Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre do ano

Luns, 02 de setembro de 2024

O Concello de Ames presentou as propostas que compoñen a programación infantil con Apego de Ames para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2024, que inclúen dende xogos, contos, obradoiros, espectáculos musicais e teatrais e foliadas ata maxia ou cinema. O programa abre esta semana coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma e a cooperativa Miudiño, que serán o mércores 4 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o xoves 5 na carballeira de Ventín do Milladoiro. Comezarán ambos días ás 18:00 horas, son de balde e non se precisa inscrición previa. A programación ao completo pódese consultar premendo nesta ligazón.

Nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro as familias poderán gozar dun feixe de actividades lúdicas e participativas que lles achegarán recursos para unha crianza positiva, natural e creativa. Neste programa inclúense propostas do departamento de Normalización Lingüística e dos departamentos de Cultura e Bibliotecas.

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu a presentación desta iniciativa, á que acudiron representantes e persoal técnico dos distintos departamentos. Deste xeito, asistiron ao acto Blas García, alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística e Cultura; Raquel Barbeito, persoal do Servizo de Normalización Lingüística; e María Vázquez, técnica de Cultura.

Raquel Barbeito, persoal do Servizo de Normalización Lingüística, explica que a programación con Apego de outono abre esta semana coas Brincadeiras miúdas que se van a realizar este mércores, 4 de setembro, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e o xoves 5 de setembro na carballeira de Ventín. Trátase de dúas tardes de música, xogo e divertimento dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. Esta actividade ten como obxectivos fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira”.

Pola súa banda, a técnica de Cultura, María Vázquez, sinalou que desde o seu departamento “estamos moi contentos de formar parte desta programación con dúas propostas que xa son un clásico no concello, como son o Festival de Maxia e o Cinema Miúdo”. Así mesmo, rematou a súa intervención animando á veciñanza a participar nas diversas actividades ofertadas.

Pechou a presentación o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística e Cultura, Blas García, que destacou que a deste segundo semestre é “unha programación moi variada, que conta tanto con artistas consagrados como con novas promesas que traen proxectos moi interesantes, ademais de con propostas xa consolidadas como o Cinema Miúdo e o Festival de Maxia”.

Actividades para as crianzas dende setembro ata decembro
A primeira actividade deste último cuadrimestre terá lugar esta mesma semana, o mércores 4 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o xoves 5 na carballeira de Ventín, no Milladoiro, coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma. Esas dúas tardes, a partir das 18:00 horas, haberá música, xogos tradicionais e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. A actividade é de balde e non é necesaria inscrición previa.

Ademais, setembro inclúe outras tres propostas. O venres 13, A banda do verán ofrecerá o espectáculo “A danza do verán” en Bertamiráns. O venres 20, Arkhé, espazo educativo ofrecerá na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro de masaxes “Música na pel”. Xa para pechar o mes, o sábado 28 terá lugar unha excursión a Carballolandia da man de Anxo Moure, o Carballo con botas.

A programación continuará en outubro con cinco actividades máis. A primeira será o espectáculo de circo e malabares “Con lingua propia” con Peter Punk, o venres 4 en Bertamiráns. O venres seguinte, o día 11, O Milladoiro acolle a proposta “Cantaxoga”, de Migallas Teatro. Xa o venres 18, Bolboreta e Fabaloba chegarán a Bertamiráns a proposta de narración oral “U-lo mar?”. Esta actividade deixará paso ao Festival de Maxia de Ames “Festimax”, que celebra a súa décimo novena edición os días 25, 26 e 27 de outubro nos dous núcleos principais de Ames. Outubro rematará en Bertamiráns co espectáculo “Contos con susto para durmir con gusto”, de Vera Rilo e Sonsoles Penadique.

No mes de novembro desenvolveranse tres propostas. O venres 8, Paco Nogueiras levará o seu “Son animal” ao Milladoiro. Esta actuación virá seguida da proposta do Festival Cinema Miúdo, os días 14, 15, 16 e 17 nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Finalmente, Danzacontos chegarán tamén ao Milladoiro con “A marabillosa viaxe da pinga Pingona”.

Xa en decembro, para pechar a programación terá lugar a xa clásica visita do Apalpador a Ames, que este ano chegará ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, cargado de contos e cantos e cun agasallo máxico nacido na Serra do Courel, o venres 13 de decembro.

Actividades de animación á lectura
Do mesmo xeito, no outono volven tamén as actividades de animación á lectura, en forma de contos para a rapazada amesá a partir de 3 anos, e que se desenvolverán nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns entre outubro e decembro, sempre ás 17:30 horas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames retoma esta semana o programa Apego con Cé Orquestra Pantasma"

Imaxe da presentación da programación infantil con Apego

Multimedia

  • Imaxe da presentación da programación infantil con Apego
  • Cartaz da programación infantil con Apego