- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar unha nova edición dos seus concursos de decoración de Nadal, un destinado á veciñanza e outro aos comercios locais. As iniciativas, consolidadas xa como uns clásicos do Nadal amesán, teñen como obxectivo buscar a colaboración de veciños e comerciantes na decoración do concello durante estas festas. Deste xeito, os comercios participantes poderán decorar os seus escaparates e, por outra parte, a veciñanza que colabore decorará as súas vivendas particulares, xardíns, fiestras ou balcóns coa temática de Nadal. En total repartiranse 6.000 euros en premios; 4.000 euros destinados ao concurso de escaparates e 2.000 no de decoración veciñal.
A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación dos dous concursos de decoración de Nadal organizados polo Concello de Ames; a XIX edición do Concurso de Escaparates e a III edición do concurso de Decoración de Nadal Veciñal. Ao acto asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo.
Durante a presentación, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, animou a comerciantes e particulares a participar en ambos concursos, “para que a xente veña visitar Ames e teñamos dinamización nas nosas rúas”. Ademais, adiantou que o vindeiro ano haberá algunha modificación no concurso de decoración veciñal “queremos introducir tamén as nosas aldeas e imos dar a opción de que poidan participar en conxunto”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, tamén animou á participación nestes concursos e afondou na nova iniciativa adiantada por Ana Belén Paz, “estamos falando entre o departamento de Medio Ambiente e Promoción Económica para levar adiante un concurso en conxunto orientado cara os núcleos rurais, onde estamos pensando en traballar máis con elementos sostibles como pode ser a madeira ou os refugallos”.
Concurso de escaparates
Nesta décimo novena edición do concurso de escaparates de Ames, que ten como motivo de decoración as festas de Nadal, valoraranse diferentes aspectos; en función do deseño ou atracción de compra que provoquen, a orixinalidade e composición, o uso dos propios produtos do comercio ou tenda no propio escaparate e o fomento da sustentabilidade, coma por exemplo a utilización de produtos reciclados.
En total repartiranse 4.000 euros que estarán divididos en 4 premios de 1.500 euros, 1.100€, 800€, e 600€ respectivamente. Ademais, os comercios gañadores beneficiaranse dun espazo publicitario de balde en Ames Radio durante un mes. O prazo para presentar as solicitudes de participación no concurso de escaparates estará aberto desde mañá día 4 de decembro ata o vindeiro día 11.
Con esta iniciativa preténdese incentivar e apoiar aos establecementos de Ames para atraer clientes e aumentar o consumo no comercio local nunha época tan importante para o sector.
Poden consultarse as bases completas para participar na seguinte ligazón e o impreso de solicitude para participar no Concurso de Decoración de Escaparates na seguinte ligazón.
Decoración veciñal
Por outra banda, tamén se presentou a terceira edición do concurso de decoración de Nadal veciñal de Ames, que pretende incentivar á colaboración da veciñanza para encher as fachadas, balcóns, fiestras e xardíns das vivendas privadas dun ambiente e espírito festivo de Nadal. Outro dos obxectivos desta iniciativa tamén é contribuír á mellora do ánimo de toda a veciñanza xunto con atraer visitantes ao municipio, tanto no rural coma no urbano.
O importe para estes premios é de 2.000 euros divididos en catro premios de 500 euros cada un.
A valoración da decoración veciñal estará baseada na creatividade da decoración, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta a orixinalidade e elaboración propia así como a utilización da iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo.
Neste caso, o prazo de inscrición anunciarase nos vindeiros días xa que está pendente a publicación das bases do concurso no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
Poden consultarse as bases completas para participar na seguinte ligazón e o impreso de solicitude para participar no Concurso de Decoración Veciñal na seguinte ligazón.
Solicitudes para participar e xurado
O xurado estará composto por 3 membros; un representante do voluntariado de Ames, outro do voluntariado de Protección Civil de Ames e un representante da Unión de Consumidores de Galicia. Cada membro do xurado fará a súa valoración individual e, posteriormente farase unha media de cada unha delas. A puntuación máxima á que pode optar cada establecemento é de 20 puntos.
Os comercios e veciños interesados poden presentar as súas solicitudes a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello de Bertamiráns, ou das Oficinas Municipais do Milladoiro.
Tanto para escaparates coma para vivendas particulares, só poderá presentarse un único proxecto e, tanto comerciantes coma veciñanza, os escaparates deberán estar expostos, como mínimo, desde o 9 de decembro de 2024 ata o 1 de xaneiro de 2025. No caso da decoración veciñal, os concursantes deberán enviar dúas fotos da decoración ao enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal antes do 18 de decembro de 2024. En canto aos establecementos, só é necesario que envíen unha fotografía.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames premia la decoración navideña de casas y negocios"
El Correo Gallego: "Ames destina 6.000 euros aos mellores escaparates e decoracións de Nadal"