Pestanas principais

O Concello de Ames organiza un acto de recoñecemento ao ex alcalde José Miñones e ao ex concelleiro Ramón García Argibay

Luns, 30 de maio de 2022

O Concello de Ames organizou para este martes, 31 de maio, ás 19.00 horas, un acto de recoñecemento ao ex alcalde, José Miñones, e ao ex concelleiro do grupo municipal popular, Ramón García Argibay, que formaron parte da Corporación municipal e deixaron os seus cargos no pasado ano 2021. En dito acto intervirá o alcalde de Ames, Blas García, os homenaxeados e os/as diferentes voceiros/as dos grupos políticos con representación na Corporación municipal. O acto estará amenizado coa actuación musical de Marcos Valcárcel.

O acto comezará ás 19.00 horas coa recepción aos asistentes. De seguido, farase a apertura do acto de recoñecemento cunha actuación do músico Marcos Valcárcel. O alcalde de Ames, Blas García, fará unha presentación dos dous homenaxeados e a continuación intervirán os voceiros e voceiras dos grupos políticos con representación na Corporación municipal. Farase unha recensión do ex alcalde, José Miñones, e do ex concelleiro, Ramón García Argibay, e faráselle entrega da medalla do Concello de Ames. Miñones e Argibay intervirán trala entrega da medalla. Haberá varias actuación musicais ao longo do acto a cargo de Marcos Valcárcel.

José Miñones, tomou cargo como concelleiro da Corporación municipal en setembro de 2009, formando parte do grupo municipal do PSdeG-PSOE. De 2009 a 2011 formou parte do Goberno municipal como concelleiro de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración. Posteriormente, estivo como concelleiro na oposición durante o mandato 2011-2015. En xuño de 2015 foi investido alcalde de Ames, cargo que mantivo ata finais de marzo de 2021. Miñones renuncio á Alcaldía nun pleno extraordinario celebrado o 29 de marzo de 2021, para poder ser nomeado delegado do Goberno en Galicia, cargo que desenvolve na actualidade.

Ramón García Argibay accedeu á Corporación municipal do Concello de Ames en 2007 como concelleiro do grupo municipal popular. No ano 2011 formou parte do Goberno municipal como primeiro tenente de Alcaldía. En xaneiro 2013 deixo o Goberno municipal pasando a formar parte do grupo mixto. En 2015 presentouse ás elección municipais como cabeza da candidatura da formación Pacto por Ames. En setembro de 2018 volveu a integrarse no Partido Popular de Ames co que foi candidato á Alcaldía nas eleccións municipais de 2019. Finalmente, García Argibay presentou a súa renuncia como concelleiro por motivos persoas no pleno celebrado o pasado 30 de setembro de 2021.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “José Miñones e Ramón García Argibay renunciaron a súa acta de concelleiros en dous plenos semi-presenciais, debido ás restricións pola Covid-19. A Corporación municipal non puido darlle a despedida que merecían ambos, por iso decidimos organizar este acto de recoñecemento. Son dúas persoas cunha longa e dilatada traxectoria política no Concello de Ames, polo que merecen este acto de recoñecemento ao traballo que fixeron ao longo de moitos anos polo concello de Ames”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Homenaxe este martes a José Miñones e Argibay"

AMSGO!: "Ames homenaxeará ao ex alcalde José Miñones e ao ex portavoz do PP Ramón García Argibay"

O Concello de Ames organiza un acto de recoñecemento ao ex alcalde José Miñones e ao ex concelleiro Ramón García Argibay