Pestanas principais

O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro

Mércores, 27 de marzo de 2024

O Concello de Ames, a través dos departamento de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Cultura, presentou esta mañá a programación especial co gallo da celebración do Mes do Libro. Este ano está formada por obradoiros, sesións de contacontos, concursos, teatro e encontros literarios. As actividades, que comezan o vindeiro martes, 2 de abril, estenderanse ata o sábado 20. A presentación de dita programación realizouse esta mañá na Biblioteca de Bertamiráns por parte do alcalde e concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Blas García, e por persoal do departamento de Bibliotecas, Mercedes Regueira. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa.

O mes de abril é, por excelencia, o Mes do Libro, pois o día 2 celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e o 23 é o Día Internacional do Libro.  Como cada ano, ambas as dúas efemérides traen un mes de programación especial nas bibliotecas do concello de Ames. Desta volta, o mes do libro incluirá obradoiros, sesións de contacontos, encontros literarios, concursos de debuxo, teatro infantil, visitas escolares á biblioteca do Milladoiro, etc.

Esta mañá presentouse na biblioteca municipal de Bertamiráns, situada na Casa da Cultura, a programación “Mes do Libro. Abril 2024”, elaborada polos departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. Ao acto asistiron o alcalde e concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García; e persoal do departamento de Bibliotecas, Mercedes Regueira.

Durante a súa intervención, o rexedor sinalou que esta é unha programación “ampla e extensa”, que recolle actividades “variadas, para todos os públicos, e que abarca posibilidades para todos os gustos”. Así mesmo, destacou que esta é unha das características que “nos últimos anos converteron ao concello de Ames nun referente cultural a nivel municipal”. Asemade, destacou a presentación dos libros antolóxicos cos texto premiados nas vinte edicións que se levan organizado do certame literario do Concello de Ames. “É bo recoller todos estes textos nun único libro de narrativa e noutro libro dedicado aos textos premiados na categoría de poesía”.

Ademais, Blas García e Mercedes Regueira estiveron vendo o mural recentemente pintado na biblioteca de Bertamiráns pola artista Laura Tova. Este mural, xunto a outras actuacións como a nova imaxe gráfica da biblioteca, foi pintado grazas a unha subvención que recibiu o Concello de Ames.

Programación “Mes do Libro. Abril 2024”
A programación comezará o vindeiro martes, 2 de abril, ás 17:30 horas, con “As cores do Arco da Vella”, unha sesión de contacontos para nenos e nenas maiores de 3 anos na biblioteca do Milladoiro. Repetirase o día 3, tamén ás 17:30 horas, na biblioteca do Milladoiro, e os días 16, 17 e 18 de abril na biblioteca de Bertamiráns, á mesma hora.  Para inscribirse é preciso enviar, entre o 8 e o 13 de abril, un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e idade dos nenos/as que vaian a participar, así como un número de teléfono de contacto.

Durante o mes de abril, tamén se presentarán diversos libros nas bibliotecas municipais. Así, o xoves 4 de abril, ás 18:00 horas, presentarase o libro “Voa Voa” de Artur Trillo. O acto será na biblioteca de Bertamiráns e está dirixido a público familiar. Ademais, sortearanse entradas para a obra de teatro homónima que se representará o venres 5 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As entradas para este espectáculo teatral poden adquirirse na Billeteira electrónica.

O martes 9 de abril será a quenda de Carlos Labraña, que presentará a súa obra “Mambrú volveu da Guerra” na  biblioteca do Milladoiro ás 17:30 horas. Ao día seguinte tamén ás 17:30 horas, na biblioteca de Bertamiráns, presentarase o libro “Valentina nunca calas e o monstro da media cara”, de Charo Pita.

Así mesmo, as bibliotecas preparan tamén varias visitas do alumnado da EEI O Milladoiro á biblioteca municipal. Serán os días 3, 4, 5 15, 16 e 17 de abril, ás 10:30 horas. Os rapaces e rapazas participarán en sesións de contacontos. Ademais, o persoal da biblioteca explicaranlles os distintos servizos que se ofrecen na biblioteca.

