Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024

Mércores, 20 de novembro de 2024

As obras de teatro, representadas por diferentes grupos teatrais de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira, representaranse os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.  As entradas poden adquirirse xa dende hoxe de xeito gratuíto na Billeteira electrónica. No caso de haber billetes dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo nos auditorios correspondentes. Todas as representacións teatrais son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas, excepto a representación de A Visita, a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ames, que será no local social de Bugallido. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concello de Ames presentou este mércores na Casa da Cultura do Milladoiro a Mostra de Teatro Afeccionado 2024, actividade que levaba sen celebrarse desde a súa última edición no 2019. O ciclo teatral, organizado polo Concello e a Escola Municipal de Teatro de Ames, ofrecerá as actuacións de diferentes grupos de teatro non profesionais ao longo de cinco xornadas nas que se poñerá en valor a cultura e a lingua galega.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou o compromiso do Concello en apoiar a cultura e a lingua galega, a través da gran oferta cultural que programa o Concello. “Dende o Concello apostamos polo teatro coa Escola Municipal de Teatro e coa celebración desta mostra. Queremos apostar polo noso teatro, por ese teatro máis próximo, por iso apostamos por recuperar esta mostra de teatro afeccionado. Tamén quero animar a outros Concellos a tecer unha rede de intercambio teatral, para difundir e exhibir teatro afeccionado, porque é un xeito de apostar pola nosa cultura e a lingua galega”.  

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou os motivos da volta desta actividade, “Retomamos a Mostra de Teatro por ampliar a programación cultural municipal, pero tamén por apoiar á creación artística, que as compañías de teatro afeccionado teñan un espazo con equipamento e persoal técnico para expoñer os seus traballos”. Ademais, destacou a capacidade deste tipo de teatro “para facer intercambios con outros concellos e que os nosos traballos se poidan ver noutros municipios fóra do noso propio“.

Pola súa banda, tamén asistiron representantes dos diferentes grupos teatrais que actuarán no certame; o director de Anacos Teatro, Fran Rei; a co-directora do Teatro das Maniotas, María Dolores Santos Álvarez; o director e elenco artístico do Grupo de Teatro Asociación Cívico Cultural Terras de Outes, Carlos Outeiral, José María Orodea e Juan Martínez; a concelleira de Educación do Concello de Ribeira e director do Grupo Municipal, Cruz Rivadulla e Óscar Romero, e o director do Grupo Municipal de Teatro de Ames, Diego Rey.

Todas as exhibicións teatrais realizaranse nos vindeiros días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, coa excepción da última obra que se presentará ás 18:00 horas no Local Social de Bugallido. As entradas poden adquirirse xa de balde na Billeteira electrónica, ou, no caso de haber billetes dispoñibles, o propio día do espectáculo. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Mércores 4 de decembro: Anacos, de Anacos Teatro (Aula de teatro de Teo)
Un grupo de actrices e actores aparecen no escenario para falar de teatro e desas conversas xurdirán anacos de escenas de teatro... En cada función o teatro renace. O teatro non é máis que anacos de historias que merecen ser contadas.

Xoves 5 de decembro: Ibáñez Cabaré, de Teatro das Maniotas (IES Brión)
Mario Montoro morre á saída do seu traballo no cabaré, e todo o mundo está seguro de que foi María, a súa parella. Pero as dúas policías encargadas do caso non se aclaran coas pistas, e non son quen de resolver a investigación. Ao mesmo tempo, os traballadores e traballadoras do cabaret fan as súas pesquisas, e conviven coa presunta asasina, mentres bailan e cantan cos distintos personaxes que homenaxean ao grande Ibáñez nunha explosión de cor e música.

Venres 6 de decembro: Comedia Bífida, Grupo de Teatro da Asociación Terras de Outes
Comedia disparatada, baseada na obra de Manuel Núñez Singala, que xulga os prexuízos contra o uso da lingua galega. A obra versa sobre unha serie de xuízos celestiais co eixo principal na lingua galega. As acusadas e acusados son levados ante un tribunal nas portas do ceo para seren xulgados sobre a súa conduta terreal coa lingua, nomeadamente do seu maltrato en diferentes aspectos sociais e lingüísticos.

Sábado 7 de decembro: O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), Grupo Municipal de Teatro de Ribeira
O grupo municipal de teatro de Ribeira pon en escena este novo espectáculo de humor en verso; unha comedia con moitos enredos e bastante retranca, coa intención de conseguir que o público esqueza os seus problemas diarios e goce do teatro, do humor e da sátira para rematar esmendrellándose coa risa. Na obra participa un reparto composto por un grupo de actrices e actores baixo a dirección de Óscar Romero. Os numerosos personaxes tanto no escenario como no patio de butacas van facendo escenas pícaras e irónicas chegando nalgúns momentos a interactuar co público asistente.

Domingo 8 de decembro: A Visita, do Grupo Municipal de Teatro de Ames
O Grupo Municipal de Teatro de Ames presenta o domingo, 8 de decembro, ás 18.00 horas, no Local Social de Bugallido, a obra teatral A Visita, de Friedrich Dürrenmatt, baixo a dirección de Diego Rey. A vila de Güllen leva anos asolada pola miseria e a pobreza. Coas fábricas e a industria pechadas, aos güllenses só lles queda vivir do recordo de épocas mellores. Non obstante, todo isto podería cambiar: a volta ao fogar dunha antiga veciña, a millonaria Clara Zachanassian, enche de esperanza os corazóns de toda a poboación. Clara marchou da vila cando nova, e fixo unha fortuna no estranxeiro, converténdose nunha das persoas máis ricas do mundo. O destino de Güllen depende da súa visita.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "A Mostra de Teatro Afeccionado de Ames volve con cinco representacións"

El Correo Gallego: "Ames recupera a Mostra de Teatro Afeccionado, que reunirá a cinco compañías"

O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024
  • O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024
  • O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024
  • O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024
  • O Concello de Ames presenta a Mostra de Teatro Afeccionado 2024