Pestanas principais

O Concello de Ames ofrece alternativas para todos os públicos na súa programación cultural e deportiva “Primavera 2012”

Martes, 03 de abril de 2012

[03-04-2012] Neste segundo trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades culturais e deportivas deseñado para ofertar unha trintena de alternativas de interese para todo tipo de públicos. “Primavera 2012” centrará a súa atención na conmemoración das efemérides relacionadas co libro e coas letras galegas pero ofrece ademais unha ampla programación de exposicións, representacións teatrais, obradoiros de cine e natureza e competicións deportivas, entre outras iniciativas.

Programación deportiva

A programación deportiva do trimestre arranca o sábado 14 de abril co III Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais. Será no Pavillón de Bertamiráns entre as 10,00 e as 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. En contacto coa natureza, o programa “Primavera 2012” propón o 29 de abril a unha “Andaina solidaria” pola Senda Verde de Ames en colaboración co Club de Atletismo MillaRaio. Sairase ás 10,00 horas de forma simultánea desde Milladoiro e Bertamiráns para chegar ata un punto de encontro en Bugallido e retornar ao lugar do inicio da marcha. As inscricións poderán realizarse do 16 ao 27 de abril no teléfono 981 884 991.

No mes de maio, o domingo 13 terá lugar ás 16,30 horas a proba de Supercross puntuable para o campionato galego no circuíto de Brins. O sábado 26 celebrarase no Pavillón de Bertamiráns, ás 16,30 horas, a clausura das escolas deportivas municipais.

En xuño, a praia fluvial de Tapia acollerá o sábado 9 a iniciativa “Achégate ao piragüismo” a partir das 11,00 horas. O domingo 17 desenvolverase a XII edición da Milla Urbana. Sairá da área deportiva do Milladoiro ás 11,00 horas.


Exposicións e obradoiros

No apartado expositivo, o Pazo da Peregrina acollerá entre o 13 e o 20 de abril a exposición “A luz da porcelana” de Chus Cao. A inauguración será ás 19,30 horas e poderá visitarse, de luns a venres, de 17,00 a 20,00 horas. Do mesmo xeito, entre o 28 de maio e o 1 de xuño, o Pazo de Peregrina exporá os traballos do obradoiro de manualidades. A inauguración da exposición será neste caso ás 20,30 horas. Estará aberta ao público de luns a venres, en horario de 17,00 a 20,00 horas.

No programa de primavera organizaranse varios obradoiros orientados aos mozos de Ames. No mes de abril impartirase “Titerehop”, un obradoiro de hip-hop de expresión plástica dirixido aos rapaces de entre 13 e 17 anos. Será o sábado 21 na Praza do Concello de Bertamiráns ás 18,30 horas. O prazo de inscrición será do 12 ao 19 de abril no teléfono 981 884 991.

Relacionado co mundo audiovisual, o Concello de Ames celebrará dous obradoiros de cine dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos. “Galego de cine” consistirá no visionado e na elaboración de curtametraxes e se desenvolverá o mércores 2 de maio no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 17,00 horas, e o xoves 3 de maio no aparcadoiro da Casa da Cultura de Bertamiráns, tamén ás 17,00 horas. Para participar é preciso inscribirse entre o 23 e o 30 de abril chamando ao teléfono 981 884 991.

A Aula da Natureza de Ameixenda acollerá o obradoiro “Chocolate na horta”, que se impartirá en catro sesións ao longo do trimestre. Así, o sábado 21 de abril, ás 10,30 horas, o obradoiro comezará coa actividade “Preparación e fertilización” e continuará o sábado 28, tamén as 10,30, coa “Sementeira”. Xa en maio, o sábado 12, a Aula da Natureza acollerá a sesión “Coidado e protección contra as pragas”. O obradoiro rematará o sábado 16 de xuño coa “Rega e recolleita”.

