Pestanas principais

O Concello de Ames pecha o exercicio 2018 cun superávit de preto de 3.800.000 euros e un remanente de tesourería que se achega aos 8.500.000 euros

Xoves, 01 de agosto de 2019

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta no Pleno ordinario de xullo, celebrado este pasado martes 30 de xullo, do decreto de aprobación da liquidación de 2018. O Concello de Ames pecha o exercicio 2018 cun superávit de preto de 3.800.000 euros (incrementouse respecto do ano 2017 un 42,92%) e un remanente de tesourería que se achega aos 8.500.000 euros. Asemade, destaca o equilibrio orzamentario do Concello de Ames xa que no exercicio 2018 a cifra total de ingresos por operación correntes foi de 23.705.660 euros. Unha cifra que é superior a cifra total de gasto corrente que ascendeu a 18.931.544 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou “continuamos na senda do equilibrio orzamentario no noso Concello. A cifra de superávit que se achega a 3.800.000 euros e de remanente de tesourería de preto de 8.500.000 euros, unido ao baixo nivel de débeda viva que é dun 7,81%, confirman que nos atopamos cunhas contas saneadas e equilibradas que nos permitirán medrar, ampliar servizos e investimentos, así como obter o financiamento que se precise para facer fronte ás achegas propias para o desenvolvemento das actuacións programadas dentro do Plan Impulsa Ames, da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), financiadas en parte cos fondos Feder".

Genma Otero tamén destacou que “este ano pechamos o exercicio contable 2018 o 9 de xullo de 2018, adiantando a liquidación respecto do exercicio 2017 nun mes máis, xa que a liquidación de 2017 pechouse o 14 de agosto de 2018. Nestes dous últimos anos logramos adiantar un total de 4 meses as tarefas de liquidación o que nos permite comezar a traballar na elaboración dos orzamentos municipais con máis tempo, neste caso o novo orzamento municipal do 2020”.

Liquidación do orzamento de gastos
No tocante a liquidación do orzamento de gastos recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2018, de 21.131.832,96 euros, cunha porcentaxe de execución de 73,87%. Neste apartado tamén é importante destacar o incremento recollido na partida de Transferencias Correntes (Capítulo IV), que supera o 1.000.000 euros duplicando case a cantidade do ano 2017 (595.000 euros), o que amosa o compromiso coas entidades culturais, sociais, deportivas, etc. Destaca o incremento das achegas á Renda social municipal; as axudas de emerxencia; a regularización das achegas ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar polos novos convenios, etc.

Ademais, o Capítulo I de persoal, no exercicio 2018, mantívose na cifra próxima a 8.000.000 euros, continuando a aposta do goberno municipal polo emprego público. O mesmo sucedeu co Capítulo II, de gastos correntes en bens e servizos, cuxa cifra se situou preto dos 10.000.000 euros, garantindo así a mellora e ampliación da prestación dos servizos municipais. Cómpre destacar tamén o Capítulo VI, de investimentos reais, que acadaron a cifra de preto de 2.200.000 euros na que se recollen todas as execucións e actuacións en materia de investimentos.

Os gastos financeiros correspondentes ao Capítulo III desapareceron quedando tan só 300 euros de gastos por comisións bancarias. Hai que lembrar que no exercicio 2014 acadaron cifras de 165.000 euros ao ano. E no tocante á amortización de capital de préstamos, ao ter débeda bancaria de 0 euros durante este exercicio 2018, non se dedicou nin un só euro nesta partida do Capítulo IX-Pasivos Financeiros.

Liquidación do orzamento de ingresos
No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.790.000 euros (no exercicio 2017 foron de 24.460.000 euros), incrementando tamén en preto de 330.000 euros os ingresos ou dereitos recoñecidos netos preto dun 1,35%, o que supón un maior incremento da recadación municipal. A porcentaxe de execución do orzamento de ingresos no 2018 foi dun 86,68%, superior á porcentaxe de execución do 2017 que foi de 82,37%, o que amosa un maior control, eficacia e eficiencia na xestión da recadación.  

No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (Capítulo I) que acada a cifra de 8.400.000 euros; taxas e prezos públicos (Capítulo III) por importe de 6.400.000 euros; e ingresos por transferencias correntes IV, recadando 8.600.000 euros por este concepto. A alta porcentaxe de execución nos impostos directos un 112,31% e transferencias correntes  (Capítulo IV) de 108,85%, amosan unha boa xestión da área de recadación municipal, acadando unha cifra total de ingresos correntes recadados de 23.700.000 euros.

Por outra banda é importante salientar o incremento na recadación por transferencias de capital (Capítulo VII) que supera a cifra de 1.000.000 euros. Isto tamén amosa a capacidade de negociación do goberno municipal e de captación de recursos procedentes de outras administracións, e que houbo unha execución máis elevada das obras do POS xustificando e abonando máis certificacións de obra.

Estabilidade orzamentaria
Os datos da liquidación do exercicio de 2018 amosan que se continúa na senda do equilibrio orzamentario, xa que a cifra total de ingresos por operacións correntes foi de 23.705.660 euros. Unha cifra que é superior a cifra total de gasto corrente que ascendeu a 18.931.544 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano.

Todas estas magnitudes arroxan un resultado orzamentario axustado favorable no exercicio 2018 cun superávit de 3.788.387,33 euros. No exercicio 2017 o superávit foi de 2.650.775,06 euros, polo que se incrementou en 1.137.612,27 euros (un 42,92%).

Outra das magnitudes máis importantes que hai que ter en conta é o remanente de tesourería (dispoñibilidades líquidas e dereitos pendentes de cobro/obrigas pendentes). Ao peche do exercicio 2018 o remanente de tesourería ascendeu á cantidade de 8.448.782,88 euros. Dito remanente ascendeu respecto do exercicio 2017, xa que era de 4.873.854,56 euros, e iso a pesar de amortizar a totalidade da débeda bancaria que ascendía a 2.774.350,42 euros.

Débeda do Concello de Ames    
Durante o exercicio 2018 concertouse unha operación de débeda a longo prazo, para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI, por importe de 222.895,50 euros, a única débeda bancaria que ten contraída agora o Concello de Ames. O resto da débeda, que a finais do 2018, xunto con este préstamo suma un total de 1.851.382,40 euros, son dos préstamos provinciais, sen xuros, da Deputación da Coruña (PAI), incluídos nos POS. Polo tanto o concello está saneado en canto a débeda se refire, pois o volume de débeda viva sitúase nun 7,81%, moi por debaixo do límite legalmente establecido que é de 110%. Tamén esta magnitude é favorable tendo o noso Concello un ampla marxe para afrontar outras operacións que se precisen no marco das actuacións da EDUSI.

Regra de gasto
O límite legal da regra de  gasto no exercicio 2018 era de 18.529.286,70 euros e neste exercicio o Concello de Ames incumpriu a regra de gasto, xa que o gasto computable para o cálculo de dita regra de gasto foi de 19.298.691,75 euros, superando ese límite en 769.405 euros.

Respecto disto, a concelleira de Economía e Facenda mostra a súa satisfacción polo “acordo acadado recentemente pola FEMP e Facenda para flexibilizar a regra de gasto tan inxusta que castiga por igual a todos os Concellos, independentemente do seu comportamento financeiro e que leva anos afogando  aos Concellos que cumpren coa estabilidade e as cifras de débeda, facendo que acumulemos remanentes e non podamos gastalos en investimentos e ampliación e mellora das prestacións e servizos nos nosos Concellos. Esperamos que este acordo se ratifique e materialice vía regulamentaria ou lexislativa para que poida entrar en vigor canto antes. De momento e en espera da posta en funcionamento do acordo, dicir que grazas a este incumprimento o que se consigue é poder aumentar a cifra de límite de gasto o que redundará en beneficio dos seguintes exercicios económicos que permitirá incrementar a cifra e así a limitación de gasto será menor”.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames cierra el ejercicio del 2018 con casi 3,8 millones de euros de superávit"

Compostela 24 horas: "Ames rematou o 2018 cun superávit nas súas contas de 3.800.000 euros"

Imaxe da Casa do Concello