- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, pódese consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.
A Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do Certame Literario de Ames, unha iniciativa con máis de dúas décadas de andadura e que ten como obxectivo impulsar a creación literaria en lingua galega, xunto con promover e difundir a cultura propia. Ao acto acudiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
Pola súa banda, a técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que “o Certame Literario é unha plataforma de lanzamento para escritores noveis e, de feito, a día de hoxe, podemos ver a moitos dos escritores que participaron en edicións anteriores nos andeis das librerías máis prestixiosas do país ou velos galardoados con algúns dos premios máis importantes de literatura tanto a nivel galego como estatal”.
Así mesmo, o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, subliñou que “este certame segue tendo éxito despois de 22 anos porque goza xa dun gran prestixio en toda Galicia. Non só é importante os premios e contías económicas que se dan nos certames, se non do prestixio co que contan”.
O certame, como vén sendo habitual, consta de dúas modalidades, unha de narrativa e outra de poesía. Así mesmo, cada unha delas componse á vez de tres categorías divididas por franxas de idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á mocidade de entre 14 e 17, e a terceira resérvase para persoas de 18 anos ou máis. Deste xeito, outorgaranse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as dúas modalidades, e, finalmente, editarase un libro colectivo con todos os textos premiados.
O xurado estará composto por tres persoas do ámbito literario. Ademais, haberá un/unha responsable municipal que actuará como secretario/a. Deste xeito, á hora de valorar as creacións recibidas, o xurado terá en conta os seguintes criterios: técnica, orixinalidade, calidade lingüística e literaria, composición, cohesión, contido e estrutura da obra e outros valores artísticos que resalten nos textos presentados.
A decisión final do xurado anunciarase de maneira pública o 10 de xuño e a entrega de premios terá lugar o día 14 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro.
Bases do certame
O prazo para enviar os textos, inéditos e en galego, remata o 30 de abril. As persoas participantes mandarán catro exemplares do texto, escritos con interliñado a 1.5 e con tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50. Pódese consultar a bases completas do certame na seguinte ligazón.
É requisito imprescindible que as obras se presenten baixo un pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade escollida (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.
Os datos persoais e a documentación requirida das autoras e autores introduciranse nun sobre pechado. Para achegar estes datos cubrirase a ficha de participación que pode descargarse na seguinte ligazón ou solicitarse no enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. As persoas menores de idade deben tamén achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado, coa documentación requirida e a ficha de participación cuberta e asinada, xunto coas catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande deberá figurar tamén a modalidade, a categoría e o pseudónimo.
O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.
Premios
Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os/as participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os/as participantes de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta, o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.
Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Certame Literario de Ames recibirá obras ata o 30 de abril"
AMSGO!: "O Concello de Ames presenta a XXII edición do Certame Literario"