Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha a campaña “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”

Mércores, 31 de maio de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de publicar unha campaña informativa baixo o lema “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”, para dar a coñecer o servizo que ofrece o Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica de Ames. Trátase dunha oficina creada en maio de 2022 cuxos obxectivos principais son reducir a fenda dixital para colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio. O Banco sitúase no antigo centro de saúde do Milladoiro. Para obter máis información sobre o servizo pódese escribir ao enderezo osla@agasol.gal.

O Banco de Reciclaxe Electrónica naceu no ano 2022 tras a sinatura dun convenio entre o Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). A oficina recolle equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan, de xeito que poidan seguir sendo operativos para quen dispoña de menos recursos. En concreto, recóllense ordenadores portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado...) e compoñentes internos (RAM, HDD...). Os equipos son reacondicionados para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Ata o día de hoxe xa foron moitos os equipos entregados a persoas e colectivos.

Dende a súa creación, organizáronse diversos obradoiros nas súas instalacións, como o de seguridade dixital básica, de reparación e reciclaxe de altofalantes, de instalación de computadores e de robótica.

Agora, a Concellaría de Benestar Social, a través da súa Oficina de Voluntariado, vén de lanzar unha campaña denominada “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”, para dar a coñecer o servizo entre a veciñanza, e promover tanto a reciclaxe de todos os aparellos electrónicos que non se usen como a solidariedade cos cidadáns con menos recursos que precisen da súa doazón, así como ás organizacións sociais e culturais do Concello de Ames.

Resolución da fenda dixital e nova vida para a tecnoloxía
A campaña propón a cuestión “Sabías que doando todos os aparellos que hai nas casas sen usar a fenda dixital resolveríase?”. Así mesmo, invita aos veciños e veciñas do concello e da súa contorna a doar o seu ordenador ao Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica de Ames, de forma que se lle dea unha nova vida con software libre, reducindo a piratería.

Co banco inténtase, ademais, minorar o lixo electrónico producido no concello e o consumo de elementos electrónicos nun contexto de escaseza de materiais.

Máis información
O Banco de Reciclaxe Electrónica sitúase no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio número 8, As persoas interesadas en obter máis información sobre o seu funcionamento poden acudir persoalmente ás instalacións ou escribir ao enderezo electrónico osla@agasol.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Campaña para reciclar viejos equipos informáticos que van a usar amesanos vulnerables"

AMS GO!: "Ames lanza unha campaña de reciclaxe tecnolóxica"

Cartaz da campaña “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”

Multimedia

  • Cartaz da campaña “Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica!”