Pestanas principais

O Concello de Ames realízalle unha homenaxe aos familiares da corporación do Goberno de Ames de 1936

Luns, 28 de novembro de 2016

[28-11-2016] O goberno municipal organizou este sábado pasado, 26 de novembro, no salón de plenos da Casa do Concello un acto de homenaxe á corporación do Goberno de Ames de 1936. Este acto celebrouse con motivo dunha moción rexistrada por Ames Novo no Pleno do 27 de marzo 2014. Esta moción solicitaba a restitución simbólica nos seus cargos da Corporación democrática do período 1931-1936. A este acto invitouse aos familiares dos concelleiros que formaban a corporación do 36. Tamén interviu o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, que falou de dita corporación e do seu alcalde, Óscar Lojo Batalla. Ao final do acto descubriuse una placa na praza do Concello na honra dos membros de dita corporación. O grupo “As Lens” puxo música a este emotivo acto de homenaxe.


Aposta pola mellora da educación e das comunicacións
A continuación foi a quenda do cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, que falou de dita corporación e do seu alcalde, Óscar Lojo Batalla. “Foi unha corporación adiantada ao seu tempo e cunha dedicación plena ao seu concello”, dixo Viaño. Segundo o cronista oficial do Concello de Ames esta corporación tivo dúas metas principalmente: a mellora da educación e das comunicacións.

Maximino Viaño explica que “dende finais dos anos vinte ata 1936 realizouse a obra social máis importante do concello de Ames. En 1933 xa estaban funcionando as escolas unitarias de Agrón, Trasmonte e Cerdeiras patrocinadas pola sociedade Ribeiras do Tambre e vales da Maía. Ademais, en 1935 comezou a a funcionar a de Covas, patrocinada pola sociedade de veciños de Ames en Bos Aires. Alternativamente, creáronse as escolas mixtas de Searez de Arriba, Castiñeiro do Lobo, Ventosa, Piñeiro, Ameixenda e Tapia, quedando todo o concello con recursos efectivos neste sentido. Non teño datos concretos a este respecto das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, aínda que din que a labor deste goberno nestas parroquias tamén foi importante”.

“En obras públicas construíronse as estradas que unen Roxos e Portomouro, Tapia e A Ponte Maceira, e Bertamiráns e Osebe, así como executou os camiño que van de Quintáns a Lens e de Augapesada a Bertamiráns. Non teño claro se nese período tamén se fixo a que vai de Sisalde a Laraño”, indicou Maximino.

Tras esta palabras o propio Maximino Viaño foi dando paso aos familiares da corporación do 36 que recibiron unha medalla honorífica da man dos concelleiros e concelleiras e do alcalde que forman a actual corporación municipal.

De seguido, baixouse á praza do Concello onde se realizou unha foto de grupo nas escaleiras que dan acceso á Casa do Concello e descubriuse unha placa conmemorativa. Por último, interviron Filomena Fraga, a poeta de Ames, e mailos voceiros e voceiras dos grupos municipais de Ames que dixeron unhas palabras, antes de dar paso á interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia co que se pechou este emotivo acto.

Ao inicio do acto tomou a palabra o alcalde de Ames, José Miñones, que en primeiro lugar leu a acta do 21 de abril de 1931, onde se recolle a sesión de constitución da primeira corporación municipal democrática de Ames formada por 16 concelleiros electos, e da que saíu elixido alcalde por unanimidade, Óscar Lojo Batalla. De seguido, Miñones tamén deu lectura a acta do 1 de agosto de 1936 na que se recolle a constitución da comisión xestora municipal a través da cal se depón a legalidade democrática republicana.

O rexedor municipal indicou “quixemos facer a lectura desta actas en recoñecemento desta historia que hoxe nos trae aquí. Quero dar as gracias ás persoas que fixeron posible a organización deste acto. Hoxe é o día dos familiares da corporación de 1936 que están aquí, polo que despois da intervención da voceira de Ames Novo, Pilar Candocia, e do cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, faremos a entrega dunha medalla honorífica e descubriremos unha placa conmemorativa na praza do Concello”.

A voceira do grupo municipal Ames Novo, que en marzo de 2014 presentou unha moción na que se solicitaba a restitución simbólica nos seus cargos da Corporación democrática do período 1931-1936, destacou a labor da corporación do 36. “É coñecido por todos e todas que a a corporación do 36 foi un goberno liberal. Deste xeito, fomentou o asociacionismo, creou escolas e impulsou numerosas obras públicas, coma a apertura de novos camiños e arranxo dos que estaban en mal estado”.

Sobre a organización deste acto, Candocia, dixo que “é moi importante recuperar a memoria histórica. Nós entendemos que a decisión colectiva que tomou o pobo de Ames elixido a esa corporación non podía ser cesada pola armas, tal e como ocorreu, polo que era necesario realizar este acto. Para iso presentamos unha moción en marzo de 2014. Aínda que non se pode facer unha restitución como tal, si que estamos a homenaxear aos familiares de dita corporación. Animo aos familiares a que soliciten a restitución nos seus cargos da Corporación democrática do período 1931-1936, para que se faga en Pleno e quede reflectido nunha acta municipal”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames restituye a su primera corporación democrática"