Pestanas principais

O Concello de Ames presenta unha ampla programación cultural para o último terzo do ano da man do programa Apego

Venres, 01 de setembro de 2023

O Concello de Ames presentou as propostas que compoñen a programación infantil con Apego de Ames para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2023, que inclúen dende xogos, contos, obradoiros, espectáculos musicais e teatrais e foliadas ata maxia ou cinema. O programa abre a vindeira semana coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma e a cooperativa Miudiño, que serán o mércores 6 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o xoves 7 na carballeira de Ventín do Milladoiro. Comezarán ambos días ás 18:00 horas, son de balde e non se precisa inscrición previa. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro as familias poderán gozar dun feixe de actividades lúdicas e participativas que lles achegarán recursos para unha crianza positiva, natural e creativa. Neste programa inclúense propostas do departamento de Normalización Lingüística e dos departamentos de Cultura e Bibliotecas.

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación desta iniciativa, á que acudiron representantes e persoal técnico dos distintos departamentos. Deste xeito, asistiron ao acto Blas García, alcalde e responsable de Normalización Lingüística e Cultura; Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística; Fátima Souto, persoal do Servizo de Normalización Lingüística; e María Vázquez, técnica de Cultura.

O alcalde de Ames, Blas García, sinalou a importancia do programa Apego para o municipio pois “este é un programa xa consolidado e con moitos anos de rodaxe cunha función moi importante, achegar aos máis novos á cultura e a lingua galega”. O rexedor tamén destaca a boa sintonía que existe entre os distintos departamentos á hora de realizar programación conxunta tal e como se mostra co programa Apego.

Pola súa banda, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que “as diversas actividades que configuran o programa teñen todas elas como fíos condutores favorecer a transmisión lingüística e achegarlles ás familias recursos variados para unha crianza consciente e en galego”.

Actividades para as crianzas dende setembro ata decembro
A primeira actividade deste último cuadrimestre terá lugar esta mesma semana, o mércores 6 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o venres 7 na carballeira de Ventín, no Milladoiro, coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma. Esas dúas tardes, a partir das 18:00 horas, haberá música, xogos tradicionais e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. A actividade é de balde e non é necesaria inscrición previa.

Ademais, setembro inclúe outras tres propostas. O venres 15, Paco Nogueiras ofrecerá o concerto “C@nto contigo” no Milladoiro. O mércores 20, Trinke Trinke levará o seu espectáculo teatral “Animais do bosque” ao Milladoiro, mentres que o xoves 21 estarán en Bertamiráns. Xa para pechar o mes, o venres 22 celebrarase o danzacontos “Viaxando coas anduriñas: ritmos na selva”, de Laura Martínez Rey, en Bertamiráns.

A programación continuará en outubro con catro actividades máis. A primeira será o espectáculo de linguaxe visual “Baby esféric” con Aboon Teatre, o venres 6 no Milladoiro. O día seguinte, o sábado 7, o Milladoiro acolle a actuación “A familia dos Bolechas”, de Bolanda. Xa o venres 20, Baobab Teatro desenvolverá o espectáculo musical “Palabras” en Bertamiráns. Esta actividade deixará paso ao Festival de Maxia de Ames “Festimax”, que celebra a súa décimo oitava edición os días 27, 28 e 29 de outubro nas dúas vilas principais de Ames.

No mes de novembro desenvolveranse tres propostas. O venres 3, Pablo Díaz e Olga Kirk levan a súa “Foliada de Samaín” a Bertamiráns. Esta actuación virá seguida da proposta do Festival Cinema Miúdo, os días 16, 17, 18 e 19 nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Finalmente, Marta Ortiz chegará tamén ao Milladoiro con “Onde nace a lingua”.

Decembro comezará cunha proposta de estimulación sonora da man da Asociación Antonio Gandoy, o día 1 en Bertamiráns. Para pechar a programación, terá lugar a xa clásica visita do Apalpador a Ames, que este ano chegará ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, cargado de contos e cantos e cun agasallo máxico nacido na Serra do Courel, o venres 15 de decembro.

Actividades de animación á lectura
Do mesmo xeito, no outono volven tamén as actividades de animación á lectura, en forma de contos para a rapazada amesá a partir de 3 anos, e que se desenvolverán nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns entre outubro e decembro, sempre ás 17:30 horas.

Presentación da programación do Apego para o outono 2023

Multimedia

  • Cartaz da programación do outono 2023
  • O Concello de Ames presenta unha ampla programación cultural para o último terzo do ano da man do programa Apego
  • O Concello de Ames presenta unha ampla programación cultural para o último terzo do ano da man do programa Apego