Pestanas principais

O Concello de Ames pecha o exercicio 2017 cun superávit de 2.650.775 euros e un remanente de tesourería de 4.873.854 euros

Sábado, 15 de setembro de 2018

[15-09-2018] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta no Pleno ordinario de agosto, celebrado o pasado 6 de setembro, do decreto de aprobación da liquidación de 2017. O Concello de Ames pecha o exercicio 2017 cun superávit de 2.650.775 euros e un remanente de tesourería de 4.873.854 euros, despois da amortización total da débeda bancaria a 31 de decembro e cumprindo as tres regras de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública. Tamén cómpre salientar o importante o incremento de recursos xestionados, preto de 4.000.000 euros na partida de gastos, así como o aumento na execución do capítulo 6.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou “este é o primeiro ano no que conseguimos adiantar a aprobación da liquidación do exercicio anterior. Era un dos obxectivos deste goberno. Deste xeito, o pasado 14 de agosto aprobouse a liquidación de 2017, adiantando en tres meses dita aprobación”. Genma Otero destacou que “nesta liquidación de 2017 o Concello de Ames experimentou un comportamento orzamentario moi favorable, que ten o seu reflexo nas grandes magnitudes, que son ese resultado orzamentario cun superávit de 2.650.000 euros, un remanente de tesourería positivo de 4.873.000 euros, iso despois de amortizar toda a débeda bancaria a 31 de decembro de 2017 que ascendía a 2.700.000 euros”.

No apartado de gastos da liquidación do orzamento pódense ver unhas obrigas recoñecidas netas no exercicio 2017 de 24.468.795,09 euros, incrementando en preto de 4.000.000 euros, un 20% máis de gastos (obrigas recoñecidas) respecto ao exercicio anterior de 2016 (20.514.105,12 euros). A porcentaxe de execución do orzamento de gastos foi do 82,41% incrementando o volume de xestión. Tamén é importante destacar o incremento das obrigas recoñecidas no capítulo VI de investimentos, que chegou a preto de 3.000.000 euros, o incremento do capítulo I de persoal que se situou nos 8.100.000 euros, reforzando así o emprego público coa conseguinte mellora na prestación dos servizos públicos.

No que respecta a liquidación do orzamento, no apartado de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenderon a 24.464.677,90 euros (no 2016 22.889.909,84 euros), incrementando tamén en preto de 1.600.000 euros os ingresos ou dereitos recoñecidos netos preto dun 7%. A porcentaxe de execución do orzamento de ingresos no 2017 foi de 82,37%, superior á porcentaxe de execución do 2016 que foi de 79,51%, mostra dun maior control, eficacia e eficiencia na xestión da recadación.

No tocante aos ingresos (dereitos recoñecidos) hai que destacar a alta porcentaxe de execución nos impostos directos (un 101,74%), taxas (106,27%) e transferencias correntes (100,66%), que amosan unha boa xestión da área de recadación municipal, acadando unha cifra total de ingresos correntes recadados que superan os 23.300.000 euros. Estas magnitudes arroxan un resultado orzamentario axustado favorable no exercicio 2017 cun superávit de 2.650.775,06 euros (no 2016 foi de 2.378.388,48 euros), incrementando respecto do ano pasado en 272.000 euros (nun 11,45%).

Genma Otero tamén incidiu en que “estamos a xestionar un orzamento municipal de 24.500.000 euros supoñendo un grande incremento respecto dos orzamentos xestionados por gobernos anteriores que rondaban os 19.000.000 euros, co cal se están a mellorar os servizos nas diferentes áreas e a implantar novos servizos e iniciativas que están a dar respostas as demandas da cidadanía amesá, así como incrementando as obras de mantemento de infraestruturas e realizando novos proxectos de obras, mostra diso é a recuperación no grao de execución do capítulo 6 de investimentos que supuxo preto de 3.000.000 euros”.

Equilibrio orzamentario
A concelleira de Economía e Facenda tamén indica que “cos datos da liquidación do 2017 amosamos que continuamos na senda do equilibrio orzamentario e logramos incrementar o orzamento municipal, o volume de xestión de gastos e ingresos, mellorando as magnitudes económicas. Este equilibrio está consolidado pois observamos que a cifra total de ingresos por operación correntes de 23.317.413,89 euros é superior a cifra total de gasto corrente de 18.718.131,81 euros, no 2017, que sumado á débeda amortizada no exercicio 2017 de 3.435.745,39 euros, ascende a unha cantidade total de 22.153.877,20 euros, é aínda queda unha marxe de 1.163.536,69 euros máis de ingresos para financiar eses gastos”.

Outra das magnitudes máis importantes é o remanente de tesourería, que ascende ao peche do exercicio 2017 a 4.873.854,56 euros, tendo en conta que en 2017 amortizouse a totalidade da débeda bancaria, que era de 2.774.350,42 euros, en decembro do 2017. No exercicio 2016 foi de 5.381.147.06 euros. Incrementando significativamente en 1.135.268,87 euros o remanente de tesourería respecto do último exercicio liquidado no mandato do anterior goberno, que foi de 3.738.585,69 euros (nun 30,37% respecto do ano 2014).

Débeda de 0 euros
No tocante á débeda do Concello de Ames, a peche do exercicio de 2017 a débeda bancaria total era de 0 euros, reducíndose ese ano nun 100%. A única débeda que ten o Concello son os préstamos da Deputación (PAI) sen intereses, que ascenden a 31/12/2017 á cifra de 706.989,76 euros, cun volume de débeda viva do 3,03% case nulo por debaixo do límite legalmente establecido (110%).

Hai que lembrar que a peche do exercicio de 2016 a débeda total do Concello de Ames era de 3.731.415,77 euros, reducíndose ao longo de 2016 nun 29%, sendo un volume de débeda viva do 17,10%, por debaixo do límite legalmente establecido.

En canto a débeda comercial hai que destacar que a finais do exercicio contable de 2017 só era de 16.701 euros, por mor de facturas que entraron a final de ano e non deu tempo a súa tramitación, e para as que existía crédito. Destacar tamén que a débeda comercial do propio exercicio contable 2016 a finais do exercicio só era de 22.108,09 euros, ao igual que no caso anterior por mor de facturas que entraron a final de ano e non deu tempo a súa tramitación, e para as que existía crédito. En anos anteriores, no 2014 chegou a ser de 375.953,30 euros (un 69% máis).

Para o alcalde, José Miñones, “as cifras falan por si mesmas e a xestión económica realizada amosa un Concello saneado, con fondos, sen débeda, que paga antes aos provedores e que cumpre con todas as regras económicas”. Neste sentido o alcalde volve a reclamar publicamente que “se permita aos Concello que cumprimos, gastar o que temos e contratar persoal, porque de pouco serve ter os cartos no banco”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames cierra sus cuentas del 2017 con 2,6 millones de superávit"
Compostela 24 horas: "Ames consegue un superávit de máis de 2.500.000 euros no 2017"