- Tematica
O logotipo integra todos os servizos complementarios de educación e os programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar Bos Días Cole, Comedores Escolares, Tardes Divertidas, Lúdicos e a Escola de Verán. Realizouse a actualización e modernización da imaxe e a xestión da web conciliames.gal, de cara á mellora da administración electrónica. Inclúense os formularios para a solicitude de praza e matrícula das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena. Recórdase que hoxe, 21 de xuño, abre o prazo para matricularse nos servizos complementarios de Bos Días Cole, Tardes Divertidas e Comedores Escolares. Ao pé desta nova podes consultar a listaxe de admitido/as.
As concellarías de Educación e Tecnoloxías da Comunicación presentaron a nova marca conciliames.gal, que aporta unha imaxe renovada e integradora de todos os servizos da concellaría de Educación do Concello de Ames e permite mellorar a tramitación electrónica dos procedementos de solicitude e matrícula nos diferentes programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar.
A web conciliames.gal incorpora importantes melloras na xestión interna dos trámites administrativos e na seguridade dixital dos contidos dos programas de conciliación municipais, así como a renovación da portada e a imaxe corporativa.
No acto de presentación participaron o concelleiro de Educación, David Santomil; a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, o persoal do Departamento de Educación e representantes da empresa galega Sdweb Solucións Dixitais, que realizou ao longo do último ano todas as actuacións de mellora e actualización da web conciliames.gal
David Santomil destacou que "a nova marca conciliames.gal recolle e centraliza todos os servizos complementarios de educación e traslada unha imaxe actualizada, moderna e integradora da concellaría e, polo tanto, do Concello de Ames como entidade local de referencia polos seus programas de concialiación da vida laboral e familiar."
Pola súa banda, Natividade González manifestou a "importancia de mellorar todos trámites dixitais e seguir a incorporar a administración electrónica a todos os departamentos do Concello de Ames, en particular a aplicación conciliames.gal, que utilizan moitas familias cada curso escolar." Así mesmo, considerou os programas de conciliación de Ames como "buque insignia dos servizos públicos municipais", que con esta imaxe renovada "representa un concello de Ames acolledor para vivir e traballar".
Aberto o prazo de matrícula dende o luns 21 de xuño
Dende luns 21 de xuño e ate o 8 de xullo de 2021 ábrese o prazo para formalizar as matrículas dos programas Bos Días Cole, Comedores Escolares e Tardes Divertidas para os novos usurios/as do curso escolar 2021/22, que comezará no mes de setembro de 2021. Toda a información na web do Concello de Ames.
Podes consultar a listaxe de admitidos e admitidas en cada programa ao pé desta nova. Ademais, adxúntase un documento sobre a información sobre o trámite de matrícula nos Servizos Complementarios.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Xestión dos concilia máis doada coa renovada web"