- Tematica
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) presentou esta mañá a súa programación para os meses de xaneiro, febreiro e marzo do 2023. Dentro das actividades organizadas hai cursos de informática lúdica para nenos/as, obradoiros de iniciación en procesadores de texto e de deseño 3D e clases de manexo de procesador de textos e de correo electrónico web e móbil. As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos programas poden facelo de maneira presencial na propia AMTIC, situada na Casa da Cultura do Milladoiro (en horario de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas) ou enviando cuberta e asinada a solicitude que se pode atopar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, e maila técnica responsable da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, Almudena Caamaño, presentaron esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro a programación da AMTIC para o primeiro trimestre do ano. Ao longo dos meses de xaneiro, febreiro e marzo impartiranse distintas actividades dirixidas tanto a nenos e nenas como á poboación adulta.
A aula de informática do Milladoiro foi inaugurada en abril do pasado ano cun renovado aspecto, tras a modernización dos seus espazos e equipos informáticos, cunha inversión acometida pola Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación. Na actualidade, conta con doce postos con ordenadores, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, destaca que “o programa que se vai desenvolver durante estes meses segue a liña das actividades xa realizadas no anterior trimestre. A aula AMTIC pretende achegarse a todos os públicos, dende os máis pequenos ata os máis maiores, ofrecendo distintas iniciativas para todos os gustos”.
Así mesmo, a concelleira destaca que “fai menos dun ano que a aula se puxo en marcha, pero xa contamos cunha intensa e extensa programación. Recentemente pechamos a primeira edición dos cursos de alfabetización dixital para as parroquias, e xa temos en mente crear outro grupo de iniciación para poder seguir alfabetizando no rural e achegando a todos os que o desexen ás novas tecnoloxías”.
Actividades para rapaces/as
A programación dará comezo este 16 de xaneiro, cun curso de informática lúdica para nenos e nenas de entre 5 e 7 anos, ambos inclusive, que terá lugar todos os luns e mércores nas instalacións da aula AMTIC, en horario de 18:00 a 19:00 horas. Rematará o 30 de xaneiro.
Así mesmo, a rapazada de entre 7 e 12 anos poderá anotarse á actividade “Primeiros traballos co procesador de textos Writer” para aprender as súas primeiras nocións de manexo deste programa informático. As clases terán lugar do 1 ao 27 de febreiro, tamén todos os luns e os mércores, de 18:00 a 19:00 horas.
Xa no mes de marzo, a cativada de entre 7 a 12 anos poderá inscribirse nun obradoiro de deseño 3D que se desenvolverá entre os días 6 e 29 de marzo, os luns e os mércores e de 18:00 a 19:00 horas.
Programación para adultos
As persoas maiores de 18 anos tamén poderán gozar dunha actividade mensual. Entre os días 17 e 31 de xaneiro terá lugar un obradoiro de iniciación a Internet, que se desenvolverá todos os luns e os xoves de 18:30 a 20:00 horas.
Eses mesmos días e neses mesmos horarios, entre o 2 e o 23 de febreiro, impartiranse clases de utilización do correo electrónico, tanto na súa versión web como na móbil.
Para rematar, entre o 7 e o 30 de marzo, tamén os martes e xoves, de 18:30 a 20:00 horas, celebrarase un curso de iniciación no procesador de textos Writer, adaptado para maiores.
Inscricións
Tanto os cursos enfocados á cativada como os de adultos contan cun límite de 12 prazas, polo que para participar é necesario anotarse. A inscrición pode facerse de maneira presencial, na AMTIC (na Casa da Cultura do Milladoiro), de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas (excepto en horario de realización de cursos); ou ben enviando a ficha que se pode atopar premendo nesta ligazón debidamente cumprimentada e firmada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.
Para máis información sobre os cursos ou a actividade da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou escribir a informatica.milladoiro@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Informática para todos desde la mayor urbe del Val da Maía con el aula AMTIC"