Pestanas principais

O Concello de Ames programa para este venres, 7 de maio, teatro infantil e para o público adulto

Luns, 03 de maio de 2021

Este venres, 7 de maio, a rapazada de 4 a 9 anos poderá desfrutar dos ditos populares coa obra de teatro “Voa,voa!”. Representarase  na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 horas. O mesmo día, tamén haberá teatro para o público adulto coa representación da obra dramática “Liberto”. Este espectáculo será ás 20.30 horas  na Casa da Cultura de Bertamiráns. Aínda quedan entradas dispoñibles para os dous espectáculos na billeteira electrónica. Estas obras de teatro están dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A compañía Talía Teatro representará a obra Voa,voa!, un espectáculo dirixido a nenos e nenas de 4 a 9 anos. Trátase un espectáculo para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes, despois de merendar, Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa.

Voa, voa! pretende recuperar ditos, retrousos, xogos de man... toda unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Un espectáculo para incentivar a xogar pero, sobre todo, incentivar ás familias a furgar na súa memoria para recuperar e transmitir os seus xogos da infancia e o vocabulario que se empregaba. Baixo a dirección de Artur Trillo, María Ordónez e Toño Casais, subiranse ao escenario durante 50 minutos para representar este espectáculo de teatro infantil.

Liberto
Por outra banda, a compañía Rebordelos trae a Bertamiráns a obra de teatro dramático Liberto, dirixida por Tamara Canosa e escrita por Gemma Brió. Este espectáculo está protagonizada por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao.

O espectáculo de 80 minutos de duración, conta en primeira persoa a historia de Ada, unha nai que ten a afrontar que o seu fillo recén nacido ten una parálise cerebral severa. Dende a forza que se atopa nos fiordos da vida, a peza amosa as aristas da maternidade e o lado máis mamífero desta, axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. Liberto é un relato honesto de como xestionar a dor e seguir avanzando, un proceso primitivo, pegado ao noso animal e, por iso, dá unha peza teatral chea de vitalidade.

Venda de entradas
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral para os espectáculos dirixidos ao público adulto ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,5 euros. En canto aos eventos infantís, a entrada xeral custa 4 euros e con prezo reducido, 2 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Estas obras están incluídas dentro da programación que establece o convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Teatro Voa, voa!

Multimedia

  • Teatro Voa, voa!
  • Liberto
  • Liberto