Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas Café con verso e Caldo de Gloria para homenaxear a Rosalía de Castro

Mércores, 14 de febreiro de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, abre o prazo de inscrición para que os establecementos hostaleiros se adhiran á iniciativa Café con Verso, posta en marcha un ano máis para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. Para inscribirse hai que enviar este impreso, ata ás 14.00 horas do 20 de febreiro, ao enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal. O Café con Verso estará amenizado por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais que se inscriban. Os músicos repartirán unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Esta actividade realizarase nos comedores escolares do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP de Agro do Muíño e CEIP da Maía.

Durante o mes de febreiro o Concello de Ames conmemora, un ano máis, o día de Rosalía cunha programación específica. Con motivo da celebración do aniversario dunha das escritoras máis universais de Galicia, a Concellaría de Turismo volve a poñer en marcha a iniciativa Café con verso, que xurdiu no ano 2017, froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Este ano o Café con verso desenvolverase o xoves, 22 de febreiro, nos locais hostaleiros do concello que se inscriban previamente.

Nesta edición, como novidade, o Café con Verso estará amenizado por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais que se inscriban. Ademais, os músicos repartirán unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. Con esta iniciativa preténdese difundir a vida e obra da escritora, que ademais foi, durante unha etapa da súa infancia, veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Por outra banda, anímase aos cidadáns amesáns a consumir na hostalaría local.

Os establecementos hostaleiros que estean interesados en participar na iniciativa Café con verso teñen que enviar este impreso, ata ás 14.00 horas do 20 de febreiro, ao enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal.

Caldo de gloria
Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Esta actividade realizarase nos comedores escolares do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP de Agro do Muíño e CEIP da Maía. O alumnado que asiste aos comedores nestes centros escolares poderá degustar o Caldo de Gloria, ao mesmo tempo que desfrutará dunha animación musical dos versos rosalianos da man de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez.

O Caldo de Gloria descríbeo a escritora no seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas, no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz. Este poema estará reproducido nos manteis que serán distribuídos nos centros escolares do concello.

Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. En 2019 sumouse tamén o Concello de Santiago de Compostela e en 2020 uniuse o Concello de Dodro. Deste xeito, esta iniciativa converteuse nunha actividade colectiva da que participaron os cinco Concellos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía. Para potenciar a participación activa nesta campaña nas redes sociais creáronse os hashtag #CaldodeGloria e #DíadeRosalía. Ademais, na páxina web Rosalia.gal pódense descargar tódolos materiais e textos relacionados con esta actividade.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Volve o Café con Verso e Caldo de Gloria para homenaxear a Rosalía de Castro"

O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas,Café con verso e Caldo de Gloria para,homenaxear a Rosalía de Castro

Multimedia

  • O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas,Café con verso e Caldo de Gloria para,homenaxear a Rosalía de Castro
  • O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas,Café con verso e Caldo de Gloria para,homenaxear a Rosalía de Castro
  • O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas,Café con verso e Caldo de Gloria para,homenaxear a Rosalía de Castro