[18-03-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, oferta unha dobre cita teatral para este venres, 21 de marzo, en Bertamiráns e no Milladoiro. Deste xeito, haberá teatro para adultos e teatro infantil. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle ás 18:30 horas a representación da obra “Xango: A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina”, a cargo da compañía Talía Teatro. Xa pola noite, ás 21:00 horas, haberá teatro profesional na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta ocasión a compañía Redrum Produciones representa “Currículum Vitae”. Ademais, ás 11:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro haberá unha sesión escolar de teatro, que está dirixida ao alumnado do CEP de Ventín e do CEIP Agro do Muíño. Os escolares amienses poderán ver a obra “Xango” de Talía Teatro.
Esta fin de semana volve o teatro ao concello de Ames cunha oferta dirixda tanto aos nenos/as coma aos adultos. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 21 de marzo, ás 21:00 horas, a representación da comedia Curriculum Vitae a cargo da compañía compostelá Redrum Teatro. Trátase dunha comedia para adultos que fala da precariedade do actual mercado laboral a través dunha serie de entrevistas de traballo. Está protagonizada por Mónica García, actriz gañadora en tres ocasións do Premio María Casares de teatro, e por Guillermo Carbajo, ambos os dous coñecidos polo gran público por series de televisión como Pratos Combinados ou Valderrei.
A obra está dirixida por Alex Sampayo, moi coñecido polo seu traballo no sector audiovisual no que ten dirixido series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento está a piques de estrear a súa ópera prima, unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera. Curriculum Vitae componse de cinco pezas escritas, a partir dun argumento de Alex Sampayo e Borja F. Caamaño, por cinco grandes plumas da escena e o audiovisual galegos: Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e Jose Prieto.
Esta é a terceira produción de Redrum Teatro, compañía compostelá fundada no 2009 que xa levou ás táboas a obra de suspense A Pensión (con Rosa Álvarez, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo) e a infantil Moito Conto (con Mónica García, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo), ambas as dúas con grande éxito de público e crítica.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 21 de marzo, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Teatro infantil
Por outra banda, este venres 21 de marzo, ás 18:30 horas, haberá teatro infantil na Casa da Cultura do Milladoiro a cargo da compañía Talía Teatro que representará a peza Xango: A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina. Talía Teatro conta a historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, de tódalas aventuras que viviu, e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar. Trátase dun espectáculo de mimo e clown, dirixido ao público infantil, concretamente a un público entre 7 e 12 anos.
Ademais, ás 11:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro haberá unha sesión escolar de teatro, que está dirixida ao alumnado do CEP de Ventín e do CEIP Agro do Muíño. Os escolares amienses poderán ver a obra do fantástico mundo de Xango, que representará a compañía Talía Teatro. Ao mundo infantil atráelle especialmente o mundo das computadoras, tablets, móviles e diversos aparellos electrónicos. Este espectáculo ademáis de proporcionarnos diversión faralles reflexionar sobre os usos e abusos do mundo cibernético.
As entradas para asistir á función das 18:30 horas teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 21 de marzo, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames, Vedra y Melide se vuelcan con el teatro"