Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a programación “Entroido Ames 2024”

Luns, 29 de xaneiro de 2024

O Concello de Ames presentou esta mañá na praza de Chavián, en Bertamiráns, a programación “Entroido Ames 2024”, que se vai desenvolver durante o mes de febreiro. Dita programación está organizada en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Haberá dous concertos a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a festa de entroido do programa Amessan, a festa de Entroido do Concello de Ames, o concurso e desfile de Entroido e maila festa e concurso infantil de disfraces. Premendo nesta ligazón podes descargar as bases do concurso e desfile do domingo 11 e do concurso infantil de disfraces que se celebra o luns 12 de febreiro.

Esta mañá presentouse na praza de Chavián, en Bertamiráns, a programación de Entroido organizada polo Concello de Ames, en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que se desenvolverá durante o mes de febreiro. Na presentación estiveron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e mailo presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López.

A programación do “Entroido de Ames 2024” desenvolverase dende o mércores 7 ata o luns 12 de febreiro. Este ano vólvese a optar por organizar unha festa de Entroido no que se aposta pola participación da veciñanza amesá. Preténdese que sexa un Entroido no que participen as asociacións culturais, asociacións de veciños, ANPAS, etc.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explicou que “este ano estamos intentando fixar as actividades xa nos núcleos: o entroido infantil en Bertamiráns, e o desfile e o entroido para adultos no Milladoiro. O noso desfile non busca competir cos grandes desfiles de comparsas da contorna; o que buscamos é incentivar a participación da veciñanza de Ames, promovendo a participación de asociacións e agrupacións locais”.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, destacou “dentro do Amessan, os maiores tamén teñen a súa propia festa. Pero aínda así, invitamos a toda a familia a que os acompañen nesta celebración. Queremos darlles aos nosos maiores un pouco de protagonismo porque, aínda que é importante que coidemos dos máis pequenos, tamén temos que coidar dos nosos maiores”.

Por outra banda, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, dixo “temos unha programación moi completa, adaptada ás características dun concello como Ames. É unha programación para todas as idades que, aínda que comeza o día 7, o día forte será o sábado 10. Para elaborala traballamos conxuntamente coa Xuntanza de Empresarios de Ames, co obxectivo de facela completa, para todos os públicos e idades, pero tamén sendo moi responsables co orzamento dispoñible. Vai ser un Entroido divertido, con moita música, e moi participativo. Agardamos a toda a veciñanza para celebrar o Entroido”.

O presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, incidiu en que “o máis destacado deste ano é o desfile, que será no Milladoiro, e o concurso infantil de disfraces en Bertamiráns, que é a novidade deste ano. A partir de agora teremos dúas festas de Entroido, unha cada un dos núcleos urbanos do concello. No desfile, que durará sobre 1 hora, poden participar tanto adultos como nenos; e no concurso infantil de disfraces, no caso de ser nenos moi pequenos, poden estar acompañados de un ou dous adultos, aínda que o que se valorará será o disfrace dos nenos. Para participar só hai que enviar un correo electrónico ao enderezo de XEA antes do 8 de febreiro, é moi sinxelo inscribirse. Tamén será posible inscribirse o propio día do desfile, no punto de saída, de 15:30 a 16:30”.

Programación do 7 ao 12 de febreiro
A programación comeza o mércores, 7 de febreiro, ás 19.00 horas, co “Concerto Miúdo” da Escola Municipal de Música de Ames, que se vai realizar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Actuarán 57 rapaces e rapazas das agrupacións/combos de música e movemento; linguaxe musical; violín “Jóvenes Águilas”; piano; canto e piano; combo de voces; guitarra; combo folk; combo EMMA  e combo voces.

As actividades continúan o venres 9 coa festa de Entroido do programa Amessan e co festival de Entroido da EMMA. A Casa de Maiores de Bertamiráns acolle a festa de Entroido do programa Amessan. A partir das 17.00 horas, os asistentes poderán desfrutar de música en directo, moita diversión e dunha merenda. Haberá autobuses para asistir ao evento dende as paradas de costume, reservando praza ata o 6 de febreiro, chamando ao número de teléfono 662 377 044. Este ano a temática da festa é libre, os/as asistentes poden acudir disfrazados do que queiran. O importante é asistir disfrazado e pasar un bo rato de lecer.

