Pestanas principais

O Concello de Ames organiza para o vindeiro 10 de marzo unha viaxe poética aos lugares emblemáticos do legado rosaliano

Xoves, 01 de marzo de 2018

[01-03-2018] O Concello de Ames organiza, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. A actividade, que se enmarca dentro da programación municipal polo Día de Rosalía, terá lugar o vindeiro sábado 10 de marzo. Para participar é preciso reservar praza a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. O prazo de inscrición, que abre hoxe, permanecerá aberto ata o próximo 8 de marzo. As prazas confirmaranse con un correo electrónico de resposta. O prezo de excursión será de 1,5 euros, a tarifa da entrada á Casa-Museo de Rosalía. No total, ofértanse 55 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O día da visita, a saída en autobús está programada para as 10:00 horas no Milladoiro e as 10:15 horas en Bertamiráns. As localizacións que se visitarán pertencen á chamada Ruta Rosaliana.

A programación organizada polo Concello de Ames para conmemorar o 181 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, Ames con Rosalía, concluirá cunha excursión ás localizacións máis emblemáticas da vida e obra da autora. A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, no lugar onde Rosalía pasou os primeiros anos da súa vida, a casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño.

A visita continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. A seguinte parada será xa no concello de Padrón, onde as persoas participantes realizarán unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a “Casa da Matanza”. Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, será a encargada de achegar información sobre a vida da homenaxeada e a súa obra.

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde hoxe ata o vindeiro 8 de marzo. Para reservar praza, será preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 377 215. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O prezo da excursión será de 1,5 euros, a tarifa da entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da excursión, o 10 de marzo, a saída en autobús producirase ás 10:00 horas no Milladoiro e ás 10:15 en Bertamiráns.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames organiza un viaje a los lugares emblemáticos del legado rosaliano"
Ames Go: "Normalización organiza unha ruta poética polos lugares de Rosalía"