Pestanas principais

O Concello de Ames monta un operativo especial debido á alerta por vento e choiva

Martes, 31 de outubro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, informa que ten organizado un operativo especial debido á declaración de alerta por temporal de vento e choiva. Dito operativo comeza a funcionar este mércores, 1 de novembro, a partir da tarde, e prolongarase durante toda a xornada do xoves 2 de novembro. As chamadas de emerxencia hai que centralizalas no 112, Policía Local: 619 76 75 75; ou Protección Civil: 673 17 88 88. Premendo nesta ligazón podes descargar a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre un episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos en Galicia.

Prevense que a partir deste mércores, 1 de novembro, pola tarde, unha borrasca deixe en Galicia forte vento e choivas abundantes. Ademais, o xoves 2 de novembro, deixará fortes rachas de vento, que poderían superar os 100 quilómetros por hora. Por este motivo, o Concello de Ames ten programado un operativo especial a partir da tarde deste mércores, que se prolongará durante toda a xornada do xoves 2 de novembro.

No dispositivo especial colaborarán os/as axentes da Policía Local, integrantes da Agrupación de Protección Civil de Ames, brigada municipal e operarios da empresa Espina & Delfín, concesionaria do Ciclo integral da auga, e da empresa Urbaser, que se encarga do servizo de limpeza.

Os membros da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames estarán de garda ao longo da noite para poder atender os diferentes problemas que poidan xurdir polo mal tempo. Dito dispositivo estará coordinado polo alcalde de Ames, Blas García, polo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e polo concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández.

Ante este aviso de temporal, dende o Concello aconséllase estremar as precaucións nas viaxes e desprazamentos por estrada. Ademais, tamén se deben asegurar aqueles obxectos que penduren de fiestras ou balcóns e que poidan desprenderse por causa do vento. As chamadas de emerxencia hai que centralizalas no 112, Policía Local: 619 76 75 75; ou Protección Civil: 673 17 88 88.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Ames organiza un operativo especial por el temporal de viento y lluvia"

O Concello de Ames monta un operativo especial debido á alerta por vento e choiva