- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación que se desenvolverá en Ames durante as festas do Nadal. O programa, que foi organizado conxuntamente por diversos departamentos municipais, pretende sacar o Nadal ás rúas e dinamizar o comercio e a hostalería locais. No acto participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo. Todos eles estiveron acompañados por técnicos municipais de cada un dos departamentos implicados na configuración da programación.
A programación do Nadal do Concello de Ames inclúe unha ampla oferta de actividades que comezarán esta semana e se estenderán ata o 7 de xaneiro. Durante case 30 días haberá obradoiros, concertos e espectáculos para todos os públicos, ademais das prebadaladas de Fin de Ano. Así mesmo, a rapazada amesá poderá desfrutar da tradicional cabalgata de Reis, tanto en Bertamiráns e no Milladoiro, e os nenos e nenas do rural poderán coñecer ás súas maxestades durante a visita que farán a estas zonas do concello.
O programa deuse a coñecer esta mañá nun acto no que participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo; xunto aos técnicos municipais de cada un dos departamentos implicados na elaboración da programación.
Durante a presentación o alcalde de Ames, Blas García, explicou que se trata dun programa variado e diverso no que traballaron conxuntamente todos os departamentos municipais. Así mesmo, destacou a incorporación na mesma de obradoiros interxeracionais “onde os máis pequenos poderán facer actividades cos seus avós e outras persoas maiores”. Tamén falou das novidades nas actividades dirixidas á mocidade: “este ano abrimos a Factoría para que a xente moza a coñeza. Alí faremos obradoiros de son para aprender sobre todo o relacionado co mundo da música”. Por último, o rexedor fixo referencia á cabalgata de reis, sobre a que adiantou que é posible que sexa máis ampla e que conte con máis participantes que en edicións anteriores.
A programación comezará este sábado co acto de acendido das luces de Nadal, que se celebrará na Casa do Concello, en Bertamiráns, ás 18:00 horas. Este acto, no que os asistentes poderán degustar chocolate con churros, contará cunha actuación dos rapaces e rapazas da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) e dos coros Elelas e Voces da Maía.
Por outra banda, o 17 de decembro, ás 17:00 horas, na Casa dos Maiores de Bertamiráns, terá lugar o Festival de Nadal Amessan. Esta iniciativa está enmarcada no programa municipal de envellecemento activo, co que se persegue o benestar dos maiores do Concello de Ames.
Contacontos, obradoiros, música e deporte
Entre o 12 e o 14 de decembro, ás 17:30 horas, na Biblioteca do Milladoiro haberá tres sesións de contacontos para nenos con contos de Nadal. O mesmo fará a biblioteca de Bertamiráns, onde tamén haberá contacontos os días 19, 20 e 21 de decembro ás 17:30 horas. Ademais, o xoves 14 de decembro ás 20:30 horas, a compañía Serea Teatro representará a obra “Á luz do día” na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Por outra banda, as bibliotecas municipais organizan dous obradoiros de manualidades: un o 15 de decembro, ás 17:30 horas, na biblioteca do Milladoiro; e outro o 16 de decembro na de Bertamiráns ás 11:30 horas. Como novidade, haberá seis obradoiros “Infantil e Maiores”, tres en Bertamiráns e outros tres no Milladoiro, nos que os máis pequenos farán manualidades de Nadal cos seus avós e outros maiores do concello. En Bertamiráns serán o 26, 28 e 29 de decembro na Casa dos Maiores, ás 11:00 e ás 17:00 horas; mentres que no Milladoiro serán os días 27, 28 e 29 de decembro, tamén ás 11:00 e ás 17:00 horas. Ademais, o espazo multicultural de A Factoría, en Biduído, organiza dous obradoiros de son o 27 e 28 de decembro, ambos ás 11:00 horas.
Tamén haberá espazo para a música. O Coro e o grupo de pandeiretas de maiores visitarán aos máis pequenos nas escolas infantís municipais da Madalena e O Bosque o 12 de decembro, ás 10:00 horas, e o 19 de decembro ás 11:00 horas, respectivamente.
Así mesmo, o deporte terá un papel importante este Nadal. O 16 de decembro, ás 10:00 horas, celebrarase nas pistas de tenis de Aldea Nova un torneo de minitenis gratuíto para rapaces e rapazas a partir dos 3 anos. Ese mesmo día no Pavillón do Milladoiro, ás 19:30 horas, terá lugar a gala do club de patinaxe artística Omega. Ao día seguinte pola mañá nos arredores do Paseo Fluvial de Bertamiráns haberá unha xincana ciclista ás 11:00 horas, e ás 12:00 horas celebrarase a XVI Carreira Ciclista do Pavo, que este ano estará dedicada ao ciclista Iván Raña. O 22 de decembro celebrarase a gala do club de patinaxe artística Sarela no pavillón de Bertamiráns ás 16:30 horas.
