Pestanas principais

O Concello de Ames oferta 13 eventos dentro da programación deportiva trimestral

Mércores, 13 de abril de 2016

[13-04-2016] A concellaría de Deportes acaba de publicar a programación trimestral deportiva que se desenvolverá entre os meses de abril e xuño. Estas actividades están dirixidas a todos os públicos. Un total de 13 eventos forman esta programación na que están incluídas diferentes xornadas, campionatos, campus, encontros, exhibicións, galas e o acto de clausura das escolas deportivas. Coa colaboración e participación activa das entidades e clubs deportivos municipais, o Concello de Ames amosa para os vindeiros meses a súa aposta polo deporte con actividades de toda índole e diferentes disciplinas (karate, patinaxe, BTT, atletismo, piragüismo, ciclismo, tute, baloncesto, fútbol sala, motocross, fútbol...).

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, sinala que “esta programación é unha planificación deportiva que está viva e verase incrementada con algúns eventos que a día de hoxe non se teñen pechado. Dende o Concello queremos fomentar o deporte como alternativa de ocio para todas as idades e disciplinas, agardando contar con outros eventos que se pechen nos vindeiros meses".

O mes de abril abre coa entrega de premios do campionato de tute, que se realizará este venres 15 de abril, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O sábado 23, no pavillón municipal de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas, os karatekas da contorna daranse cita na Xornada de Karate Infantil Interclubs.

O domingo 24 o club ciclista Os Esfola Arrós organiza a maratón de MTB (bicicleta de montaña) Transgalaica do Concello de Ames, cuxa saída do Pazo da Peregrina de Bertamiráns está programada para as 10:00 horas. Esta é unha das principais novidades que se inclúen na programación deportiva deste trimestre. A través desta actividade a veciñanza amesá poderá gozar dunha carreira de bicicletas de montaña ao máis alto nivel e polas pistas do rural. A liña de meta tamén estará instalada no Pazo da Peregrina.

A derradeira actividade do mes de abril é o VII Encontro de patinaxe das Escolas deportivas, que terá lugar o sábado 30 de abril, entre as 9:00 e as 21:00 horas, no pavillón municipal de Bertamiráns. A patinaxe é unha das actividades con maior participación dentro das escolas deportivas municipais. Haberá competición de grupos, probas individuais e distintas exhibicións.

Miñones engade que “dende a concellaría de Deportes lévase traballando na realización de diferentes actividades ao longo destes meses, como foron a Gala do deporte feminino, o Trial Galaico que tivo lugar no pasado mes de febreiro, a Gala municipal do deporte ou mesmo a Carreira pedestre, que este ano contará cun valor engadido. Ademais, estase traballando nun evento deportivo ao aire libre como é o Día do deporte con partidos e exhibicións dos clubs nas prazas do concello e que terá lugar á volta de vacacións”.

Programación do mes de maio
Outra das novidades que se inclúen dentro desta programación é a Gala benéfica A túa axuda, a miña ilusión, que terá lugar o domingo 1 de maio no pavillón municipal do Milladoiro, en horario de 10:00 ás 20:00 horas. Este evento estará organizado polos clubs da contorna do Milladoiro.

Para o segundo domingo de maio, día 8, está previsto que se desenvolva a celebración do Día da Bici nas inmediacións do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Este evento comezará ás 11:00 horas. O domingo 15 de maio, a partir das 16:00 horas, o circuíto Alex de Moure acollerá o Gran premio de supercross Concello de Ames, que está organizado polo Motoclub Ameixenda.

O martes 17 de maio terá lugar o IV Campus para porteiros/as de fútbol sala no pavillón municipal de Bertamiráns, que está organizado polo Fútbol Club Meigas. Trátase dunha xornada de formación cos mellores profesionais no que os e as asistentes poderán mellorar as súas capacidades de porteiro/a. O sábado 21, na praza de Chavián, en Bertamiráns, o Club Baloncesto A Mahía organiza a Xornada 3x3 de baloncesto na rúa. É a primeira vez que se vai a desenvolver esta iniciativa co obxectivo de fomentar a práctica do baloncesto entre a rapazada amesá. Para o sábado, 28 de maio, está previsto o acto de clausura das Escolas deportivas municipais, que se desenvolverá, a partir das 16:30 horas, no pavillón municipal de Bertamiráns.

O concelleiro de Deportes explica que “deseñouse unha programación que combina actividades novas con outras que xa están asentadas en Ames como son a entrega de premios do campionato de tute, a xornada de karate Infantil de Interclubs, o encontro de patinaxe das Escolas deportivas, o Día da bicicleta, o Gran premio de supercross, a clausura das Escolas deportivas municipais, a xornada de portas abertas ao piragüismo e xa tradicional Ames Cup de fútbol 8”.

Actividades do mes de xuño
Durante o mes de xuño haberá tres citas deportivas. A primeira desenvolverase o sábado 18 na praia fluvial de Tapia. Un ano máis o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre desenvolverá a iniciativa Achégate ao piragüismo, a través da cal se quere convidar á veciñanza amesá a iniciarse neste deporte. Durante a derradeira fin de semana de xuño, o Bertamiráns Fútbol Club organiza unha nova edición da Ames Cup na que participarán rapaces e rapazas da categoría sub-8. Este torneo terá lugar no campo municipal de fútbol de Bertamiráns os días 25 e 26, en horario de 10:00 a 22:00 horas.

Ademais, o domingo 26, as familias de Ames están convidadas a achegarse ao aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, para participar na primeira edición da Carreira da Familia. Trátase dunha carreira benéfica de curta distancia e aberta a toda a cidadanía, avós, pais, nais e nenos/as. Será un evento festivo polas rúas do Milladoiro que contará coa participación de numerosas entidades de Ames e que pechará o calendario do trimestre.

Por último, o rexedor municipal destaca que “o programa de goberno para o deporte pasa polo apoio recíproco entre o Concello de Ames e os clubs, que se está deseñando a partir do Consello consultivo deportivo e a posta en marcha do Padroado deportivo. Na pasada semana houbo unha primeira toma de contacto entre Concello e as entidades deportivas. Ademais, na videira semana haberá outra xuntanza coas ANPAS e cos centros educativos, de cara a deseñar as actuacións futuras en materia de escolas e eventos”.