun horario máis amplo a Aula Cemit de Bertamiráns ata final de ano

Luns, 27 de outubro de 2014

[27-10-2014] A Aula de Cemit de Bertamiráns reiniciou este fin de semana a súa actividade ampliando o seu horario neste último trimestre do ano, xa que de luns a venres abrirá ao público doce horas diarias ininterrompidas. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, conta cun novo horario máis amplo que ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que ofertará ao longo dos vindeiros meses. Deste xeito, a aula estará aberta ao público de luns a venres a xornada completa, cun horario que abrangue desde as 09:30 ás 21:30 horas. Ademais, os sábados a Aula Cemit de Bertamiráns abrirá entre as 09:30 e as 13:30 horas.

Cursos de novembro e decembro
Para o mes de novembro está prevista a realización dunhas "Xornadas de iniciación á Internet" dirixidas a persoas maiores de 18 anos. Tamén neste caso prográmanse quendas de mañá e de tarde e en cada unha delas admitiranse 10 persoas. Pola mañá o horario será de 10:00 a 11:30 horas e pola tarde de 18:00 a 19:30 horas. Para esta actividade aínda quedan 5 prazas libres. O obradoiro de postais de Nadal, dirixido a nenos e nenas de 6 a 8 anos, realizarase do 16 ao 18 de decembro, en horario de 18:00 a 19:00 horas. Para este obradoiro quedan 6 prazas libres.

As inscricións para todos estes obradoiros poderán realizarse na Aula de Informática que está situada na casa da Cultura do Milladoiro. As inscricións poderán facerse en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Calquera persoa que desexe máis información poderá obtela directamente na Aula de Informática, enviando un correo electrónico a informatica.milladoiro@concellodeames.org ou chamando ao teléfono 981 53 59 40.

Aula aberta
Por outra banda a Aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula aberta para que todas aquelas persoas que desexen facer tarefas particulares tales como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00 a 20:00 horas de luns a xoves. Os venres, o servizo de aula aberta préstase pola mañá, entre as 9:30 e as 13:30 horas. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroado no Concello de Ames.
Ao longo desta semana a instalación funcionará en horario de aula aberta para todas aquelas persoas que desexen facer tarefas particulares tales como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal ou buscar información. A partir de novembro, a Aula Cemit comezará coa súa nova programación de cursos.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT do Concello Ames, configúrase como un instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da veciñanza amiense. A Rede CeMIT, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) da Xunta de Galicia, ten como obxectivo formar á cidadanía con poucos ou escasos coñecementos nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) en alfabetización dixital básica. Ademais, pretende capacitar en coñecementos TIC máis avanzados á cidadanía que xa posúe coñecementos básicos e potenciar a innovación social e uso das TIC para a resolución de retos sociais.

Informática no Milladoiro
Pola súa banda, a Aula de informática do Milladoiro continúa organizando cursos durante o último trimestre do ano. Durante este mes organizou un obradoiro de mecanografía, que está dirixido ás persoas maiores de 18 anos. Esta actividade estase desenvolvendo os días 21, 22, 23, 27 e 28 de outubro. O curso estase impartindo en dúas quendas, unha de mañá que se desenvolve en horario de 10:00 a 11:00 horas, e outra de tarde que se imparte en horario de 18:30 a 19:30 horas. Neste curso están inscritas 18 persoas. Durante o mes de novembro impartiranse unhas "Xornadas de iniciación á Internet", para as que quedan 5 prazas libres, mentres que para decembro está previsto un obradoiro denominado "Postais de Nadal", que está dirixido aos nenos/as de 6 a 8 anos. Para esta actividade aínda quedan 6 prazas libres.

Os cursos da Aula de informática do Milladoiro seguen espertando unha gran demanda entre a veciñanza amiense. Durante o mes de outubro estase impartindo un obradoiro de mecanografía no que participan 18 persoas (10 en quenda de mañá e outras 8 en quenda de tarde). Este curso, que está dirixido ás persoas maiores de 18 anos, estase desenvolvendo os días 21, 22, 23, 27 e 28 de outubro. Trátase dunha actividade totalmente gratuíta e que ten unha duración de 5 horas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames mellora cun horario máis amplo a Aula CeMIT de Bertamiráns"