O sábado 30, ás 11:00 horas, haberá unha camiñada enmarcada na iniciativa Camiñadas teatralizadas: O Segredo da Andoriña.
Concertos para todos os públicos e AmesON de Nadal
O domingo 17 de decembro, ás 19:00 horas, haberá un concerto de Nadal no Auditorio de Bertamiráns no que actuarán diversos grupos de baile e música tradicional. Ademais, o 7 de xaneiro ás 19:00 horas, terá lugar o Concerto de Reis na Casa da Cultura do Milladoiro, coa actuación das agrupacións corais de Ames. Os convites para ambos eventos poderán descargarse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Como vén sendo habitual durante os últimos anos, tamén se celebrará o AmesON de Nadal con dúas actividades orientadas aos máis pequenos da casa: o 22 de decembro ás 19:30 horas organízase a actividade “Pitusa Semifusa” na Casa dos Maiores de Bertamiráns; e o 29 de decembro, a actividade “Martiña Soñadora”, ás 18:00 horas no Centro Social do Milladoiro.
Así mesmo, haberá tres actuacións solidarias. O 23 de decembro e o 3 de xaneiro, a academia de danza Balancé interpretará “Mary Poppins, el musical” no Auditorio de Bertamiráns, en beneficio das fundacións Aladina e UCIM. Por outra banda, o 4 de xaneiro ás 20:00 horas celebrarase o festival benéfico “Óliver Insua e amizades” na Casa da Cultura de Bertamiráns, en beneficio de ASANOG.
Visitas Disney
Para celebrar o Nadal, algunhas das personaxes de Disney achegaranse a Ames para que os nenos e nenas poidan desfrutar con elas. O martes 26 de decembro estarán no Centro Social do Milladoiro, mentres que o mércores 27 se achegarán ata a Casa dos Maiores de Bertamiráns. En ambas xornadas, o horario será de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.
Encontros co Apalpador e Papá Noel, prebadaladas e Gran Festa de Reis
Tanto o Apalpador como Papá Noel visitarán Ames. O primeiro estará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 15 de decembro ás 18:00 horas, acompañado de contos e música. Tamén por Milladoiro e Bertamiráns pasará Papá Noel, que recibirá aos máis pequenos o venres 22 na Casa dos Maiores do Milladoiro, e o sábado 23 na Casa dos Maiores de Bertamiráns, en ambos casos en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.
O día 31 de decembro celebraranse, unha vez máis, as prebadaladas de Fin de Ano, na Praza do Concello, de 11:00 a 14:00 horas. Durante o acto, presentado por Loli Gómez, actuarán os gañadores de Canta con Ames e entregaranse os premios da Xincana Xove.
Por outra banda, o Concello organiza tamén unha Gran Festa de Reis. Os días 3 e 4 de xaneiro está programada unha recepción ás súas maxestades nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Por outro lado, está previsto que os Reis Magos visiten tamén as parroquias o xoves 5. Para finalizar o seu recorrido por Ames, o propio día 5, de 17:00 a 20:00 celebraranse sendas cabalgatas no Milladoiro e en Bertamiráns, e os pavillóns municipais acollerán tamén unha xuntanza de fin de festa.
Actividades da Aula da Natureza
Paralelamente, a Aula da Natureza organizou a súa propia programación de Nadal. Por unha banda, organiza dous obradoiros de adornos para portas (dirixidos a público adulto) o sábado 9 de decembro e o domingo 10, en horario de 11:00 a 14:00 horas. En cada un dos obradoiros, que contan con 15 prazas, faranse decoracións para portas con salgueiros, ramas secas e flores propias do inverno. Ademais, organiza tres campamentos urbanos para rapaces de entre 6 e 14 anos nos que tamén se farán obradoiros relacionados co Nadal. Os campamentos terán lugar os días 27, 28 e 29 de decembro ás 11:00 horas. Ambas actividades desenvolverase na Aula da Natureza da Ameixenda.
A programación pódese consultar ao completo premendo nesta ligazón. Para solucionar calquera dúbida, tamén se pode contactar coa concellería de Promoción Económica, no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal, coa de Cultura, no correo cultura@concellodeames.gal ou escribindo a Aula da Natureza ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames diseña un Nadal intergeneracional con 30 días de actividades"
Lindeiros: "Ames presenta o programa do Nadal 2023"