Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre de 2023

Mércores, 25 de xaneiro de 2023

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames presentou esta mañá as propostas de animación infantil que forman parte do programa Apego para este primeiro semestre do 2023, e que inclúen música de diferentes estilos, xogos, tradición oral, arrolos,contos, teatro, danza, obradoiros, unha festa e ata unha viaxe. A programación abre o próximo venres, 3 de febreiro, co espectáculo “Nube, nube, sol”, destinado a familias con crianzas de 0 a 6 anos e para o que será necesario inscribirse a partir de mañá, día 26. A programación do Apego ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal. Na actualidade, 300 familias amesás forman parte deste programa.

Ames acollerá ata xuño unha serie de 19 actividades, unha variada oferta lúdica para familias con crianzas. Nesta programación colaboran os departamentos de Normalización Lingüística, Cultura e Bibliotecas, co obxectivo de proporcionar recursos para unha crianza en galego positiva e creativa.

A programación infantil con Apego presentárona esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e a concelleira de Cultura, Natividade González; así como Rosa Moreiras e Fátima Souto, persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explicou que “son xa preto de 300 familias as que temos no Apego. O programa trata de dar ferramentas e recursos para favorecer a transmisión do galego como lingua inicial”. A concelleira sinalou tamén que “é un programa para familias con nenos e nenas ata seis anos, pero a realidade é que as actividades se adaptan tamén a un público familiar”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, repasou as iniciativas dos seus departamentos enmarcadas dentro do Apego, e sinalou a necesidade de "ser transversais e de traballar todas as áreas de forma conxunta. É interesante sumar e achegar aos programas o mellor de cada departamento". Así mesmo, recordou a importancia de ofrecer actividades que se desenvolvan en lingua galega, indicando que "a programación do departamento de Cultura e Bibliotecas é case dun 100% en galego".

Por último, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que “as actividades pretenden que as familias leven para a casa un fío do que seguir tirando para favorecer a transmisión da lingua, que é o obxectivo transversal de toda a programación do Apego”.

Actividades para as crianzas dende febreiro ata xuño
Durante o mes de febreiro terán lugar dúas actividades. O venres 3 abrirá a programación co espectáculo “Nube, sol, sol”, de Teatro ó Cubo. Os nenos e nenas que participen poderán achegarse á maxia da natureza a través do corpo, os xestos, o canto e a música. O xoves 9 será a quenda de “Cacho animalada!”, de Vero Rilo e Luís Iglesias, cos que pasaremos un anaco fresco e despreocupado e cheo de contos, humor, rock e alegría.

Xa en marzo, desenvolveranse outras tres propostas. Para comezar, o día 3, haberá unha nova representación teatral, dirixida ao público infantil, “Ninja”, de Ghazafelhos Teatro. Trátase dunha obra lúdica e pedagóxica que aborda o acoso escolar a través de reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade. O venres 10 os Sacapuntos (Montse Rivera, Roberto Comesaña e Xabier Iglesias) estarán no Pazo da Peregrina dinamizando a “Foliada con Apego” deste semestre, un encontro repleto de música galega para cantar, bailar, aprender cancións... Para rematar o mes, chegará Esperanza Mara co obradoiro “Tecendo soños”, no que se traballará a estimulación sensorial e musical a través de arrolos e cantos da tradición oral.

O mes de abril comeza con baile. O venres 14, a compañía Paula Quintás representará “Nina Ninete”, un espectáculo de danza contemporánea inspirado na estética do Ballet Triádico para narrar unha historia de beleza e rebeldía. Para o sábado 15 está prevista a “Excursión a Carballolandia”, unha visita á Ribeira Sacra na que se visitará o eco-espazo denominado como Carballolandia, o eco-museo do Pazo de Anxeriz e a contorna do río Miño. A cativada achegarase ao mundo das árbores, a contorna fluvial e os seres mitolóxicos, en espazos pensados para o divertimento, o lecer e a convivencia. O venres 22 celebrarase a actividade “Contos en familia”, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, que xirará arredor da literatura infantil e a música, como ferramentas que nos poden axudar a tratar temas claves na crianza. Para rematar o mes, o venres 28 Lupe Blanco e Josinho da Teixeira teñen preparado un “Obradoiro de regueifa” familiar, unha sesión lúdica, interactiva e divertida na se xogará coa música e coas palabras para achegarse á arte de regueifar.

A actividade central de maio será a IV festa do Apego, o sábado 6. Unha xornada chea de actividades e recursos para gozar en familia e para favorecer a socialización e a crianza en galego, para a que se elaborará un programa específico. Ademais, o xoves 11 Pavís Pavós visitaranos co espectáculo “Este queixo queixolán” e cunha maleta chea de contos, cantos, arrolos e xogos recuperados da tradición oral. O venres 26, Ana Prema presentará, “Tecendo fíos”, unha sesión de contos interactivos para rir, xogar, compartir, relaxarse e estar en calma.

No mes de xuño, o día 2, terá lugar o “Obradoiro de porteo e lactación con Apego”, impartido por Xisela Delgado, asesora de lactación especializada en porteo aplicado e lactación materna. Un taller no que coñeceremos recursos, estratexias e ferramentas para un porteo seguro e para unha lactación satisfactoria que cree vínculos afectivos coas crianzas. A programación rematará cun gran concerto. Será o sábado 17 e nel Uxía Lambona e a Banda Molona presentarán o seu novo disco “Un soño é...”, un espectáculo que mesturará temas novos cos máis clásicos da banda.

Os prazos de inscrición das distintas actividades pódese consultar no catálogo da programación. Así mesmo, para resolver dúbidas ou obter máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. Para aquelas actividades dependentes da Concellaría de Cultura pódese escribir a cultura.milladoiro@concellodeames.gal.

Actividades de animación á lectura nas bibliotecas municipais
Por outro lado, as bibliotecas municipais seguen con actividades de animación á lectura infantil. Así, acollerán cinco novas propostas de contacontos para rapazada de entre 3 e 8 anos, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, sempre ás 17:30 horas. A programación de contacontos ao completo pódese consultar premendo nesta ligazón.

A programación infantil con Apego foi presentada esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre de 2023
  • O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre de 2023
  • O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre de 2023
  • O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre de 2023