Pestanas principais

O Concello de Ames presenta un vídeo con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Martes, 09 de febreiro de 2021

Dende as Concellerías de Promoción Económica e  de Igualdade, realizouse unha peza audiovisual para dar visibilidade á muller na ciencia e a innovación, mostrando distintas iniciativas que, dende o eido privado e público, se están a desenvolver por mulleres e nenas de Ames. No vídeo, que se publicará este xoves, 11 de febreiro, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, aparecen alumnas dos centros escolares de titularidade pública: IES de Ames, IES do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEP Plurilingüe de Ventín, CEIP A Maía e CEIP Agro do Muíño. Ademais, das alumnas cóntase coa colaboración de mulleres do ámbito da ciencia e innovación de empresas con dese en Ames como Conic Vascular España, Bahía Software e Tecalis, así como cunha investigadora matemática e coa médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.

O Concello de Ames súmase así á conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Conscientes da falta de visibilidade das mulleres neste campo, dende as Concellerías de Promoción Económica e de Igualdade realizouse un vídeo para darlle visibilidade ás iniciativas levadas a cabo por nenas e mulleres de Ames. A peza audiovisual, que se distribuirá en diferentes formatos e plataformas o 11 de febreiro, foi realizada pola empresa Mirabelle Produccións, con sede en Ames .

A concelleira de Promoción Económica e responsable da área de innovación, Ana Belén Paz, explica que “conscientes da falta de visibilidade da muller na ciencia e a innovación queremos dar a coñecer as distintas iniciativas, que dende o eido privado e o eido público educativo, se desenvolven por mulleres e nenas do noso municipio. Por iso, quixemos realizar un vídeo para a súa distribución en diferentes formatos e plataformas, que amose o peso real da muller e da nena neste eido, e poder presentalo o próximo 11 de febreiro, día no que se celebra o Día da Muller e da Nena na Ciencia e na Innovación”.

Deste xeito, farase pública a labor que, tanto rapazas como adultas, realizan no sector da ciencia. O vídeo farase eco do traballo que fan nenas como Laura Montaña e Rosana Fernández do IES Ames; Clara González e Antía Somoza, xunto coa súa profesora Mónica Parente, no IES do Milladoiro; Martina Rey Pérez, Aixa Tarrio Mato, Enma Martinez Carrillo e Adriana Trenco Varela, alumnas do CEIP de Barouta. Neste traballo audiovisual tamén aparecen Sara Zendón e Elena Ventoso, do CEP Plurilingüe de Ventín; Aldara Domínguez e Candela Penedo do CEIP A Maía, e Zoe Glasscock e Julia Abelleira do CEIP Agro do Muíño.

En canto ás mulleres que se adican á ciencia e á innovación en Ames, o vídeo mostra empresas innovadoras con sede no concello de Ames. Deste xeito, participan Paula Rey, responsable de calidade da empresa Conic Vascular España; Paz Dapena, xefa de proxectos da empresa Bahía Software; e Berta Caro, directora de corporativo da empresa Tecalis. Ademais, participan no proxecto Victoria Otero Espinar, unha investigadora matemática, que dispón dunha experiencia en investigación de 32 anos e cunha experiencia como docente de 34 anos, e Magdalena Seco, médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “a falta de referentes femininos e os estereotipos que aínda existen seguen a influír a hora  de que as nenas se animen a cursar carreiras STEM”. Ademais, engade “o que se pretende a través desta iniciativa é recuperar e visibilizar a figura das científicas referentes para que o seu traballo sirva de inspiración ás nenas e adolescentes, así como visibilizar ás que temos no noso entorno máis próximo para que ninguén poida seguir dubidando da capacidade das nenas e as mulleres para as ciencias”.

Ames coa ciencia e a innovación
O Concello de Ames, como membro da Rede Innpulso, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, traballa co sector empresarial amesán no desenvolvemento de políticas de promoción empresarial que incentiven un modelo produtivo baseado na ciencia e a innovación. Entre os diferentes proxectos que se realizaron, destacan o InnovaAmes ou a recente adquisición do espazo coworking A Proa, adicado a empresas innovadoras.

Novas relacionadas:

Código Cero: "Ames convoca ás investigadoras do concello, futuras e presentes, para festexar o Día da Muller e da Nena na Ciencia"

El Correo Gallego: "Vídeo amesán polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o 11"

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Multimedia

  • Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia