Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Xoves, 24 de outubro de 2024

O Concello de Ames pon en marcha por sétimo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 21 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. Este ano, como novidade, a concellería de Promoción Económica volve unirse ao Servizo de Normalización Lingüística na organización destes premios. Arredor de 70 empresas presentáronse a este certame nas seis edicións anteriores. As bases do concurso e a ficha de inscrición pódense descargar premendo nesta ligazón.

O salón de Plenos, na Casa do Concello, acolleu esta mañá a presentación da sétima edición dos Premios Lingua e Empresa, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López; a xerente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Salomé Blanco, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e o técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago.

A presentación comezou cun vídeo de Nós Televisión, que foi unha das empresas  gañadoras da sexta edición dos Premios Lingua e Empresa, xunto co local de hostalería O Transistor. Ana Viqueira, responsable de contidos de Nós Televisión, anima ao tecido empresarial do concello de Ames “a apostar polo noso idioma. En galego está demostrado que se pode facer todo”.

Trátase do sétimo ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial dos negocios locais, de maneira que se contribúa ao aumento e á mellora do uso social da lingua galega dende ese sector.

Presentación dos premios Lingua e Empresa
O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “no Concello de Ames facemos moitas actividades para promocionar e difundir o uso do galego, pero temos que seguir incidindo nesta liña porque os estudos do uso do galego no noso país non son positivos. É triste ver como cada vez as novas xeracións falan menos galego. Creo que estamos nunha situación de emerxencia lingüística en Galicia, por iso temos que seguir incidindo na defensa da nosa lingua porque é algo que nos diferencia dos demais”.

Blas García, engadiu “seguimos apoiando ao sector comercial de Ames e temos que facerlles ver que falar e usar o galego non resta senón que suma. Hai empresas de referencia no noso pais e no noso concello que usan o galego e non por iso deixar de ser empresas punteiras, por iso queremos que cada vez se sumen máis empresas e comercios a algo ao que lle temos que dar normalidade como é falar en galego en Galicia. As empresas teñen que ser un potente aliado do galego e por conseguinte acabarán sendo un potente aliado da nosa cultura, das nosas tradicións e do noso pais”.   

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou “sabemos que moitos establecementos comerciais xa fan uso da lingua galega na actividade diaria e nas súas actividades. Creo que é un certame moi importante porque se dirixe tanto a empresas que teñen un uso consolidado do uso do galego, coma aquelas que son de nova creación para  que aposten polo uso do noso idioma. Agardo que se inscriban moitos comercios e empresas”.

A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, dixo que “o galego é un potente aliado das empresas, que pode formar parte das súas estratexias de comunicación e marketing e dar moi bos resultados. Para facilitar as cousas, como xa temos datos de moitas empresas que participaron en edicións anteriores, para participar só será preciso cubrir a ficha de inscrición”.

O técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou “estes premios buscan destacar que o uso do galego por parte das empresas fainas únicas no seu territorio, é unha campaña de marketing que non costa cartos. Animo ás empresas do concello a participar e a apostar pola nosa lingua na súa actividade”.

Bases da convocatoria
Os aspectos que se valoran para a concesión deste recoñecemento son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, e o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue en calquera soporte. Tamén se valorará a sinalética e a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual do galego co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos (se os houbese).

Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán achegar os enlaces de información web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa.

Categorías e dotación económica
A sétima edición dos premios divídese, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período.

A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.

Prazos de presentación das candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e remata o día 21 de novembro de 2024 ás 14:00 horas.

As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo  normalizacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "O uso do galego na empresa ten un premio de 1.500 euros en Ames"

El Correo Gallego: "Ames premiará aos negocios do concello que empreguen o galego de forma cotiá"

O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá