Pestanas principais

O Concello de Ames organiza a II Andaina co fin de promover unha nova ruta polo Rego dos Pasos

Xoves, 12 de xaneiro de 2012

[12-01-2012] O Concello de Ames, a través da brigada de restauración de marxes fluviais e forestal dependente da concellería de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, limpou durante os últimos meses as marxes fluviais do Rego dos Pasos. Agora vai promover unha nova ruta para dar a coñecer este fermoso entorno natural. O vindeiro domingo 22 de xaneiro levarase a cabo a II Andaina Concello de Ames co lema “Camiña pola conservación do río” e coa finalidade de ofrecer unha nova ruta neste municipio e de concienciar ás persoas da importancia de colaborar no mantemento e conservación do entorno natural. A II Andaina Concello de Ames partirá ás 11.00h do aparcamento de Carrefour que está a carón do paseo fluvial de Bertamiráns para facer un percorrido aproximado de 6 quilómetros. As incripcións deben facerse ata o venres día 20 de xaneiro no departamento de medio ambiente situado na Casa do Concello, nos teléfonos 660 004 665 ou 662 377 544 entre as 9.00h e as 21.00h ou no correo electrónico medioambiente@concellodeames.org.

O Concello de Ames organiza a II Andaina co lema "Camiña pola conservación do río" que se celebrará o próximo 22 de xaneiro a partir das 11.00 h. Trátase de promocionar unha nova ruta que percorre uns seis quilómetros a carón do Rego dos Pasos. A dificultade da ruta é baixa, polo que con calzado e roupa cómodos é sinxela de facer. Recoméndase levar auga e comida xa que se prevé facer unha parada na metade da ruta, nos muíños de Pousada.

O Rego dos Pasos

O Rego dos Pasos é un regato que percorre varios quilómetros do municipio amiense dende a parroquia de Ames ata a localidade de Bertamiráns, onde desemboca no río Sar. O Concello de Ames, a través da concellería de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, comezou a limpeza do Rego dos Pasos a principios do mes de setembro e rematará a finais deste mes.

As principais actuacións que se levaron a cabo son a retirada de madeira das árbores que estaban caídas no río, a roza das marxes fluviais en zonas de entre un e tres metros, a retirada de madeira, follas e pequenos materiais orgánicos acumulados nas raíces das árbores da ribeira debido á corrente da auga. Tamén se levou a cabo a retirada de residuos sólidos orgánicos que foron aparecendo por todo o cauce así como a eliminación de especies invasoras.

A importancia de manter a ruta

A importancia da nova ruta radica principalmente en que a xente que se anime a camiñar por ella pode contribuír á conservación do entorno coa recollida de residuos ou avisando ao Concello da caída de árbores ou de posibles problemas que se poidan atopar.

A concelleira de Medioambiente, Eugenia Martín Vicente, explicou que " dende o Concello de Ames se está a traballar para coidar o medioambiente, e para a súa conservación". A concelleira anima a todo o mundo a que participe na II Andaina Concello de Ames " na que unha técnico municipal dará unha pequena charla sobre aspectos relacionados coa ruta e coa limpeza levada a cabo nas marxes fluviais".