Actividades do programa Apego, obradoiros e certame literario
O departamento de Normalización Lingüística tamén forma parte destas actividades a través do programa Apego. Así, o venres 12 de abril, ás 17:30 horas, Alouette Machine levarán ao Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o obradoiro "Os superpoderes das aves". Dirixido a nenos a partir de 3 anos, trátase dun obradoiro de imprenta creativa para achegarnos ao funcionamento dunha imprenta e ao mundo das aves que nos rodean, poñendo en valor o uso da lingua e o noso patrimonio cultural e ambiental. Ademais, cada crianza elaborará a súa propia postal. Para participar é preciso inscribirse, entre o 4 e o 11 de abril, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

Por outra banda, o venres 19 de abril, ás 17:00 horas, na biblioteca do Milladoiro terá lugar o obradoiro "Contos en figuras luminosas", dirixido a nenos a partir de 3º de primaria. Este mesmo obradoiro terá lugar na biblioteca de Bertamiráns o sábado 20 de abril, ás 11:30 horas. En cada un ofértanse un total de 12 de prazas. As familias interesadas poden inscribirse entre o 8 e o 16 de abril enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, curso do neno/a e un teléfono de contacto. Tamén será posible inscribirse chamando aos teléfonos 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns).

Ese mesmo día, 19 de abril, ás 18:00 horas, Cris de Caldas e Xabi do Miño levarán á Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo "Contos en familia" como parte da programación Apego. Dirixido a público familiar, trátase dun espectáculo de contos, música e presentación dunha ampla escolma de libros esenciais para tratar temas clave na crianza. Un menú de conto pensado para introducírmonos no mundo da literatura infantil e para compartir experiencias e inquedanzas. Para participar é preciso inscribirse, entre o 12 e o 18 de abril, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

Ademais, o sábado 20 de abril presentaranse os libros (un de poesía e outro de narrativa) que recompilan os textos gañadores das últimas vinte edicións do Certame Literario do Concello de Ames. Será no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas.

Concurso de debuxo e campaña Superlectores
Doutra banda, vólvense a organizar, un ano máis, un certame de debuxo e a campaña Superlectores. Por un lado, co “III Concurso de debuxo”, as bibliotecas invitan a todos os rapaces e rapazas que cursan Educación Primaria ou Secundaria a realizar un debuxo cuxo tema verse sobre o Día do Libro ou a lectura en xeral. O debuxo debe presentarse en tamaño folio, e pode levarse a cabo coa técnica que os participantes prefiran (rotuladores, ceras, collages, acuarelas...). Neles, a rapazada poderá expresar, por exemplo, cal é o seu libro favorito ou o seu momento ideal para ler, por que animan a outros cativos e cativas a iniciarse na lectura, etc.

Os interesados en participar no concurso xa poden presentar, entre o 1 e o 17 de abril, os seus debuxos. Deben facelo de maneira presencial nas propias instalacións das bibliotecas ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, no que ademais da obra do neno/a figuren tamén o seu nome e apelidos, unha foto e un teléfono de contacto. As bases e os premios pódense consultar ao completo premendo nesta ligazón.

Por outra banda, a campaña “Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Así, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas ata o vindeiro 11 de outubro. Para dispor de máis información da campaña Superlectores podes premer nesa ligazón.

Os usuarios irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que terá lugar o 15 de outubro. En total haberá 8 premios na categoría infantil e 6 na de adultos.

Encontros literarios con autores
As bibliotecas continúan tamén cos seus habituais encontros literarios dirixidos a público adulto. O mércores 10 de abril chegará ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns Tuco Cerviño, para presentar o libro “Un taxi verde e un concerto”. A semana seguinte, o xoves 18 de abril, será a quenda de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero, que presentarán a súa obra “Os suicidantes”, ás 20:00 horas, tamén no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames celebra el Mes do Libro con cuentacuentos, talleres, teatro y concursos"

O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro
  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro
  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro
  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro
  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro
  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro
  • O Concello de Ames presenta unha programación específica con motivo do Mes do Libro