Pestanas principais

O Concello de Ames organiza obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica en Bertamiráns e no Milladoiro

Luns, 07 de setembro de 2020

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, a través do programa Ames Saudable, organiza obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica en Bertamiráns e no Milladoiro durante este mes de setembro. O obradoiro de iniciación desenvolverase o sábado 12 de setembro no Milladoiro e o domingo 13 en Bertamiráns. Os obradoiros de consolidación serán o sábado 26 de setembro no Milladoiro e o domingo 27 en Bertamiráns. Todos os obradoiros impartiranse ás 10.00 horas no Milladoiro, na contorna do pavillón municipal, e en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina. Para participar neste cursos é necesario inscribirse previamente. Estes obradoiros enmárcanse dentro da programación de actividades ao aire libre “Activa o teu Outono”.

A marcha nórdica, que consiste en camiñar coa axuda de dous bastóns deseñados expresamente para esta actividade, ten como obxectivo optimizar o esforzo que realizamos ao camiñar, posto que involucra tamén as costas, os brazos e os ombreiros ao exercicio que de por si fan as pernas e as cadeiras. Asemade, reporta a quen o practica tanto beneficios a nivel cardiovascular como á hora de corrixir posturas que se adoptan no día a día.

En vista destes beneficios, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, organiza durante o mes de setembro obradoiros de iniciación e consolidación para dar a coñecer as técnicas e beneficios que a práctica da marcha nórdica supón para a saúde. Estes obradoiros serán impartidos por Ricardo Anguieira.

Deste xeito, os días 12 e 13 impartirase o curso de iniciación á marcha nórdica. O sábado 12 realizarase nos arredores do pavillón polideportivo do Milladoiro, mentres que o domingo 13 será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. En ambas localidades o curso comezará ás 10.00 horas. O curso de consolidación á marcha nórdica farase os días 26 e 27 de setembro. O sábado 26 realizarase na contorna do pavillón polideportivo do Milladoiro, mentres que o domingo 27 será nos xardíns do Pazo da Peregrina. En ambas localidades o curso comezará ás 10.00 horas.

Así, durante dúas horas, ensinaranse as técnicas necesarias para practicar a marcha nórdica, como son as posturas, como coller os bastóns de forma correcta para sacarlles o maior proveito, e a influencia que este exercicio pode ter no organismo. Estas explicacións combinaranse con pequenas andainas, que permitirán aplicar eses coñecementos. Deste xeito, este exercicio é adecuado para calquera condición física ou patoloxía.

A práctica deste tipo de marcha pode carrexar beneficios a nivel cardiovascular, como é o uso da musculatura de todo o corpo, o que pode chegar a supor un 30% máis de gasto de enerxía, ou que o uso de bastóns favoreza o bombeo e o retorno venoso. Pero tamén a nivel de corrección de posturas, xa que reduce as molestias cervicais e dorsais, favorece a correcta aliñación da columna vertebral e corrixe as posturas que se poden adquirir día a día.

Tramitación das inscricións
Para participar nestas actividades recoméndase a utilización de roupa e calzado cómodo. Os bastóns para a realización da marcha serán facilitados polo monitor do curso. Para que se leve a cabo, é necesario contar cun grupo dun mínimo de 6 persoas e un máximo de 16, con idades a partir dos 12 anos. Teñen preferencia para participar as persoas que se encontren empadroadas en Ames.

A actividade, que é de balde, require inscrición previa. Para formalizala hai que cubrir o impreso que está ao pé desta nova e envialo cuberto ao enderezo de correo electrónico:  promociondasaude@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono: 649 450 264.

Cartel informativo do obradoiro de iniciación á marcha nórdica

Multimedia

  • Cartel informativo do obradoiro de iniciación á marcha nórdica
  • Cartel coas actividades do mes de setembro do programa “Activa o teu Outono”
  • Cartel coas actividades do mes de setembro do programa “Activa o teu Outono”
  • Cartel informativo do programa “Activa o teu Outono”