Pestanas principais

O Concello de Ames organiza obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica en Bertamiráns e no Milladoiro

Xoves, 20 de febreiro de 2020

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde organiza, a través do programa Ames Saudable, obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica en Bertamiráns e no Milladoiro. O obradoiro de iniciación desenvolverase o sábado 29 de febreiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e domingo 1 de marzo no polideportivo do Milladoiro, mentres que o de consolidación será o sábado 14 de marzo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e o domingo 15 no polideportivo do Milladoiro. Todos os obradoiros impartiranse ás 11.00 horas e requírese de inscrición previa.

A marcha nórdica, que consiste en camiñar coa axuda de dous bastóns deseñados expresamente para esta actividade, ten como obxectivo optimizar o esforzo que realizamos ao camiñar, posto que involucra tamén as costas, os brazos e os ombreiros ao exercicio que de por si fan as pernas e as cadeiras. Asemade, reporta a quen o practica tanto beneficios a nivel cardiovascular como á hora de corrixir posturas que se adoptan no día a día.

En vista destes beneficios, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, organiza obradoiros de iniciación e consolidación para dar a coñecer as técnicas e beneficios que a práctica da marcha nórdica supón para a saúde. Así, o primeiro taller de iniciación terá lugar o sábado, 29 de marzo, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 11.00 horas, e o domingo, 1 de marzo, no polideportivo do Milladoiro, á mesma hora.

Posteriormente, o sábado 14 de marzo en Bertamiráns e o domingo 15 no Milladoiro, levarase a cabo o taller de consolidación desta técnica, coas mesmas localizacións e horarios.

Así, durante dúas horas, ensinaranse as técnicas necesarias para practicar a marcha nórdica, como son as posturas, como coller os bastóns de forma correcta para sacarlles o maior proveito, e a influencia que este exercicio pode ter no organismo. Estas explicacións combinaranse con pequenas andainas, que permitirán aplicar eses coñecementos.  Deste xeito, este exercicio é adecuado para calquera condición física ou patoloxía.

A práctica deste tipo de marcha pode carrexar beneficios a nivel cardiovascular, como é o uso da musculatura de todo o corpo, o que pode chegar a supor un 30% máis de gasto de enerxía, ou que o uso de bastóns favoreza o bombeo e o retorno venoso. Pero tamén a nivel de corrección de posturas, xa que reduce as molestias cervicais e dorsais, favorece a correcta aliñación da columna vertebral e corrixe as posturas que se poden adquirir día a día.

Tramitación das inscricións
Para participar nestas actividades recoméndase a utilización de roupa e calzado cómodo. Os bastóns para a realización da marcha serán facilitados polo monitor do curso. Para que se leve a cabo, é necesario contar cun grupo dun mínimo de 6 persoas e un máximo de 16, con idades a partir dos 12 anos. Teñen preferencia para participar as persoas que se encontren empadroadas en Ames.

A actividade, que é de balde, require inscrición previa. Para formalizala pódese chamar ao 649 450 264 ou enviando un correo electrónico a promociondasaude@concellodeames.gal.

Obradoiros marcha nórdica

Multimedia

  • Obradoiros marcha nórdica