Pestanas principais

O concello de Ames pecha o ano con 1.344 parados, a cifra máis baixa rexistrada

Mércores, 10 de xaneiro de 2024

O concello de Ames pecha o ano 2023 con 1.344 parados e paradas, un ano que comezou con 1.571 persoas no mes de xaneiro e que rematou con 227 persoas menos. Esta cifra baixou en 28 persoas os datos do paro con respecto ao mes de novembro e 143 con respecto a decembro do ano 2022, mes no que este valor se acadou as 1.487 persoas.

Estas cifran fan que a taxa actual de paro do concello de Ames estea situada nun 8,14%, que contrasta coa media autonómica e estatal que se sitúan nun 9,29% e nun 11,84% respectivamente  segundo datos do INE. O desglose destas cifras por xénero fan un total de 537 parados varóns, o 40%, e 835 mulleres, o 60%. A taxa mínima actual do 8,14% contrasta coa máxima acadada fai aproximadamente 10 anos, xaneiro de 2013, que chegou a superar o 22%.

O alcalde, Blas García, mostrouse satisfeito cos datos de decembro do 2023 pois estes “xunto ao crecemento da poboación son unha fantástica noticia. Cada vez somos máis e xeramos máis emprego”, aínda que tamén puxo o foco sobre a necesidade de que a taxa de paro masculino e feminino se equiparen: “Debemos seguir traballando para romper a brecha de xénero tamén na taxa do paro”. O rexedor recordou que aínda que a  administración competente en materia de emprego é a Xunta de Galicia, as políticas que se levan a cabo dende o Concello de Ames teñen moito que decir nestes bos datos xerais.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, asegurou que o Concello de Ames seguirá traballado “para que toda a veciñanza amesá poida conseguir un posto de traballo para construír o seu proxecto de vida” e aclara que “a única cifra que admitiremos é 0”. Tamén agradeceu o traballo de técnicos e Corporacións pasadas pois “isto é mérito de moita xente que leva traballando moito tempo”.

Estes datos do paro chegan inmediatamente despois de coñecer os datos de poboación, nos cales Ames establece un novo récord acadando a cifra de 32.482 habitantes e cun saldo vexetativo en positivo nas cifras publicadas no BOE e aprobadas polo INE con data do 1 de xaneiro de 2023.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames rebaja el paro hasta el 8,1% cuando en 2012 llegó a superar el 20 por ciento"

Ames Go: "Ames comeza 2024 co desemprego máis baixo da súa historia"

O concello de Ames pecha o ano con 1.344 parados, a cifra máis baixa rexistrada