Pestanas principais

O Concello de Ames presenta un conto dos Bolechas ambientado na Carballeira dos Trasgos

Martes, 28 de xaneiro de 2025

O Concello de Ames presentou esta mañá, na Escola Infantil municipal O Bosque, “Os Bolechas: A Carballeira dos trasnos”, un conto protagonizado polos populares personaxes dos Bolechas e ambientado na Carballeira dos Trasgos localizada en Ventín. Este proxecto vén nado para poñer en valor este espazo natural, así como para dalo a coñecer entre os máis pequenos de Ames.

O Concello de Ames presentou esta mañá na Escola Infantil Municipal O Bosque o conto “Os Bolechas: A Carballeira dos trasnos”, unha historia ambientada na Carballeira dos Trasgos localizada en Ventín na que os populares personaxes galegos teñen que escoller os seus disfraces de Entroido, ao tempo que descobren a fauna deste fermoso espazo natural.

Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a concelleira de Educación, Carmen Porto; e a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Rural, Javier Antelo, explicou que, con esta iniciativa, “quixemos poñer, aínda máis, en valor a Carballeira dos Trasgos e tamén dala a coñecer como unha zona propia de lecer, para encontros familiares ou reunións de amigos”.

Na mesma liña, a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, destacou que “é un proxecto que ven de hai moito tempo, vimos nos personaxes dos Bolechas un xeito moi fácil de achegar aos máis pequenos a este espazo natural. A nosa idea é que a carballeira acabe sendo empregada como un sitio de reunión, para ir a merendar ou para ir a comer, como se facía antes”.

Sobre o conto
Nesta aventura, os Bolechas chegan ata a Carballeira dos Trasgos coa tarefa de ter que preparar un disfraz para o Entroido. Unha vez que poñen en común todas as opcións, danse de conta de que os disfraces teñen que estar relacionados co monte. Unha vez que se atopan na carballeira, comezan a observar os diferentes animais que hai nas árbores e cada personaxe acaba escollendo un para o seu disfrace. A historia remata cunha comida na propia Carballeira de Ventín para celebrar o Entroido.

Un proxecto para poñer en valor a contorna natural de Ames
Con esta iniciativa, búscase poñer en valor este espazo natural e dalo a coñecer entre a veciñanza, sobre todo entre os máis pequenos, sendo unha oportunidade idónea para que coñezan diferentes elementos da natureza como para que se acheguen a coñecer a propia carballeira. O departamento de Medio Natural do Concello de Ames colaborou con Pepe Carreiro, creador dos Bolechas, na busca da idea exacta para este proxecto.

Patricia Reboreda explicou que “puxémosnos en contacto con Pepe Carreiro e con Tomás Valín (da editorial Bolanda) para facer este proxecto e eles de seguido viron factible a idea. Estivemos pola carballeira varios días e, finalmente, acertaron moi ben en buscar ese dobre xogo entre os disfraces de Entroido cos animais da carballeira, xa que o tema dos animais é algo que lle adoita chamar moito a atención ás crianzas”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O novo libro dos Bolechas ambiéntase na fauna da Carballeira dos Trasgos"

O Concello de Ames presenta un conto dos Bolechas ambientado na Carballeira dos Trasgos

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta un conto dos Bolechas ambientado na Carballeira dos Trasgos