Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a cuarta edición do certame Galetiktokers

Martes, 26 de setembro de 2023

A praza de Chavián, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición do concurso Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames. O certame volve por cuarto ano consecutivo, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, incentivar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e dar visibilidade á comunidade galega na rede social TikTok. A rapazada a partir dos 13 anos poderá participar cos seus vídeos en galego ata o 23 de outubro, solicitando un formulario de inscrición no correo galetiktokers23@gmail.com e devolvéndoo cuberto e asinado xunto coa súa creación audiovisual. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 10 novembro de 2023. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do IV Certame Galetiktokers.

Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames poñen en marcha o certame Galetiktokers. Trátase dunha oportunidade para que a mocidade estimule a súa creación empregando os novos formatos e poñendo en valor a lingua galega. As súas pezas audiovisuais, que deberán ser creadas seguindo o estilo da rede social TikTok, optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios.

A presentación da cuarta edición do certame Galetiktokers realizouse esta mañá na praza de Chavián, en Bertamiráns. Ao acto asistiron o alcalde e concelleiro Normalización Lingüística, Blas García; Carmen Porto, concelleira de Xuventude; Rosa Moreiras e Pili Villaverde, técnicas dos departamentos responsables; e María Rúa Rodríguez, que impartirá dúas xornadas de formación sobre TikTok e creadores galegos nos centros de ensino amesáns; así como representantes da empresa Xurdir.

O alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “o obxectivo fundamental é que o noso idioma, a lingua galega, chegue á mocidade, e tamén aproveitar para que ese espírito creador da xente nova que se comparte nas redes sociais, se siga ampliando, tendo a posibilidade de levar algún premio”. O rexedor tamén fixo fincapé en que “as redes, hoxe en día, son unha ferramenta moi importante, nos seus distintos formatos. Eles mesmos deben concienciarse do uso do galego. Moitos/as creadores/as cun número importante de seguidores xa crean en galego, e iso invita e incita a outros mozos e mozas a crear en galego”.

Polo seu lado, a concelleira de Xuventude, Carmen Porto, explicou que “queremos chegar a toda a mocidade e, sobre todo, darlle visibilidade a través das redes sociais ao galego. Dende o Concello animamos á xuventude a participar porque, ademais, contaremos cunha gala na que se lle dará visibilidade a todos os seus vídeos e na que haberá actuación musical”.

A técnicas do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Xuventude, Rosa Moreiras e Pili Villaverde, fixeron un repaso polas bases do concurso e explicaron que o alumnado dos institutos de Ames participará nunha formación para coñecer como traballar de cara a presentarse no concurso. “A tiktokeira Prado Rúa será a encargada de ensinarlles como moverse nas redes, como traballar coa cámara, que tipo de recursos poden empregar... calquera dúbida que poidan ter os mozos e as mozas e que lles dea o empurrón para gravar un vídeo e envialo”, destacou Villaverde. Moreiras, pola súa banda, resaltou que “ademais de crear, que é o obxectivo fundamental do certame, tamén é moi importante visibilizar e coñecer os nosos creadores. A rapazada poderá explorar todo ese mundo de creación en galego e descubrir todo o que hai por contar”.

María Rúa Rodríguez, @pradorua, que será a presentadora da gala do concurso e a encargada de impartir as charlas nos centros educativos, expuxo que “vou intentar compartir as miñas ferramentas e o meu proceso creativo, e por suposto, animalos a que aproveiten esta oportunidade para facer vídeos e de espallar a nosa lingua”.

Categorías, premios e xurado
No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ámbalas dúas idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Como nas anteriores edicións, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

Novamente, o certame repartirá seis premios de 300 euros. Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo “gústame” nos vídeos subidos ao perfil de Instagram do departamento de Xuventude (@xuventudeames). Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.

Características e condicións dos vídeos
Os vídeos creados para o IV Certame Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok ou da sección reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, cos efectos especiais, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Inscrición, prazos e votación do público
Para participar no certame, cómpre solicitar o formulario de inscrición no enderezo electrónico galetiktokers23@gmail.com e devolvelo cuberto e asinado a ese mesmo correo, xunto co propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo para anotarse rematará o 23 de outubro de 2023.

Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram do departamento de Ames (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11:00 horas do 25 de outubro ás 11:00 horas do 27 de outubro. Neste período contabilizaranse os “gústame” nas publicacións no perfil de Instagram de Xuventude Ames (XA!) do que fará falta ser seguidor ou seguidora para votar

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.

Xornadas de formación nos centros de ensino secundario
Como actividade complementaria da celebración do certame, realizaranse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co obxectivo de explicarlle ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e facer unha tormenta de ideas para impulsar a creatividade entre a mocidade.

A formación correrá a cargo da creadora de contido e tiktokeira ourensá María Rúa Rodríguez (@pradorua), que estará no IES do Milladoiro e no IES de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Volve o certame Galetiktokers para animar a rapazada a usar o galego nas súas redes sociais"

Imaxe da presentación da cuarta edición do certame

Multimedia

  • Cartaz do Galetiktokers 2023
  • Bases do Galetiktokers 2023
  • Imaxe da presentación da cuarta edición do certame