Na semana do luns 28 ao xoves 31 de maio terán lugar as clausuras dos obradoiros culturais co seguinte calendario:

  • Xadrez, luns 28. Na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18,00 horas.
  • Teatro de Bertamiráns, luns 28. Representarase “O consultorio” na Casa da Cultura de Bertamiráns as 19,00 horas.
  • Xadrez, martes 29. Na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18,30 horas.
  • Teatro do Milladoiro, martes 29. Representarase “Vivir rodando” na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20,00 horas.
  • Iniciación ao baile de salón, mércores 30. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20,30 horas.
  • Iniciación e perfeccionamento ao baile de salón, xoves 31. Na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20,30 horas.

Pola súa banda, o Club de Debate celebrará a súa final comarcal o sábado 14 de abril no Auditorio de Galicia de Santiago, entre as 9,00 e as 19,00 horas. No mes de xuño, o domingo día 17 celebrarase, a partir das 18,00 horas, a clausura do obradoiro de baile e música tradicional na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Como é habitual, o Concello de Ames organizará o sábado 16 de xuño unha nova excursión dentro do programa “Coñecendo o país”. Esta vez o destino será a Ribeira Sacra. As inscricións poderán realizarse do 4 ao 8 de xuño.


No eido das letras, o sábado 21 o Concello de Ames celebrará o Día do Libro coa iniciativa “Literatura na praza”. Nesta xornada, haberá exposición e venda de libros, obradoiros, actuacións musicais, presentación de libros e a lectura pública dos traballos galardoados o pasado ano no Certame Literario Concello de Ames. Será na Praza do Concello de Bertamiráns a partir das 16,30 horas.

No Día das Letras Galegas, o 17 de maio a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 18,00 horas, un acto conmemorativo en homenaxe a Valentín Paz Andrade no que se realizará a entrega de premios aos gañadores da presente edición do Certame Literario Concello de Ames e do Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto contará coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames. Cómpre lembrar que o prazo para a presentación de textos ao IX Certame Literario Concello de Ames remata o 12 de abril. No caso do IV Certame Artístico-Literario Intercentros, o prazo finaliza o 9 de maio.

Do mesmo xeito, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá baixo o título “Valentín Paz Andrade na voz da xente” unha sesión de contacontos musicados sobre a vida e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Será o martes 15 de maio a partir das 20,30 horas.

Teatro, maxia e música

A actividade teatral será intensa no Concello de Ames neste segundo trimestre de 2012. Comezará o venres 13 de abril coa representación o venres 13, ás 18,30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro do espectáculo infantil “Rosalía, a pulga que escribía”, da compañía Galitoon. A obra será representada tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 20, ás 18,30 horas. Unha semana máis tarde, o venres 27, ás 21,00 horas, a compañía Produccións Teatrais Excéntricas representará na Casa da Cultura do Milladoiro a montaxe “O turista madrileño”.

No mes de maio, Produccións Teatrais Excéntricas traerá á Casa da Cultura de Bertamiráns o seu traballo “Oeste solitario”. Será o venres 25, ás 21,00 horas. Pola súa banda, o Grupo Municipal de Teatro de Ames estreará o sábado 26 a súa versión de “O médico a paus”. Será a partir das 21,00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

O venres 1 de xuño será a oportunidade de asistir ao espectáculo “Moito conto”, da compañía Redrum Teatro, que levará a súa obra á Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 18,30 horas. No mes de xuño, o grupo de Teatro do Psiquiátrico de Conxo representará “Luces de tolemia” en dúas ocasións: o martes 12, ás 18,30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns e o martes 19, tamén ás 18,30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O venres 15, ás 21,00 horas, The Puntillas Teatro traerá á Casa da Cultura do Milladoiro a súa montaxe “Vidas privadas”.

A maxia terá tamén o seu oco nesta programación cultural. Así, o venres 11 de maio a partir das 18,30 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns servirá de escenario para a representación de “Ao ritmo da maxia”, da compañía Fusionarte.

No programa musical deste trimestre destaca o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Ames, que terá lugar o venres 22 de xuño, ás 19,30 horas, na Casa da Cultura de Bertamirás.