Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a sexta edición do festival Ames Jazz, que se celebrará no Pazo da Peregrina os días 7 e 8 de xullo

Sábado, 01 de abril de 2023

O Pazo da Peregrina acolleu este venres a presentación da VI edición do programa Ames Jazz, que se celebrará os días 7 e 8 de xullo. A iniciativa englobará os concertos de Diego Alonso 5NTN e de Alejandro Vargas Trío, así como a proxección dos documentais “Jazz en liberdade” e “Lady Be Good – instrumental women in jazz”. No acto estiveron presentes a concelleira de Cultura, Natividade González; o director artístico de Ames Jazz, Xacobe Martínez; o músico Alejandro Vargas e a produtora de Diego Alonso, Constance Hurlé.

O Ames Jazz volve un ano máis para celebrar a súa sexta edición, e repite formato. Por segunda vez na súa historia, o festival durará dous días, o venres 7 e o sábado 8 de xullo, e conta, ademais de cos habituais concertos, coa proxección de dous documentais que gardan relación co xénero musical.

O Pazo da Peregrina, lugar onde se desenvolverán tanto as actuacións musicais como as proxeccións dos documentais, acolleu esta mañá a presentación do programa. Ao acto acudiron a concelleira de Cultura, Natividade González; o director artístico de Ames Jazz, Xacobe Martínez; o músico Alejandro Vargas e a produtora de Diego Alonso, Constance Hurlé.

A concelleira de Cultura, Natividade González, sinalou que “para min é un pracer presentar este evento, que é dos poucos festivais de jazz que temos en galego, e é un orgullo que se realice en Ames, neste espazo tan emblemático como é o Pazo da Peregrina. Este ano repetimos a fórmula da pasada edición, que acadou un gran éxito, e volveremos a ter dous días de jazz e de proxección”. A concelleira aproveitou para agradecer aos responsables da produción do festival e á técnica de Cultura, María Vázquez, a súa implicación na organización, afirmando que “eles son os responsables de que poidamos presumir ano tras ano do Ames Jazz”.

O director artístico de Ames Jazz, Xacobe Martínez, puxo en valor que “o traballo, o talento e a traxectoria dos artistas que van estar no Ames Jazz garanten que o festival vai ser unha marabilla. A proxección dos documentais é unha forma de facer medrar a proposta, e foi un acerto”. Ademais, aproveitou para recordar que “esta é unha gran aposta da concellería de Cultura, e nós debemos estar á altura da responsabilidade e o compromiso. Cremos que o Ames Jazz é un referente para os festivais deste xénero en Galicia e queremos que o siga sendo. Animamos ao público a que veña a desfrutar”.

O primeiro dos concertos programados terá lugar o 7 de xullo, e correrá a cargo de Diego Alonso 5NTET, un grupo de jazz liderado polo saxofonista e compositor vigués que dá nome ao mesmo. As composicións do quinteto nacen da necesidade da expresión a través da música propia do líder da formación, sendo a meirande parte creación do músico. A banda sitúase no eixo do jazz contemporáneo, partindo de diversas abordaxes rítmicas, tímbricas e estilísticas.

A produtora de Diego Alonso 5NTET, Constance Hurlé, explicou que “é un quinteto que naceu no 2021 en Portugal, e no que os músicos do conxunto teñen unha forte vinculación coa liña que divide Galicia e Portugal. No proxecto déixase espazo ás voces individuais, á experimentación máis contemporánea e á ponte entre músicos cunha traxectoria consolidada e voces novas do jazz. Nese sentido, Diego Alonso abre espazo á maneira de entender a música de cada un dos integrantes”.

Por outra banda, xa na segunda xornada, a do día 8, actuará o trío Alejandro Vargas. O pianista que lle da nome ao grupo, natural de Holguín (Cuba), leva afincado en Galicia dende hai máis dunha década, tras unha longa traxectoria musical no seu país. A súa carreira está principalmente vinculada ao jazz e á música contemporánea. Chegará a Ames acompañado Pablo Sanmamed no contrabaixo e Sergio Gonzales na batería.

Vargas afirmou estar “moi contento” por poder tocar co concello, lugar no que desenvolve a súa actividade profesional. “Aínda que veño de Cuba, non vou mostrar sons cubanos. Galicia dáme a oportunidade de explotar, e no Ames Jazz vou presentar por primeira vez un proxecto sonoro que veño desenvolvendo dende hai uns cinco anos, e que aínda está en proceso de creación”.

Documentais sobre jazz

Ademais, por segunda vez na historia do Ames Jazz, incorpóranse á programación dúas proxeccións de cinema, que completan a oferta do festival.

Por unha banda, o venres 7 de xullo proxectarase “Jazz en liberdade”. Dirixido polo galego Xes Chapela, o documental amosa como a vila mariñeira de Cangas se converte no epicentro da música jazz na Península Ibérica, contando non só cun dos festivais do xénero máis lonxevos do país, senón tamén con numerosos músicos de jazz. “Jazz en liberdade” obtivo o Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Ademais, na peza saen varios dos músicos que tamén estarán presentes esa noite no escenario.

Para a segunda noite, acompañando ao concerto do cubano Alejandro Vargas, a proposta é un documental tamén procedente do continente americano: “Lady Be Good – instrumental women in jazz”. Trátase dunha peza da directora Kay Ray, na que se amosan as complicados obstáculos aos que se tiveron que enfrontar as mulleres americanas instrumentistas de jazz entre as décadas de 1920 e 1970.

Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión metereolóxica adversa, tanto os concertos como a proxección dos documentais terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "O Ames Jazz 2023 será os días 7 e 8 de xullo"

Foto da presentación do Ames Jazz 2023

Multimedia

  • Cartaz do Ames Jazz 2023
  • O Concello de Ames presenta a sexta edición do festival Ames Jazz, que se celebrará no Pazo da Peregrina os días 7 e 8 de xullo
  • O Concello de Ames presenta a sexta edición do festival Ames Jazz, que se celebrará no Pazo da Peregrina os días 7 e 8 de xullo
  • O Concello de Ames presenta a sexta edición do festival Ames Jazz, que se celebrará no Pazo da Peregrina os días 7 e 8 de xullo
  • O Concello de Ames presenta a sexta edición do festival Ames Jazz, que se celebrará no Pazo da Peregrina os días 7 e 8 de xullo