Pestanas principais

O Concello de Ames organiza varias charlas e obradoiros de autocoidado feminino ao longo do mes de marzo

Martes, 28 de febreiro de 2023

Ao longo de marzo, mes no que se conmemora o Día Internacional da Muller, o Concello de Ames celebrará nove charlas e un taller sobre autocoidados femininos impartidos por expertos en regulación emocional e hábitos saudables. As actividades enmárcanse dentro da programación do Concello de Ames con motivo do 8M, e están organizadas dentro do Pacto de Estado contra la Violencia de Género do Ministerio de Igualdad e coa colaboración do programa Ames Saudable e do Centro de Información á Muller (CIM). Ditas conferencias desenvolveranse tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

Os coloquios celebrados en Bertamiráns terán lugar na Casa dos Maiores, sempre ás 19:00 horas. Olaya Fernández será a encargada de impartir a primeira charla, baixo o título “Alimentación saudable”, mañá, día 1. O mércores 15 será a quenda da psicóloga Mónica Antelo, que impartirá “Problemas do sono”, mentres que o día 22 Belén Montesa presentará “Regulación emocional”, e o mércores 29 Cristina del Arco impartirá “Coñece o teu solo pélvico”.

Ademais, a Casa dos Maiores de Bertamiráns acollerá tamén un taller de percuterapia, que correrá a cargo de Pedro Campos. A percuterapia é unha arte que mestura diferentes disciplinas e que permite marcar o ritmo do propio corpo a través do movemento e de distintos obxectos, traballando corpo, emocións e memoria. O obradoiro desenvolverase o 27 de marzo, a partir das 19:00 horas.

No Milladoiro celebraranse outras cinco sesións, que terán lugar na Casa das Asociacións da rúa Agro do Medio (no antigo centro de saúde da localidade). Todas serán ás 17:00 horas. Abrirá a rolda de charlas Magdalena Seco, con “Que é a menopausia? Síntomas e coidados”, que se impartirá este xoves 2. Beatriz Viñal presentará o día 9 “Sexualidade feminina”, e o día 16 “Pilates”. Pola súa banda, Juan Carlos Permuy impartirá “Regulación emocional” o xoves 23, e Alicia Rivas “Alimentación saudable” o 30 de marzo.

As actividades enmárcanse dentro da programación do Concello de Ames con motivo do 8M, e están financiadas polo Pacto de Estado contra la Violencia de Género do Ministerio de Igualdad, e contan coa colaboración do departamento de Benestar Social, dentro do programa Ames Saudable, e do Centro de Información á Muller (CIM).

Cartaz das charlas e obradoiros de autocoidados femininos

Multimedia

  • O Concello de Ames organiza varias charlas e obradoiros de autocoidado feminino ao longo do mes de marzo