- Tematica
O Concello de Ames presentou esta mañá a segunda edición da Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”. A feira celebrarse o próximo sábado, 22 de outubro, na parroquia de Trasmonte, co obxectivo de recuperar os oficios ligados ao monte. A presentación contou coa asistencia de Manuel Lens, concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente; Santiago Márquez, concelleiro do Rural e Participación Cidadá; Patricia Reboreda, técnica responsable da Aula da Natureza e Sonia Moure, técnica municipal do departamento de Turismo.
“Dende o Concello de Ames fai tempo que apostamos polo monte porque cremos que é necesario recuperar as actividades do noso rural”, explica Lens sobre unha cita que busca valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte galego.
O programa comezará ás 11.30 horas coa apertura da feira, “este ano, os expositores duplicaron a súa resposta respecto do ano pasado, permitindo un evento de maiores dimensións”, sinala Patricia Reboreda, técnica responsable da Aula da Natureza.
Expositores participantes
Reboreda detallou os diferentes atractivos do evento que contará “con 12 mostras distintas, que recuperan vellas ocupacións do monte”.
Entre os expositores, destacan sectores como a cosmética, apicultura, cestería, cereais, medicina natural, o porco celta, aceites e cogomelos. Deste último produto ofrecerase unha importante exposición e unha charla de 17.00 a 18.00 horas a cargo de persoal da Asociación Estrada Micolóxica. Tamén se habilitará un stand sobre a horta ecolóxica da aldea modelo de Osmo, en Cenlle.
Ademais, ofrecerase un obradoiro cooperativo de 11.30 ás 19.00 horas, así, durante toda a xornada os visitantes elaborarán unha gran folla que quedará no Concello de Ames como recordo.
Showcooking e presentación de Fisterra Bovine World
Entre as 13.30 e as 15.00 horas organizarase a presentación de Fisterra Bovine World, en colaboración con Discarlux e a Deputación da Coruña. A actividade incluirá un showcooking, invitarase a probar os pratos e ofrecerase unha visita guiada do proxecto, explicando os distintos métodos de cría da carne destinada a produtos gourmet. A iniciativa vén de recibir o premio á mellor chuleta de España.
Ademais, a Deputación da Coruña conta cun stand propio no que presentarán a campaña “Unha provincia que sabe”, na que se ofrecerá un showcooking.
Completan o programa dous proxectos propios do Concello de Ames, un deles sobre a repoboación de faixas de protección de incendios con autóctonas caducifolias e outro sobre a recuperación de camiños do monte. Estas exposicións inclúen ademais un viveiro de planta forestal.
“O obxectivo da feira é converterse nun polo de atracción para visitantes, por cuxa área de celebración pasa o Camiño de Fisterra-Muxía”, finalizou Sonia Moure, técnica municipal do departamento de Turismo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La Feira do Monte de Ames del día 22 duplica participantes"
El Correo Gallego: "A Feira do Monte traerá 12 mostras de oficios o día 22"
Enfoques: "Ames organiza la segunda edición de la Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”"
Lindeiros: "II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto” en Ames"