Pestanas principais

O Concello de Ames publica os horarios especiais do transporte metropolitano durante o estado de alarma

Domingo, 22 de marzo de 2020

Debido ao estado de alarma no que nos atopamos, o servizo de transporte metropolitano vese reducido ao 50% con modificación de horarios e quendas. Este servizo de transporte metropolitano depende da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ademais, o Concello solicítalle á Xunta que publique na web de mobilidade a información actualizada sobre o transporte metropolitano. Premendo nesta ligazón podes consultar o documento PDF completo dos horarios.

Ao longo destes días a veciñanza de Ames está a solicitar información acerca dos horarios sen que desde o Concello se tivese información dos mesmos. O pasado venres o Concello de Ames dirixiuse á dirección de mobilidade para solicitar a información dos novos horarios que non se atopaban na páxina web. A única información facilitada foi o nome das empresas que realizan o transporte metropolitano en Ames para que nos poñamos en contacto directo coas mesmas.
 
O Concello realizou un contacto directo coas compañías de transporte para coñecer os horarios e servizos actuais, os cales advírtense que serán temporais e poden sufrir variacións ao longo dos vindeiros días.
 
Monbus
Días laborais: A liña entre Santiago e O Milladoiro terá catro servizos, tres de mañá e un de tarde, mentres que as de saída do Milladoiro en dirección Santiago serán catro de mañá, unha a primeira hora ás 7:30 horas.
 
No caso da liña entre Santiago e Bertamiráns as frecuencias serán dúas, unha de mañá e tarde dirección Bertamiráns, e dúas de mañá dirección Santiago.
 
Ferrín
A liña Santiago-Negreira manterá dous servizos de mañá en ambas direccións e non terá servizo en fins de semana.
 
Arriva
A conexión Santiago-Ribeira con paso polo Milladoiro terá unha saída ás 7:00h da mañá desde Santiago, e outra ás 15:00 horas. A volta desde Ribeira será ás 6:00h e 15:00 horas.
 
Autobuses de Calo
Manteranse as liñas entre Santiago-Firmistáns, Santiago-Luou, Santiago-A Silva, O Milladoiro-Bertamiráns, rotonda das Viñas-Santiago e as circulares de Luou, Raíces e Firmistáns.
 
Todos estes horarios poderanse consultar na web do Concello e poden sufrir modificacións ao longo dos vindeiros días. Premendo nesta ligazón podes consultar o documento PDF completo dos horarios.
 
O Concello de Ames solicitaralle á Xunta de Galicia que se publiquen na páxina web de mobilidade, como responsables do contrato. Toda a información actualizada é de doado acceso á cidadanía. Para o Concello, as frecuencias existentes son escasas e non chegan ao 50% do servizo, polo que solicitarase unha revisión das mesmas e maior control por parte de mobilidade. 
 
 
Novas relacionadas:
 
O Concello de Ames publica os horarios especiais do transporte metropolitano durante o estado de alarma