Pestanas principais

O Concello de Ames pon á disposición da veciñanza un mapa da nova cobertura da radio municipal

Luns, 15 de febreiro de 2016

[15-02-2016] O Concello de Ames pon á disposición da veciñanza un mapa no que se indican as novas áreas do municipio nas que se pode oír a emisora municipal. O sinal do 107.2 chega practicamente a todo o territorio amesán dende que a empresa GST Telecomunicacións ampliou a cobertura de Ames Radio no mes de decembro.

Tras instalar un radio-enlace na urbanización de Aldea Nova e unha antena na Casa da Cultura do Milladoiro o sinal chega nidiamente aos dous núcleos urbanos amesáns, así como ao 99% das localidades do termo municipal.

O mapa publicado polo Concello mostra as áreas ás que chega o sinal e a forza coa que o fai. A medida usada para analizar a intesidade dunha onda radiofónica é o decibelio. As zonas ás que o sinal chega por debaixo dos 35 decibelios son aquelas nas que a radio non se oe, marcadas en cor vermella, ou nas que se escoita de forma feble ou con dificultades, a cor azul máis clara mostra zonas onde o sinal chega con menor forza. A  azul escura sinala as zonas nas que chega con intensidade e onde se pode sintonizar Ames Radio sen ningunha dificultade.

No mapa pódese observar que o sinal de Ames Radio non chega a Balindo, Fernande ou San Mamede, e que nos lugares de Gasamáns, Covas, Piñeiro e Lens chega con dificultades. Isto débese á  que a xeografía amesá dificulta a recepción nestas zonas incluso trala instalación do radio enlace e da antena, que supuxeron un investimento de máis de 7000 euros.