Por outra banda, o festival de Entroido da EMMA será o venres 9 de febreiro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste festival participarán 65 rapaces e rapazas das agrupacións/combos de piano; frauta; grupo “Pesadillas de Aga”; combo EMMA e combo voces; grupo de música para adultos; combo “Nunca é tarde”; combo iniciación; combo xuvenil; e combo de adultos.

Para o sábado 10 está prevista a festa de Entroido na praza de Chavián a partir das 17.30 horas. Haberá unha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya. Tamén actuarán os coros do programa Amessan: Elelas e Voces da Maía; e maila charanga tributo Carlinhos Brown.  

Concurso e desfile
O domingo, 11 de febreiro, organízase o concurso e desfile de Entroido do Concello de Ames e poderán participar persoas de todas as idades. Poderán participar todas as persoas a nivel individual ou en grupo, asociacións legalmente constituídas, comunidades, etc. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven do concurso. As asociacións serán representadas pola persoas que asuma o cargo da presidencia ou persoa en quen delegue.

As inscricións realizaranse  no correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata o 8 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, e número de compoñentes. Tamén se poderá facer de forma presencial na Casa da Cultura do Milladoiro o propio día 11 de 15:30 a 16:30 horas.

Os/as participantes deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo 11 de febreiro, entre as 16:00 e as 16:30 horas. O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización e á orixinalidade.

A saída farase ás 17.00 horas dende o aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Os/as participante percorrerán as rúas do Milladoiro durante unha hora. Ás 18.00 horas farase a entrega de premios na praza de Manuel Murguía. O desfile estará amenizado por Fanfarria Taquikardia.

Establécense  tres categorías segundo o número de participantes: individual (de 1 ou 2 persoas); grupos pequenos (de 3 a 10 persoas); e grupos grandes (máis de 10 persoas). Na categoría individual outorgaranse tres premios: 100 euros para o primeiro premio, 75 euros para o segundo; e 50 para o terceiro. Na categoría de grupos pequenos os premios serán de 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo, e 100 euros para o terceiro. Na categoría de grupos grandes entregaranse tamén tres premios: 500 euros para o primeiro premio, 300 para o segundo e 150 euros para o terceiro.

Festa e concurso infantil de disfraces
Por último, o luns 12 de febreiro farase a festa e concurso infantil de disfraces. Será na praza de Chavián a partir das 17.00 horas. Contarase coa actuación do grupo Pesdelán e o seu espectáculo Entroidanzas. Ademais, haberá música, un obradoiro de maquillaxes, etc.

O concurso está dirixido ao público infantil (poderán participar nenos e nenas de ata os 12 anos cumpridos e poderán participar  ben de forma individual ou en grupos). Os nenos/as para participar terán que estar  baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven deste concurso.

As inscricións realizaranse  no correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata o 8 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, e número de compoñentes. Tamén se poderá facer de xeito presencial na praza de Chavián o propio día 12, de 15:30 a 16:30 horas. Os/as participantes deberán presentarse na praza de Chavián entre as 16:00 e as 16:30 horas.

O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización á orixinalidade, o traballo requirido na  elaboración dos disfraces, é dicir se son elaborados total ou parcialmente polos participantes, a utilización de materiais  empregados respectuosos co medio ambiente.

Establécense  dúas categorías segundo o número de participantes: individual: de 1 ou 2 persoas  ata 12 anos cumpridos; e grupos: máis de 3 persoas ata 12 anos cumpridos. Na categoría individual haberá tres premios: 75 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro. Na categoría de grupos os importes dos premios son 250 para o primeiro, 150 euros para o segundo e 75 para o terceiro.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames presenta a programación de Entroido"

La Voz de Galicia: "Bertamiráns terá festa infantil de entroido o día 10 e o desfile será no Milladoiro na xornada seguinte"

Imaxe da presentación da programación “Entroido Ames 2024”

Multimedia

  • Cartaz da programación “Entroido Ames 2024”
  • Cartaz da programación “Entroido Ames 2024”