Pestanas principais

O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás

Martes, 27 de agosto de 2024

Un ano máis, o Concello de Ames está a colaborar co programa Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A través desta iniciativa, que se vén desenvolvendo dende hai máis de vinte anos, familias galegas acollen durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís. Nesta edición, en Ames hai acollidas un total de 8 crianzas, que están a pasar o verán no municipio ata comezos de setembro.

Oito nenos e nenas saharauís están a pasar o verán con familias de acollida amesás. A súa estancia no concello é posible grazas ao programa Vacacións en Paz, que neste 2023 retomou a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A iniciativa consiste en que os cativos e cativas, que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Arxelia) poidan escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.

Para rematar a súa estancia en Galicia, as crianzas visitaron este martes, 27 de agosto, o salón de plenos da Casa do Concello, onde tivo lugar unha recepción oficial. Os rapaces e rapazas, xunto coas súas familias e a representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, foron benvidos polo alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, e o técnico de integración social, Leo Pena; así como por diversos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

O alcalde de Ames, Blas García sinalou que “a labor que fan as familias de acollida é vital para estes rapaces, e desde a Corporación municipal imos apoiar sempre este tipo de iniciativas”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, agradeceu a todas as familias acolledoras “a súa solidariedade, pois é un gran esforzo todo o que supón. O programa Vacacións en Paz non é nada sen as familias e sen o traballo que fai SOGAPS”.

Por outra banda, Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS, dixo “en nome de SOGAPS estamos encantados de volver estar na nosa casa, no Concello de Ames, e poder realizar esta iniciativa marabillosa. En Ames sempre nos abren as portas”.

Os oito nenos e nenas saharauís estarán coas súas familias de acollida ata a primeira semana de setembro, cando emprenderán a súa viaxe de volta ao Sáhara. Neste senso, ademais de actuar de mediador entre as familias amesás e SOGAPS, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz achegando o importe dos billetes de avión de ida e volta de cinco das crianzas.

Visita á radio municipal
Esta mañá tamén se achegaron ata as instalacións de Ames Radio, a radio municipal, para coñeceren da man do seu equipo como funciona a emisora e a súa programación. Deste xeito, acompañados dos xornalistas de Ames Radio, Belén Martínez e Juan Luis Silva; da concelleira de Benestar Social, Uxía García; e da representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, seis dos oito rapaces e rapazas puideron acceder aos estudos da emisora xunto coas súas familias para saber como funciona.

Así mesmo, puideron participar nun dos programas da grella diaria. Deste xeito, Adnán, Hadi, Mohamed, Larbi, Duaa, e Mariam convertéronse nos protagonistas do “Somos Ames”, o programa que se emite cada días ás 12:30 horas en Ames Radio.

Campaña de recollida de alimentos, medicación e material sanitario
O Concello de Ames volve a colaborar un ano máis coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) nunha campaña solidaria. Desa volta é para a recollida de alimentos, medicación e material sanitario para o pobo saharauí.

Precísanse glucómetros, tiras, lancetas e pilas de botón; instrumental para curas; streptotest, test de ouriños e test de embarazo; aspiradores de secrecións infantil; auga osixenada, alcol, betadine, clrohexidina; suturas e tiras de aproximación; luvas estériles tallas 6.5, 7 e 7.5; batas e campos estériles talla L e XL.

Tamén se solicita medicación oral: analxésicos,antiinflamatorios, amoxicilina 500 mg (tamén en suspensión infantil e intravenoso), xaropes antitusivos e mucolíticos, metformina, captopril, ennalapril, antihistamínicos, vitaminas, ferro, soro oral, colirios e gotas de oídos; pomadas: corticoides, antibióticas, antiinflamatorias, antifunxicas, para queimaduras, eritromicina para os ollos, etc.Por último, solicítase medicación inxectable: anestesia local (lidocaina, mepivacaína sen vasoconstríctor); analxésicos; antiinflamatorios; corticoides; antibióticos; metoclopramida (primperán); ranitidina; buscapina; e insulina.

Así mesmo, tamén puxeron unha campaña de recollida de alimentos de primeira necesidade. Desde a asociación solicitan mel, lentellas, aceite de oliva virxe, arroz, azucre, e latas de atún e sardiñas.

As entregas poden facerse, en horario de mañá, na Casa do Concello, en Bertamiráns, e/ou nas oficinas de Servizos Sociais no Milladoiro. Para máis información pódese contactar coa delegada da comarca de Santiago, Esther Ybarra, a través do número de teléfono 609 764 945. Tamén se pode colaborar cun donativo económico para que dende SOGAPS realicen a compra de dito material sanitario. O número da conta bancaria da asociación é: ES48 2080 5056 1130 4006 3331. No concepto hai que poñer “Comisión sanitaria”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Reciben en el Concello a los ocho niños saharauis que pasan el verano con familias de Ames"

El Correo Gallego: "Ames recibe á rapazada saharauí que está este verán no municipio"

O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás

Multimedia

  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás