Pestanas principais

O Concello de Ames organiza un concurso de formacións emerxentes de música folk

Sábado, 19 de marzo de 2016

[19-03-2016] Dentro da programación de primavera o Concello de Ames convoca unha novidade este ano: o Festival de Folk Val da Maía. Un evento creado para promover e difundir o traballo de formacións musicais emerxentes no eido da música folk. Os grupos interesados en participar poden enviar os seus temas ao enderezo artistasemerxentes@concellodeames.gal entre os días 1 e 30 de abril de 2016. Un xurado, composto por tres membros do ámbito da música folk de recoñecido prestixio, escollerá aos tres grupos que tocarán o 21 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, no Festival Folk Val da Maía. O Xurado decidirá entón cal deles merece o primeiro, o segundo e o terceiro posto. O grupo Os De Abaixo actuará como banda musical convidada.

David Santomil, concelleiro de Educación e Cultura destaca que "a posta en valor dos artistas noveis é un compromiso claro para este Concello emerxente". "Por primeira vez, realizamos un festival de novos talentos, que agardamos ampliar a outras disciplinas artísticas en vindeiras edicións", engade o concelleiro.

Ao festival pódese presentar calquera formación de música folk, sempre e cando non teña editado ningún traballo discográfico no mercado. Os grupos poden enviar até tres temas, en formato mp3 e a 192 kbps ao enderezo artistasemerxentes@concellodeames.gal. En total a duración das pezas non pode ser superior aos 15 minutos. As maquetas poderanse enviar entre os días 1 e o 30 de abril, día no que, ás 12:00 horas, pecharase a convocatoria.

Os temas deberán enviarse acompañados da seguinte información: o nome da formación musical, os datos persoais e o contacto da persoa ou persoas representantes do grupo, unha breve historia da formación, un rider técnico e o número de compoñentes do grupo. Estableceranse tres premios en metálico: o 1º de 1200 euros, o 2º de 600 euros e o 3º de 300 euros. Ditas cantidades estarán suxeitas ás pertinentes reducións fiscais.

O xurado que examinará os temas estará formado por tres membros de recoñecido prestixio no ámbito da música folk e por un secretario ou secretaria, que contará con voz, pero non con voto, en representación do Concello de Ames. A composición do Xurado farase pública con antelación á emisión do seu ditame. A Alcaldía designará ás persoas membros do xurado a proposición da Concellaría de Educación e Cultura. A decisión do xurado será anunciada publicamente o martes 10 de maio.

Os tres grupos que finalistas interpretarán durante o Festival Folk Val da Maía 20 minutos do seu repertorio. O festival terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o sábado 21 de maio. Actuará ademais o grupo invitado Os D'Abaixo. A orde de actuación dos grupos finalistas determinarase por sorteo minutos antes do comezo das actuacións. Os concertos servirán para que o xurado decida o primeiro, segundo e terceiro premios.

Ao enviar o material de audio os grupos participantes consenten a súa difusión e uso para a promoción do evento en medios de comunicación. O Concello comprométese a non empregalos endexamais con uso comercial, mais os dereitos das obras das bandas serán cedidos ao consistorio baixo licencia Creative Commons. A organización do concurso facilitaralles aos grupos finalistas o escenario, o equipo e o técnico de son e un xogo de luces. O Concello de Ames difundirá, con posterioridade é celebración do Festival, do traballo das bandas finalistas nos medios ao seu alcance.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Organizan un concurso para grupos emerxentes de folk"
La Voz de Galicia:"El Concello amiense convoca un concurso de grupos folk emergentes"