Pestanas principais

O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”

Mércores, 18 de xaneiro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, Voluntariado e Igualdade, presentou esta mañá o proxecto “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”, un obradoiro de voluntariado interxeracional que ten como finalidade a recuperación da memoria dos lugares de Ames, a través dun recorrido polos recordos das persoas que habitan neles. Para iso, promoverase un traballo conxunto entre as persoas maiores de 60 anos e os menores de 35. A iniciativa levarase a cabo grazas á subvención de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados ao proxecto piloto “Talento interxeracional”. Ao acto de presentación do proxecto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; a concelleira de Benestar Social, Voluntariado e Igualdade, Luísa Feijóo; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; e o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos; así como persoal municipal das concellarías de Benestar Social e de Transición Ecolóxica, así como representantes da asociación As Tres Aldeas, tamén implicada no obradoiro, e veciñanza da zona.

“A memoria de Ames: os muíños de Parribeira” é un gran obradoiro de memoria que estará formado por diversas sesións para afondar e recuperar os recordos das persoas participantes, co obxectivo de fomentar a convivencia e o encontro entre a veciñanza, a través de diferentes actividades. Os recordos sobre os que traballar terán como eixo principal a Ruta de Riamontes, na aldea de Vilar, onde se poden atopar 12 muíños, coñecidos como “Os muíños de Parribeira”.

O proxecto foi presentado esta mañá no punto de inicio da ruta, a onde acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; a concelleira de Benestar Social, Voluntariado e Igualdade, Luísa Feijóo; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; e o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos; así como persoal municipal das concellarías de Benestar Social e de Transición Ecolóxica, representantes da asociación As Tres Aldeas, tamén implicada no obradoiro, e veciñanza da zona.

A iniciativa xirará entorno a diversas ideas: unha viaxe ao pasado con fotos en branco e negro, unha selección de recordos asociados a lugares do rural de Ames, un teléfono móbil como ferramenta para gravar, un guión e un vídeo para cada relato en cada lugar, unha canle en Youtube para subir os vídeos, un mapa en Google para situalos, unha forma de recuperar o patrimonio inmaterial e unha ruta sobre o pasado para construír o futuro.

Deste xeito, “A memoria de Ames” formúlase como un lugar de encontro para persoas maiores de 60 anos e para menores de 35. Todos os voluntarios que queiran formar parte do proxecto traballarán de maneira interxeracional a recuperación das memorias de Ames, sempre en clave feminina. Así, proponse un achegamento das persoas maiores ás novas tecnoloxías como ferramenta para poñer en valor os seus recordos e a historia viva dos lugares, pero tamén para colocar os piares dunha nova economía de coidade, baseado nas persoas.

Colaboración interxeracional en torno ás novas tecnoloxías
Unha vez seleccionados e guionizados os recordos máis atractivos para formar parte do proxecto, as persoas participantes gravarán e/ou serán gravadas nos lugares escollidos para contar o seu relato, que estarán asociados a cada punto concreto da ruta. As persoas máis novas serán as encargadas de favorecer a aprendizaxe en torno ás novas tecnoloxías, o coñecemento e o acompañamento.

A gravación dos vídeos poderá ter dous enfoques, en función das preferencias e dificultades das persoas maiores na utilización de ferramentas tecnolóxicas (móbiles, ordenadores, Youtube...). Por unha banda, pode servir para que as persoas máis maiores aprendan a gravar vídeos cos seus móbiles, e, por outra, como intercambio xeracional, contando coa implicación das persoas novas para a gravación e para compartir eses mesmos vídeos subíndoos a plataformas como Youtube; elaborando un mapa virtual da memoria ou creando códigos QR.

O proxecto, que conta tamén coa colaboración da asociación As Tres Aldeas, desenvolverase na zona das Tres Aldeas (Lamas, Vilar e Pedrouzos) e estará vinculado ao roteiro dos Muíños de Riamontes, con varios obxectivos: recoñecer e poñer en valor a riqueza ambiental, patrimonial e turística de Ames; deseñar e estruturar novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes; e deseñar unha nova economía de coidados, baseada na atención á persoa.

“A memoria de Ames, os muíños de Parribeira” é financiado pola subvención de 23.591,71 euros ao abeiro do proxecto piloto Talento interxeracional, dirixido a entidades de acción voluntaria e a entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural; e que se enmarcan no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, dentro dos fondos Next Generation.

Acto de presentación
Durante o acto de presentación da iniciativa, a concelleira de Benestar Social, Voluntariado e Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que “este é un proxecto que se vai levar a cabo a través dun gran obradoiro de memoria, no que intervirán tanto persoas maiores de 60 como menores de 35 anos, e o que se pretende, é o coñecemento dos máis novos das experiencias dos maiores”.

A concelleira apuntou tamén que “imos comezar coa primeira fase, o obradoiro de memoria a través do cal se van recuperar esas historias de vida e as lendas vencelladas a estes muíños, e que estará composto por fotografías e polas propias memorias dos máis maiores, mentres que as persoas máis novas recollerán eses saberes para poder seguir transmitíndoas. Despois, o que pretendemos é gardar o patrimonio inmaterial a través dos vídeos, e que calquera que se achegue a visitar este marabilloso roteiro poida velos e coñecer a súa historia, narrada polos propios protagonistas”.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, aproveitou para agradecer o convite á presentación, e sinalou que “estamos moi contentos de sumar este proxecto ao programa que temos dende a Xunta de Galicia, o programa de voluntariado interxeracional no rural, que abarca diferentes ámbitos. O Concello de Ames presentouse a esta pioneira convocatoria, que puxemos en marcha a finais do ano pasado, foi un dos dezaoito proxectos seleccionados e vai ter un financiamento de preto de 24.000 euros”.

Así mesmo, a directora xeral explicou que “este proxecto traballa en tres áreas moi particulares e de xeito transversal: na área social, a área cultural e a área turística. Neste momento estamos xa captando ás persoas voluntarias, tanto maiores como mozos, que van participar. O que se pretende é fomentar o vínculo interxeracional para recuperar as tradicións, e que non se perda o patrimonio inmaterial tan bonito que temos en Galicia. É unha actuación moi positiva para o concello, e esperamos que teña os seus froitos”.

Patricia de Lorenzo, en representación da asociación cultural As Tres Aldeas, quixo “manifestar o agradecemento ao Concello. Este é un proxecto para o levamos traballando dende o principio. Para nós é un paso importante pola mirada grande que hai detrás dese inicio: a posibilidade de potenciar a nivel turístico unha ruta con todo ese patrimonio natural e inmaterial. Ademais, imos poder potenciar a vinculación entre a veciñanza moito máis”.

Para finalizar, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceu a presenza e a colaboración da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia, e o traballo do departamento de Voluntariado do Concello. “Creo que é un proxecto pioneiro do cal a nós nos gusta formar parte. Este tipo de proxectos sempre son moi atractivos, e que a xente maior poida formar parte del é moi interesante”.

Por outra banda, o rexedor municipal sinalou que “temos un departamento de Voluntariado que funciona moi ben, a axuda da Xunta de Galicia, unha asociación de veciños moi activa, que dende que empezou a andar sempre traballou por poñer en valor o rural, e sobre todo, a ruta dos muíños. O proxecto vainos a servir para dar a coñecer as zonas rurais e tamén para fusionar dúas xeracións e que, ademais, traballen nun tema como é a tecnoloxía da información e da comunicación. Cando se remate, o proxecto vai a ser moi bonito”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Un taller de voluntariado intergeneracional recuperará la memoria del rural de Ames"

El Correo Gallego: "Recuperan la memoria del rural con los muíños de Parribeira como eje"

Presentación do proxecto de voluntariado

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”
  • O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”
  • O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”
  • O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”
  • O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”
  • O Concello de Ames presenta o proxecto de voluntariado interxeracional “A memoria de Ames: os muíños de Parribeira”