Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha excursión á Casa de Rosalía de Castro o sábado 4 de marzo

Mércores, 22 de febreiro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza unha visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, guiada pola experta rosaliana María López Sande. A actividade, que se enmarca dentro da programación municipal polo Día de Rosalía, terá lugar o vindeiro sábado, 4 de marzo. Ofrécense un total de 60 prazas, e para participar na excursión é preciso inscribirse, dende mañá, día 23, e ata o xoves 2, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. O custo será de 1,50 euros, a tarifa da entrada á Casa-Museo. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:00 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10:15 horas. O regreso farase arredor das 14:30 horas.

O Concello de Ames conmemora un ano máis o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha programación coa que se busca revitalizar o pensamento e recordar a obra e figura da escritora. Así, entre as diversas actividades programadas figura, un ano máis, unha excursión polas localizacións máis emblemáticas da vida e obra da autora, baixo o título “Viaxando con Rosalía”. Será o vindeiro sábado, 4 de marzo, e os asistentes irán acompañados pola profesora, escritora e experta rosaliana María López Sández.

A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde Rosalía pasou parte da súa infancia. A saída continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Para finalizar, a excursión rematará no concello de Padrón, onde se realizará unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza.

Durante as diversas paradas, López Sande achegará información sobre a vida de Rosalía, a súa obra, a súa traxectoria, o seu pensamento e a súa vixencia na actualidade. O obxectivo da excursión é revitalizar a figura da escritora e dar a coñecer a súa faceta máis comprometida e feminista, un reto que pretende abordar a programación do Rosalízate 2023 ao completo.

O prazo de inscrición está aberto dende mañá, xoves 23, ata o vindeiro día 2 de marzo. Para anotarse na actividade cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando os nomes e apelidos dos asistentes, así como un teléfono de contacto e o lugar dende o que se collerá o autobús (que sairá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:00 horas e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10:15 horas). Así mesmo, tamén se pode chamar ao número de teléfono 662 377 215. Hai 60 prazas dispoñibles, que se outorgarán por estrita orde de recepción das solicitudes. A excursión ten un custo de 1,50 euros (o prezo da entrada á Casa-Museo). O regreso farase arredor das 14:30 horas.

Cartaz da excursión á Casa de Rosalía