[04-03-2014] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, organiza dous cursos de calceta (iniciación e perfeccionamento) que se desenvolverán na Casa da cultura do Milladoiro durante os meses de marzo, abril, maio e xuño. Ademais, ofrecerase un servizo de seguimento en Bertamiráns. As persoas que xa participaron en cursos anteriores e desexen seguir calcetando poderán acudir á Casa da Cultura de Bertamiráns para resolver as súas dúbidas. Ofrécense dous horarios diferentes. O primeiro e terceiro mércores de mes das 10:30 ás 11:30 horas e o primeiro e terceiro xoves de mes das 18:30 ás 20:30 horas. Estas actividades están dirixidas a todas aquelas persoas que teñan de 12 anos en diante.
Trala boa acollida que tiveron os curso de iniciación á calceta realizados en 2012 e 2013, o Concello de Ames segue dándolle continuidade a esta actividade municipal que conta con numerosos adeptos. Para elo, vanse organizar novos cursos de iniciación e perfeccionamento á calceta no Milladoiro, mentres que en Bertamiráns ofrecerase un servizo de seguimento para todas aquelas persoas que xa participaron en cursos anteriores.
O curso de iniciación á calceta impartirase os luns en horario de 18:30 a 19:30 horas, mentres que o curso de perfeccionamento será os venres de 10:30 a 11:30 horas. Ambos os dous cursos desenvolveranse na Casa da Cultura do Milladoiro. Para estas actividades ofértanse un total de 40 prazas (20 prazas para cada un dos cursos). Estes cursos están dirixidos a todas aquelas persoas que teñan de 12 anos en diante. Todas as persoas que asistan a esta actividade deben levar agullas do número 4 e unha madeixa de la de cor claro que se axeite as devanditas agullas.
Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información sobre estes cursos poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Estas actividades comezarán o día 10 de marzo e desenvolveranse ata o mes de xuño.
Seguimento de labores
Por outra banda, o Concello de Ames ofrecerá un servizo de seguimento de labores para todas aquelas persoas que xa participaron nalgún curso e desexen seguir practicando calceta. Este servizo de seguimento desenvolveranse na Casa da Cultura de Bertamiráns en dous horarios diferentes. O primeiro e terceiro mércores de mes das 10:30 ás 11:30 horas e o primeiro e terceiro xoves de mes das 18:30 ás 20:30 horas. Este servizo tamén se ofrecerá a partir do 10 de marzo e ata o mes de xuño.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames organiza novos cursos de iniciación e perfeccionamento á calceta"