- Tematica
Facer do núcleo de Bertamiráns un espazo atractivo, configurar un espazo de uso maioritariamente peonil ou crear espazos que favorezan o paseo eses son algúns dos obxectivos da humanización que o Concello de Ames quere levar a cabo no núcleo de Bertamiráns coa creación dunha améndoa central. Para conseguilo a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vai licitar un contrato de servizos para a redacción do proxecto, dirección facultativa e de coordinación de seguridade e saúde da creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns. O valor do contrato ascende a 68.584 euros. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER) nun 80% e o no 20% restante polo Concello de Ames.
O concello de Ames converteuse na periferia máis grande de Galicia, o que levou a que os núcleos urbanos que o compoñen medrasen dun xeito rápido e sen un Plan director comarcal que defina a estruturación do territorio. En concreto, Bertamiráns adoece dunha escaseza de servizos e zonas verdes por número de habitantes, da falta de espacio para a interactuación veciñal, dunha elevada contaminación acústica e dunha gran cantidade de tráfico rodado. Neste contexto, preséntase a necesidade de crear un eixe que vertebre todo o núcleo urbano de Bertamiráns a través da peonalización de rúas e da creación dun espazo cidadá que favoreza o paseo, as actividades comerciais e de ocio sen o uso do vehículo particular.
A delimitación da améndoa Central de Bertamiráns e as actuacións proxectadas para o espazo viario formarán parte dunha estratexia integrada e integral que pretenderá incidir, de forma coordinada, en aspectos sociais, económicos e demográficos que contribúan a unha cidade máis competitiva, máis intelixente e máis equilibrada territorial, social e ambientalmente, permitindo así a todo o municipio avanzar cara a un futuro máis sostible.
Proxecto de humanización de Bertamiráns
A améndoa central de Bertamiráns medirá preto de 16 hectáreas e comprende o entorno da intersección da Avenida da Maía coa Avenida da Peregrina (oeste), a travesía da Peregrina e a Avenida J.L. Azcárraga (norte), Camiño Novo, travesía do Lodeiro e paseo fluvial (este) e as rúas Agrelo e Alcalde Lorenzo (sur).
Con este delimitación preténdese configurar un espazo de uso maioritariamente peonil que englobe importantes puntos de atracción da poboación como son a Casa Consistorial, o Pazo da Peregrina ou a Praza da Maía. Permitirá, ademais, o acceso a pé a outros puntos de interese coma o parque do Ameneiral, os centros educativos ou os establecementos comerciais. O ámbito tamén contará cunha importante bolsa de aparcamento público.
As actuacións pretenden que esta améndoa se converta nun gran espazo cidadá en que se dea prioridade aos percorridos a pé ou en bicicleta. As liñas xerais das actuacións propostas están encamiñadas ao incremento do espazo peonil e a implantación de sentidos únicos de circulación e a supresión de bandas de aparcamentos nas rúas do Ameneiral, rúa Entrerríos, Agrelo, travesía na confluencia coa avenida da Maía e coa travesía da Peregrina.
Licitación da Redacción do proxecto
O primeiro paso desta humanización é a contratación da Redacción do Proxecto de Execución, a Dirección de Obra e a Coordinación de Seguridade e Saúde da execución das actuacións no núcleo urbano de Bertamiráns para a creación dunha améndoa central. O valor do contrato ascende a 68.584 euros.
O contrato terá unha duración aproximada de 20 meses contados a partir do día seguinte ao da formalización do mesmo. Para a adxudicación do contrato teranse en conta, entre outros, criterios a oferta económica, ata un máximo de 49 puntos; a experiencia na redacción de proxectos de urbanización e humanización, cun máximo de 23 puntos; a experiencia en dirección facultativa de obra, cun máximo de 14 puntos e a experiencia en coordinación de seguridade e saúde, cun máximo de 14 puntos.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER) nun 80% dentro do Programa Operativo Plurirexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, Impulsa Ames e do 20% polo Concello de Ames. Enmárcase na liña A8, “Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirregional de España–FEDER. Ademais, está vinculado coa implementación doutras liñas de actuación que contribúen a alcanzar conxuntamente outro dos obxectivos estratéxicos da DUSI Impulsa Ames “Asegurar a anclaxe da poboación xuvenil do concello, poñendo á súa disposición espazos atractivos para o ocio e a cultura” dotando ao núcleo urbano de Bertamiráns de espazos que o fagan atractivo.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou “a través de distintas melloras nas rúas sinaladas, teremos un espazo cidadán que favoreza o paseo, actividades comerciais e de lecer, espazos de centralidade no núcleo, que os faga atractivos para o paseo, as compras e o lecer veciñal, que sexa útil como punto de encontro e relación coa veciñanza e sexa, ademais, un motor comercial e de desfrute do concello”. E engadiu “coas distintas actuacións contribuirase a mellorar o medio ambiente urbano ambiental, paisaxística e urbanisticamente que conlevará un benestar na poboación”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Máis espazos peonís coa améndoa de Bertamiráns"
AMSGO!: "Peóns, bicicletas e menos coche privado: o Concello quere unha améndoa central en Bertamiráns"