Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha o Centro de Procesamento de Datos

Venres, 22 de abril de 2011

[22-04-2011] O Centro de Procesamento de Datos (CPD) é unha instalación técnica cunhas características específicas que permiten albergar os distintos servidores municipais. Este equipamento informático realiza a función de soporte telemático e realiza funcións de xestión, para o que dispón dunha serie de ferramentas informáticas. A dotación do diverso equipamento do que consta o CPD permite afrontar os desafíos actuais e futuros da administración electrónica. Como complemento ao CPD levouse a cabo a primeira fase do despregue dunha rede de fibra óptica co obxectivo de conectar todos os edificios públicos de Bertamiráns. A conexión, a través de fibra óptica, do CPD cos diversos edificios administrativos do concello permite incrementar a velocidade dos procesos de transmisión de datos facilitando así os procesos levados a cabo polos empregados e empregadas municipais.

O Concello de Ames estase preparando para a posta en marcha da administración electrónica. O goberno municipal xa deu varios pasos neste senso, pero un dos máis importantes é a posta en marcha do Centro de Procesamento de Datos (CPD), así como o proxecto que abarca a implantación dunha rede propia que permitirá conectar mediante un anel de fibra óptica os edificios municipais que están situados en Bertamiráns. Todos os edificios administrativos de Bertamiráns estarán conectados entre si a través de fibra óptica e co Centro de Procesamento de Datos.

Coa implantación da administración electrónica o Concello de Ames pretende levar a cabo unha modernización que permita achegar cada vez máis a Administración á cidadanía. Deste xeito garántese a presenza dos concellos na internet e favorécese a prestación de servizos en liña, coa mesma validez e eficacia que os realizados de xeito presencial.

O obxectivo deste proxecto é dotar ao núcleo urbano de Bertamiráns, en primeira instancia, e posteriormente O Milladoiro, dunha infraestrutura básica constituída por unha rede de fibra óptica que conecte aos diferentes edificios municipais situados nestas localidades. Esta rede será propiedade do Concello de Ames.

Un dos proxectos que realizou o goberno municipal foi a posta en marcha do Centro de Procesamento de Datos. A creación do CPD supuxo a realización dunha serie de obras de acondicionamento do local destinado a albergar esta instalación, así como de tipo técnico, seguridade e refrixeración do mesmo. Todas estas obras foron necesarias para asegurar a posta en marcha do Centro de Procesamento de Datos, xa que funcionará durante as 24 horas dos 365 días do ano.

As diferentes tecnoloxías instaladas en dito CPD permiten o traballo diario dos distintos departamentos municipais, a interconexión entre os traballadores e os procedementos administrativos, que ao mesmo tempo están dispoñibles na internet para os cidadáns. Ademais permitirá o despregue doutro tipo de servizos internos que posibilitarán unha mellora no rendemento e na produtividade. Unha das tecnoloxías implantadas permite asegurar que durante os 365 días do ano estean dispoñibles ditos servizos mediante sistemas redundantes e de tolerancia a fallos, así como de sistemas de alimentación ininterrompida e de protección contra desastres.

Por outra banda outras tecnoloxías asegurarán a integridade dos datos, tratando de evitar a perda dos mesmos. Tamén se puxeron en marcha procedementos que aseguran o cumprimento da Lei Orgánica para a Protección de Datos, dentro de ditos servidores, así como medidas de tipo físico e lóxico.

Instalación de fibra óptica

A posta en marcha do CPD realizouse de xeito paralela á instalación dunha rede de fibra óptica que conectará todos os edificios públicos de Bertamiráns. Os edificios municipais de Bertamiráns que se conectarán mediante o anel de fibra óptica serán a Casa do Concello, a Casa da Cultura, o Pazo da Peregrina, a Escola Infantil O Bosque e o novo Centro de Proceso de Datos (CPD). A lonxitude estimada do trazado da rede principal de fibra óptica é de 2.500 metros.

Todos estes edificios estarán conectados entre si e co CPD. A rede de fibra ten a función de proporcionar a potencia e a rapidez e seguridade necesaria para as comunicacións que esixe esta nova era que estamos a vivir. Nunha segunda fase uniranse os edificios administrativos do Milladoiro a esta rede. Este é soamente un dos posibles beneficios. A partir de agora non se dependerá de operadores comerciais e permitirá un importante aforro de custes na partida de comunicacións, xa que todas las comunicacións internas resultarán gratuítas. Os custes da instalación da rede de fibra óptica foron sufragados con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local.